Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arturo Sánchez Cidrás: "Coñecer o pasado debe facernos máis belixerantes ante as agresións ao patrimonio"

O autor intervén hoxe nunha charla polo 182 aniversario da constitución do Concello de Bueu

Arturo Sánchez Cidrás co I Premio Ermelo pola súa contribución a divulgar a histria do Morrazo. // S.Á.

Bueu celebra hoxe o 182 aniversario da súa constitución oficial como Concello. Ás 20.00 horas haberá un acto oficial no Centro Social do Mar, no que o consistorio entregará bandeiras oficiais da vila a distintos colectivos sociais e deportivos da vila. Deseguido haberá unha conferencia do mestre xubilado, investigador e experto en historia de Bueu, Arturo Sánchez Cidrás. A través dos seus libros, artigos e das entradas do seu blog acidras.blogspot.com é un dos principais divulgadores da historia da vila.

- O Concello de Bueu cumpre estes días 182 anos. Que balance se pode facer destes case dous séculos?

-Salvo pequenos matices e altibaixos ao longo do tempo, o balance no político, no social, no económico e non digamos no educativo ou no asistencial é totalmente positivo. A pesar da crise, do minguar das expectativas en moitos campos que se traduce como medo ao futuro que condiciona a nosa sociedade, Bueu, como pobo, nunca estivo mellor. Temos que pensar que nos momentos máis prósperos da súa historia a miseria, a submisión laboral e política eran a norma e non a excepción. Por poñer un só exemplo, no 1850 o Concello de Bueu declara a existencia de 580 pobres.

- Que se podería apuntar sobre o proceso para a constitución daquel Concello en novembro de 1836, que finalmente conseguiu incluír dentro do seu territorio á illa de Ons?

-Como moita xente coñece a Constitución de 1812 é onde se recolle por vez primeira a obriga de poñer concellos "nos pobos que non o teñan, [...], non podendo de deixar de habelo nos que por si ou coa súa comarca cheguen a mil almas...". Así se constituíron, na zona da xurisdición de Cangas, os concellos de Cela, Bueu, Hío... Do de Cela coñecemos, entre outras cousas, as dificultades que sufriron pola súa constitución os seus rexedores, que ata lles supuxo ser arrestados. Tamén coñecemos o nome do seu alcalde -Domingo del Río- durante o tempo que Cela foi concello (do 5 de outubro de 1812 ata 1823). Do concello de Bueu e Beluso non atopei documentación que nos fale desta primeira época. Se hai algunha, pouca, é para nomear estes nos anos 1822-23. E así chegamos a 1836, cando a Deputación estaba a regular os concellos de "nova planta" e dou en separar de Cangas ás parroquias de Hío e Aldán e incorporalas ao que sería o novo concello de Bueu. E así aparecen publicados no Boletín Oficial da Provincia do 30-11-1836 os concellos que se constituirían e os lugares das parroquias que o compuñan. En canto á Illa de Ons foi adscrita ao Concello de Sanxenxo o 31 de xullo de 1837 e a raíz de queixas de 30 persoas da Illa (asinadas en Beluso no 1842) e, sobre todo, do Marqués de Valadares dono da mesma, resólvese adscribir a Illa a Bueu o 20 de novembro de 1844.

- Ao longo destes case dous séculos viu o auxe e caída da maior conserveira de Europa, a segregación de parte do seu territorio ao pasar as parroquias de Aldán e O Hío a Cangas, o fusilamento dun alcalde elixido democraticamente? Cales serían os fitos máis importantes que destacaría vostede?

-Complicada a resposta pois son moitos os anos a cuestionar e múltiples os aspectos en que poñer o foco, case sempre condicionados pola política ou economía nacional e internacional. Pero eu diría que fito importante no económico sería a creación das sociedades que deron lugar á transición da salga á conserva hermética coa edificación de fábricas: Tapias, Alonso, Attilio e, como non, Massó. Como dato negativo relevante para economía local foi tamén o peche das mesmas, sobre todo a de Massó (1992). A segregación de Hío e Aldán de Bueu supuxo un marcharse o 25% da poboación coa metade da superficie municipal, con moitos quilómetros de costa, varias fábricas de salga... e foi un duro golpe á economía e administración local. Dende o punto de vista social, humano e político diría que a Guerra Civil na que o medo e a represión exercida marcou a moitas familias das que Carballeira, Escáneo... son a punta do iceberg.

- Hai algún episodio quizais non moi coñecido que resulte, baixo o seu punto de vista, relevante ou curioso na historia deste Bueu moderno?

-Ocórrenseme moitas datas e cousas relevantes, curiosas e ata dolorosas coma a que ante a fame da nosa poboación a Autoridade Marítima tivo que permitir aos mariñeiros de Bueu dar un lance cos aparellos para poder comer. Isto pasaba no 1866. Ou que polas datas de inicio de Bueu como concello aínda había bandidos polo monte Borrallido (1837) ou que Ons inaugura capela e santo (1848): San Xoaquín (por ser así o nome da dona da Illa); que Bueu adapta as súas "pesas e medidas" tradicionais ao Sistema Métrico Decimal (1849) ou que se lle concede a Bueu a Célula con título de Vila (1850)... Mais quixera sinalar como moi relevante para a cidadanía de Bueu o ano 1971 coa inauguracións dos colexios de Bueu (A Pedra), Beluso e Cela; Escola Náutica (1972); e posteriormente os institutos pois supuxeron un cambio substancial para Bueu.

- Ollando a relación de alcaldes que hai na Alcaldía do Concello pódese comprobar a presenza de numerosos apelidos cataláns vencellados ao mundo da conserva. Como definiría a aportación daquela nova burguesía a Bueu?

-A aportación de familias relacionadas co mundo da salga e da conserva ao mundo da política é sumamente importante tanto no tempo como no número de concelleiros e alcaldes. Destes últimos un 27% está vinculados directamente co fomento da sardiña ou coas grandes familias que controlaban este negocio. De feito na charla que darei hoxe, un dos fíos condutores polas salgas serán da man de 16 alcaldes do concello de Bueu.

- Fóra da política, a que persoeiros ou veciños de Bueu poderíamos destacar ao longo destes 182 anos?

-Eu citaría no sector empresarial a Rosa Mª Avalle, Josefa Solabarrieta,... como mulleres ao fronte de tecidos societarios de salga, curtidos, comercio, etc. e representando ás familias da conserva a Massó Palau, Antonio Alonso, Attilio Gaggero... Do mundo da ensinanza citaría a Matilde Bares Giráldez, Joaquín Fernández Cambeiro (mestre en Ons)... No mundo das letras comezaría con Víctor Sáid Armesto (viviu na Casa dos Picos, foi escritor, compositor, primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galego-portuguesa...). Continuaría cos escritores Manuel Antonio Bares Giráldez, Gonzalo Torrente Ballester (casado en Bueu con Joséfa Malvido) e Johán Carballeira (tamén polo seu papel como xornalista). Remataría con toda unha marea de autores -máis de 100- que nos legaron o mellor da arte e literatura. Así como miles de paisanos que como xente traballadora do mar, do campo, da fábrica... puxeron a Bueu no mapa.

- Se collemos ao Bueu de 1836 e o de 2018, cales serían aquelas características que aínda se manteñen e cales as que mudaron dunha forma máis ostensible?

-Telegraficamente diría que se manteñen como características a identidade como pobo traballador; a relación das súas xentes co mar e fiel ao seu papel de pobo culto, tranquilo e acolledor... En canto aos aspectos que máis mudaron destacaría a fisionomía da paisaxe urbanística, as diferencias de clases sociais que antigamente existían e condicionaban a vida das súas xentes, e de forma clara melloraron os servicios sociais, sanitarios e educativos

- Coas leccións que nos ensina a Historia, cal cre que debería ser o camiño que terá que tomar o Bueu do futuro?

-Como pobo deberíamo ser copartícipes das decisións importantes para Bueu a través de canles regulados de participación na vida local e así non permitir que se repitan actuacións como a desaparición, a veces avalada polas administracións, dunha grandísima parte do Patrimonio local: complexo romano de Pescadoira, urbanismo da liña de costa, praias, porto... Para conseguir iso creo que o coñecemento do pasado deberíanos a animar nos a ser máis belixerantes ante posibles actuacións negativas contra o noso patrimonio material e inmaterial, contra a burocratización, cada vez máis crecente, das administracións. Eu son dos que están de acordo con Octavio Paz canda situaba a historia entre as ciencias exactas e a poesía, cualificándoa máis que dun saber, dunha sabedoría. Sabedoría que quixera nos permitan entender e explicar o presente para comezar a artellar melloras de cara o futuro.

Compartir el artículo

stats