Síguenos en redes sociales:

Cangas pasa páxina (web)

O Concello estrea unha nova ferramenta para comunicar a administración cos cidadáns

Cangas pasa páxina (web)

Ao entrar en cangas.gal, o usuario ten acceso directo a varias seccións: O Concello, Áreas, Ao día, Xestións municipais e Transparencia, así como aos apartados da Sede electrónica, Emprego, Liña directa e Taboleiro de anuncios. A portada complétase cunha franxa das "últimas noticias", outra con servizos como Facturación electrónica, Perfil do contratante, Pago en liña, Espazo Transparencia e Normativa municipal e unha última banda cos "próximos eventos". "Apostamos por un novo deseño, máis visual e ordenado que a páxina vella, máis clara e de mellor acceso a toda a información", abundou o concelleiro durante a presentación que tivo lugar onte no salón de plenos acompañado de Manuel Pan, responsable da empresa Abertal, que realizou o traballo.

A actualización comeza polo propio equipo de goberno, pois Suso Pérez xa figura como responsable dunha concellería na que sustitúe a Eva Rodríguez Calvar. Tamén está volcada información oficial actualizada, como as actas da Xunta de Goberno Local -unha ausencia da que se queixaban os grupos da oposición-, unha axenda de actos ou unha liña directa de demandas de actuacións concretas, a través da cal calquera cidadán pode dar conta de deficiencias ou averías nos servizos, públicos, "como un bache na estrada ou unha farola fundida". Ademais, cada caso conta cun código de seguimento para que as persoas interesadas poidan coñecer o estado de tramitación en tempo real ata que o asunto se resolve definitivamente. Tampouco falta a sección de "avisos" como o peche puntual do Corredor do Morrazo, sinala o representante municipal, que valora a importancia desta ferramenta para comunicar a administración e os administrados.

Outra opción de acceso directo é a de Turismo de Cangas, que se ofrece en idiomas galego, castelán e inglés para abrilo ao mundo. Xunto cos incontables atractivos históricos, culturais ou paisaxísticos que ofrece o municipio, tamén se dispón dunha completa axenda de servizos nos que figuran bares, tendas, restaurantes ou alonxamentos, que aparecen xeorreferenciados para facilitar a súa localización, así como enlaces coas navieiras que fan o transporte de ría para coñecer rutas e horarios. Mesmo non faltan as previsións meteorolóxicas ou os cadros de mareas. Suso Pérez anima aos empresarios a facer uso dela e a incorporar ou actualizar datos que poidan esquecerse ou quedar obsoletos.

Calquera dispositivo

A arquitectura da web tamén foi actualizada para que se adapte a calquera dispositivo electrónico, xa sexa ordenador, tableta ou teléfono móbil, que xa acapara máis da metade dos accesos, explica o responsable da empresa. "Ábrese unha nova liña de comunicación coa xente que haberá que perfeccionar con aportacións", reitera o edil, que califica a web de "intuitiva, transparente e accesible" e convida a visitala e sacarlle partido.

Pulsa para ver más contenido para ti