Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O conflito da auga en Coiro hai 40 anos (II)

A pesar do ninguneo institucional a comisión veciñal conseguiu paralizar o proxecto de ocupación

Plano das zonas regables do río Bouzós, en Coiro, no ano 1977.

A primeira iniciativa emprendida sería a elaboración dun manifesto, avalado por centos de firmas, coa finalidade de entregarllo ao gobernador, facendo constar no mesmo a postura e reclamacións dos veciños. A primeira proba do ninguneo institucional aos representantes veciñais vai vir do mandatario provincial pois solicitada a entrevista co gobernador o 16 de marzo, apenas os vai recibir o seu secretario no día 5 de abril seguinte, volvendo de baleiro os comisionados.

No entremedio deste periodo, o 23 de marzo, a comision tamén vai acudir ao Concello a pedir explicacións, recibindo a calada por resposta. O manifesto veciñal que se pretendía entregar ás autoridades constaba de dezasete puntos, logo refundidos en dez, nos que se recollían, ademais das denuncias dalgúns feitos xa narrados (malas contestacións, purga do técnico agrario...), o dereito inmemorial dos veciños ao aproveitamento das augas para o regadío, muiños, lavadoiros... sen opoñerse a que o caudal destas augas tamén se destinase ao abastecemento.

Recalcan, non obstante, a sua oposición a "ESTE PROXECTO" porque non respectaba a finalidade destas augas nin os dereitos dos veciños, ademais de que, contodo, non solucionaría o problema de abastecemento de Cangas pois a demanda xa non se resolvía construíndo depósitos. Insistindo na defensa do regadío, dos muíños e dos lavadoiros, os veciños seguen a apelar no seu dereito inmemorial ás augas, non permitindo a ruina do feraz val de Coiro nesta época de emigración e paro galopantes.

Critican, asemade, tanto o desprezo polo informe do técnico e axente de Extensión Agraria como a opinión veciñal, a falta de diálogo e a torpeza do alcalde cuxa única xustificación deste proxecto consistía en reafirmarse en que este fora confeccionado por uns enxeñeiros.

Mais, nesta altura, a Comisión Veciñal xa contaba tamén cos seus asesores, entre eles o enxeñeiro e economista Xan Facal, e co apoio do cura da parroquia Amancio Ínsua, que permitía as asembleas no adro e mesmo no interior da igrexa polo cal tamén sería amonestado e trasladado da parroquia. Como medidas de presión, os veciños afectados chegarían a celebrar un concorrido mitin no cine Avenida no que difundiron a suas reivindicacións, apelando sempre á resitencia civil non violenta, apesar de que o presidente da Comisión Veciñal estaba moi vixilado e incluso tivo que pasar polo cuartel da Garda Civil.

O 30 de maio, en base ao asesoramento xurídico, oito dos membros da directiva da Comunidade de Veciños, incluido o presidente, outorgaríanlle ante notario, ao avogado Nemesio Barxa e a oito procuradores de Vigo, A Coruña, Pontevedra e Madrid, un poder para interpoñer accións, recursos, demandas, casacións, querelas... no nome dos veciños. Posteriormente, o 20 de xullo, os técnicos adscritos ao Concello aínda presentarían uns planos parcelarios que en vista do panorama opositor, elaboraran a base de fotogrametría aérea e cos datos catastrais existentes, adxuntando neles o número da finca, o polígono de pertenza, o lugar de ubicación, a superficie e o nome do propietario, agás o tipo de cultivo que, segundo eles, non se inclúe pola oposición dos propietarios a que accedesen á finca. Con estes datos e apuntando a conversión das terras de regadío a secano, realizarían tres planos parcelarios para cadansúa fase construtiva, afectando na primeira, como xa dixemos, a 365 parcelas, na segunda a 296 e na terceira a 220 que contabilizaban unha superficie total de case 43 hectáreas.

Mais, había ser este un tardío e inútil intento do Concello por sacar adiante o seu plan pois a ameaza das accións xudiciais e a documentación histórica que avalaba aos veciños, fixeron que as autoridades locais abandonasen o proxecto, influíndo tamén moito nesta decisión o resultado das eleccións xerais que abrían un novo tempo e novos protagonistas na transición cara a democracia. As forzas progresistas superarían en votos ás franquistas de Suárez e Fraga ao non teren en conta o antifranquismo sociolóxico que como en Coiro xa asomara a cabeza.

*Mestre e historiador local

Compartir el artículo

stats