Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A nova revolución dos "Miserábeis"

O IES Illa de Ons estrea no Auditorio de Cangas e no Centro Social do Mar de Bueu unha adaptación da novela de Víctor Hugo, cunha visión transgresora e feminista

A revolución de 'Os Miserábeis' empeza no Morrazo

A revolución de 'Os Miserábeis' empeza no Morrazo

Para ver este vídeo suscríbete a Faro de Vigo o inicia sesión si ya eres suscriptor.

A revolución de 'Os Miserábeis' empeza no Morrazo David García

Foi a principios do mes de marzo cando o IES Illa de Ons mostrou no Centro Social do Mar unha especie de avance do proxecto no que levan traballando todo o curso. Pero en menos de dúas semanas o traballo de máis de nove meses estará listo para representarse en escena. Nin máis nin menos que unha adaptación musical de "Os miserábeis", a famosa novela do escritor francés Víctor Hugo. Unha montaxe que inclúe preto de 40 escenas, momentos con máis de medio cento de persoas enriba do escenario e moito sacrificio e ilusión por parte de toda a comunidade educativa, especialmente do alumnado de ESO. A estrea oficial será o 19 de xuño no Auditorio de Cangas e voltará a representarse o venres 21 no Centro Social do Mar de Bueu.

O proxecto empezou a fraguarse a finais do curso pasado, cando se propuxo no claustro abordar a adaptación da novela en clave musical. Unha escolla motivada pola propia intensidade da historia, o seu contexto histórico, a forza das súas personaxes e as múltiples posibilidades para abordar o texto de Víctor Hugo desde as diferentes asignaturas. Lingua, historia, música ou incluso ciencias. "Houbo moito traballo previo e de adaptación. A historia mantense no século XIX, xusto despois da caída de Napoleón na batalla de Waterloo [en 1815], pero inclúense referentes actuais e outros que podemos considerar como atemporais", explican Teté García e Diana Vilas, dos departamentos de Música e Historia, e en boa medida impulsoras dun proxecto que superou as expectativas iniciais.

Un momento do epílogo, que reúne no escenario a practicamente todo o o reparto. IES Illa de Ons

A pesar de manter o vínculo do contexto histórico do século XIX e das revolucións da década de 1830 a adaptación que presentará o IES Illa de Ons está moi apegada ao momento actual, sobre todo polo papel das mulleres. "Quixemos darlle unha lectura feminista e transgresora", adiantan. Ese matiz poderá constatarse cunha maior presenza das personaxes femininas, que non terán un papel tan "pasivo ou sumiso" e na figura protagonista, que na novela de Víctor Hugo era un mozo e que nesta adaptación será unha muller.

A revolución feminista, a loita polos ideais, a denuncia das desigualdades sociais, o valor da educación como berce de toda revolución ou o dramatismo e esperanza que conleva a loita polos ideais son son algúns dos tema que se abordan ao longo deste musical, que se prevé cunha duración de 1 hora e 20 minutos e que divídese en dúas partes. A primeira sitúase en 1815 e nos anos posteriores, coa caída de Napoleón e a reinstauración das monarquías absolutistas. A segunda enmárcase na xestación das revolucións de 1830.

Ao longo destes nove meses de traballo todos os participantes foron superando numerosas barreiras e chegaron a interiorizar "Os miserábeis" ata límites insospeitados. "Algúns din que esta lectura cambioulles a vida", contan Diana Vilas e Teté García. O primeiro obstáculo ao que tiveron que enfrontarse foi o carácter amateur de case todos eles. "Aquí todos eramos alumnos, partíamos dun nivel cero de canto e interpretación. Todos fomos compañeiros e iso xerou unha gran relación de convivencia", contan. A representación estará cargada de momentos emotivos e intensos, como "A canción do pobo", pero quizais o máis emocionante para todos os participantes é o proceso que viviron nestes meses. "Como melloraron as súas relacións sociais, o axudarse os uns aos outros para poder integrarse todos, a capacidade de empatizar cos demais e coas personaxes... Quizais sexa o maior logro e o máis emotivo", suliñan.

Un momento no que se recrea o cadro "A Liberdade guiando ao pobo", de Delacroix. IES Illa de Ons

As letras das cancións foron adaptadas ao galego, un traballo de adaptación que tamén se fixo para facelas máis accesibles ao alumnado e que historia fose máis comprensible. Ao longo destes meses houbo moitos ensaios nos recreos e varias tardes á semana, fóra do horario lectivo, o que dá mostra do grao de compromiso de toda a comunidade educativa. Tamén houbo colaboracións, como a do experto en canto coral Ramón Bermejo, que cada mes impartía un obradoiro específico. Incluso o Centro Dramático Galego aporta unha importante axuda. "Deixáranos acceder a todo o seu vestiario para a caracterización das personaxes, que se completará con roupa cedida ou adaptada polas familias. A nosa representación non vai ser profesional, pero queremos darlle o acabado máis profesional posible", apunta Teté García. Para que todo vaia ben nas representacións contarán con técnicos profesionais de son e luces.

Á falta de menos de dúas semanas para a estrea hai nervios entre alumnos, mestres e persoal non docente. Pero por enriba deses nerviosismo está a ilusión de meterse na pel dos "Miserábeis" e mostrar todo canto levan traballado e evolucionado nestes meses.

Compartir el artículo

stats