Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sanidade hixienista, sanadores, físicos e ciruxáns (II)

O destino destes profesionais acabaría por estar en mans dos alcaldes e dos veciños

O trepanado practicábase nas doenzas mentais. // Arquivo do autor

Durante séculos e desde a máis remota antigüidade, as pequenas, numerosas e illadas aldeas de Galicia contaron cunha ou varias persoas ás que acudir para aliviar as doenzas. Estas persoas cuns certos coñecementos empíricos recibían o nome xenérico de manciñeiros que segundo a sua especialidade, aplicaban remedios obtidos das plantas e doutros produtos básicos como o aceite. O concepto de dor e sanación que ofrecía a Igrexa a penas conlevaba o sufrimento por Deus ou a rogativa e encomenda a un santo, acudindo a un senfín de romarías especializadas en cada mal, se este non era cousa do demo. Das mestura destas duas concepcións sanatorias, a empírica e a miragrosa, xurdirían pastequeiros (pax tecum), saudadores, ensalmadores, sacamadeiras, naipeiros e moitos charlatáns que sanaban todo tipo de doenzas que se eran descoñecidas se catalogaban como mal de ollo ou aire. Os ensalmos, versos, palabras ou fórmulas cabalísticas estaban á orde do día no remedio contra a dispepsia, as anemias, o raquitismo ou as crebaduras (hernias) e nas feiras podían mercarse pócimas e ungüentos infalibles para o reuma e as dores musculares.

Por outra banda existían os chamados Físicos que desde as grandes poboacións, irían pouco a pouco estendéndose a vilas e parroquias, ainda que este proceso foi moi lento en Galicia. A primeira mención que refrenda un certo control público da mediciña oficial aparece a mediados do século XIII coa promulgación do Fuero Legal de Alonso X "O Sabio". No título 16 da Ley 1ª xa se establecía que "ningún home obre de Física si no fuere antes aprobado por buen Físico por los Físicos de la Villa do hubiere de obrar e por otorgamiento de los alcaldes". Logo, serían os Reis católicos quen fundarían o tribunal do Protobarbeirado que velaba por que só exercesen aqueles barbeiros que foran examinados polos barbeiros maiores despois de ata catro anos de práctica con outro da profesión. Esta é unha das primeiras disposicións contra o intrusismo pois facía referencia aos barbeiros que abriran tenda para cortar (sajar) autorizándoos tamén a sacar dentes e moas, sangrar, poñer ventosas e sumesugas, non entremeténdose no oficio dos que só se dedicaban a afeitar.

En anos posteriores, os coñecementos médicos provocarían a creación do Protormedicato, tribunal herdeiro do anterior e formado polos médicos reais que examinaban na "teórica del arte sobre el conocimiento de las venas, cuáles y cuántas son y en qué lugares se reparten, y de los nombres de ellas". Despois de superar a proba práctica, o tribunal concluía por outorgar o título de Sangrador flebotoniano no que constaba que "visto por nós su habilidad y suficiencia y la buena cuenta y razón que en el examen dió, le aprobamos y por la presente damos licencia y facultad cumplida para que libremente sin pena ni calumnia alguna pueda usar y ejercer su arte en todos los casos y cosas a él tocantes y concernientes en todas las ciudades, villas y lugares de los reinos y señoríos de su Majestad, y para que pueda sangrar en las enfermedades de dolor de costado, erisipela, mal de garganta y caída, sacar dientes y muelas". Estes tribunais médicos exercerían o seu labor fiscalizador entre 1477 e 1822, ano no que se abolería definitivamente, pero, contodo, nos facultativos desta época seguía predominando a falta de coñecementos científicos, de preparación e de capacitación laboral. Os diagnósticos máis recorrentes eran os da nosoloxía como a exposición ao frío, trastornos dixestivos, miasmas invisibles, efluvios descompostos no aire que entraban pola respiración ou a pel que viñan a explicar a maioría das enfermidades, sobre todo as infecciosas. E a terapéutica baseábase na sangría e sustancias analxésicas, antiinflmatorias e diaforéticas (quina, opio, mercurio...) e purgantes ou enemas de eficacia relativa ou nula.

De 1542 datan as primeiras noticias do exercicio de dous barbeiros sangradores en Cangas que se reducirían a un só no ano seguinte. Resulta curioso comprobar como en Pontevedra, cirurxáns, sangradores e barbeiros se agrupaban en afinidade profesional na confraría dos Santos Apóstoles e máis chamativo ainda que na mesma figurasen tamén os armeiros e os banasteiros. Semella que a relación coa morte era o que os unía pois uns dedicábanse a evitala, outros a provocala e os últimos a facilitar os ataúdes. No ano 1617 menciónase ao cirurxián San Juan Gómez como propietario dunha casa queimada polos turcos e no 1622 quizais fose este mesmo facultativo quen dese cos seus ósos no cárcere público denunciado polo rancor que lle tiña Juan de Refoxos, segundo o galeno. Os sangradores alcanzarían un certo recoñecemento social, pero a sua práctica sempre estivo condicionada polos seus coñecementos e pola posición ambigua que ocupaban entre os profesionais titulados (médicos e cirurxiáns latinos) e outros empíricos sen formación cuxos métodos traspasaban adoito os límites da superstición.

Máis adiante, barbeiros, sangradores e cirurxiáns chegarían a equipararse sempre que pasasen o exame realizado polo Protomedicator conformado por cirurxáns latinos ou romancistas que estudaran medicina na universidade. Contodo, as malas prácticas destes facultativos trascendían socialmente sendo criticadas desta guisa:

Tén estudado cirurxía

non hai home máis afamado

agora imprime un tratado

todo de flosonomía.

Adoita andar nun xamelgo

que en vez de andar voa

sen parar saca unha moa;

máis almas tén no ceo

que un Herodes e un Nerón;

coñéceno en cada casa:

por onde queira que pasa

chámanlle á Extrema Unción.

Como últimas referencias á presenza de cirurxáns sangradores en Cangas recollemos a de Juan Antonio de la Guardia y Lira que exercería o seu oficio entre os anos vinte e oitenta do século XVII e a cabalo deste século e do seguinte aparece mencionado o nome do cirurxán Domingo de la Rua exercendo no ámbito de Moaña e Meira. No ano 1709 é a Confraría da Misericordia, unha das máis podentes pola orixe mariñeira dos seus socios, quen decide contratar un facultativo para darlle asistencia médica aos seus membros e a mediados do XVIII, Cangas conta só cun cirurxián titulado, Gregorio Carballo, que compartía atención médica con dous sangradores, Benito La Guardia e Manuel Suárez e dous barbeiros chamados Pedro Corbal (con oficial) e Blas Boullosa que traballa co seu pai.

Nestas datas xa se rexistra a presenza dun primeiro médico titulado na figura do portugués Juan Luis Benito Barata que solicita a vasalaxe do rei de España para poder regularizar a sua situación e oficio que xa viña exercendo anteriormente de xeito ilegal. Ainda que na Universidade de Santiago xa se creara en 1648 unha Facultade de Medicina (cátedras de Prima, Vísperas e Método), non sería ata 1751 cando se creasen as cátedras modernas de Anatomía e Cirurxía e a de Física, de aí a carencia de médicos, os poucos nas cidades portuarias, e que moitos dos primeiros en exercer fosen de procedencia extranxeira. No Cangas destas datas figuran exercendo Gregorio Carballo como cirurxán con aprendiz; Benito La Guardia e Manuel Suárez como sangradores e Pedro Corbal e Benito Boullosa como barbeiros, auxiliado este polo seu fillo Blas Boullosa como oficial. Outros cirurxáns, como Pascual de Matos Freire (dos Matos do Sistro en Coiro) tén residencia no Hio e Antonio do Souto exerce en Coiro, parroquia que tamén conta co cirurxán-sangrador Martín García e o sangrador/barbeiro Antonio Benito Soliño, tendo Aldán os sangradores/barbeiros Leopoldo Francisco Sotelo e Pascual Sotelo.

Durante estes longos anos e ata mediados do XIX a preocupación pola saúde non tiña rango institucional o que non quere dicir que as administraciones non se preocupasen do tema senón que non existía un "corpus" xurídico orgánico que se dedicase a prestar servizos permanentes neste eido. Os facultativos destas datas dirixían o seu labor á preservación das enfermedades contaxiosas e epidémicas de individuos e colectividades e á regulación profesional da arte e ciencia de curar. Asemade, o destino destes profesionais acabaría por estar en mans dos alcaldes e incluso dos veciños, quen incluso establecían a duración e anovación dos seus contratos segundo o mérito e bo comportamento dos mesmos. A loita contra as pestes, a lepra ou a sífile, primeiro, e de enfermidades como as vexigas (variola), as febres tercianas (paludismo), o tifo, o sarampelo ou a difteria, despois, marcarían as políticas e extratexias sanitarias de tempos posteriores. Estas enfermidades determinarían altas taxas de mortalidade, sobre todo infantil, alimentadas polas evidentes deficiencias hixiénicas e a ineficacia das autoridades neste sentido.

* Profesor e investigador de Cangas

Compartir el artículo

stats