Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

A escena teatral en Galicia 1975-1985 (II)

A Escola Dramática Galega foi unha das iniciativas civis máis activas e que paliaron os baleiros institucionais destos anos

Eduardo Alonso.

Entre os anos 1978 e 1994 tivo existencia legal a Sociedade Cooperativa de Consumo para o Ensino "Escola Dramática Galega" , institución procedente do Teatro Circo de A Coruña. Fundada por Manuel Lourenzo, Francisco Pillado, Xosé Manuel Vázquez "Tuto", Agustín Vega, Montserrat Modia, Amparo Gómez, Rosario Barrio, X.M. López Eiris, Ánxela Rodríguez , Antón Lamapereira, Elena Rilo, Xoán Guisan , Manuela Veira e Ánxela López. Algúns dos seus membros fundadores ofrecéronse aportar cartos, a devolver sen intereses, para tramitar a adquisición dun local no que poder desenvolver as súas actividades. Á fin, este local foi un baixo na rúa Santa Teresa 16-18 na Coruña. Deste xeito a EDG sería nesta época un dos poucos grupos de teatro de Galicia que dispuxo dun espazo propio para ensaios, programar cursos, arquivo, xestión administrativo, gardarroupa, etc xerando dinámicas que doutro xeito non é doado executar.

A EDG foi unha das iniciativas civís máis activas e que paliaron os baleiros institucionais dunha forma máis eficaz durante os anos setenta e oitenta. Desde o seu seo non só se promoveu a actividade propiamente escénica (Departamento de Dramáticas) mais tamén se atendeu á formación (Departamento de Didácticas) a investigación e edición (Departamento de Estudos Teatrais). A publicación dos Cadernos da EDG- colección de textos dirixida por Francisco Pillado na que se publicou máis dun cento de obras- amosou unha vontade de normalización editorial que pretendía ofrecer unha canle de publicación para os autores novos, unha posibilidade para a tradución e recuperación de clásicos, promovendo ademais a escrita a través dun Concurso de Teatro Breve.

No ano 1984 creouse unha Sección da EDG en Vigo que comezou a editar un Boletín de Información Teatral- hoxe Revista Galega de Teatro xa desvencellada do proxecto inicial da EDG- e na que se integrou, para a produción de espectáculos, o Colectivo Múa de Cangas pero disto xa falaremos na súa quenda.

Arredor da EDG xirou un auténtico activismo cultural teatral que foi decisivo na dinamización da cidade da Coruña onde, por exemplo en 1979 xunto coa Asociación Cultural O Facho e o grupo Tespis, propuxeron á primeira corporación municipal da democracia- co nacionalista Domingos Merino de Alcalde- un proxecto de creación dun pequeno Teatro Municipal que pretendía que os coruñeses poideran ver teatro ao longo do ano dunha maneira continuada e xuntar os esforzos dos actores para o que o Concello ofreceu coma espazo o Kiosko Afonso, única posibilidade dispoñibel.

Outros proxectos de permanencia

A estabilidade teatral era sen dúbida unha das maiores aspiracións dos activistas teatrais desta época e neste sentido houbo diferentes proxectos tanto desde a iniciativa privada como solicitando a implicación das institucións oficiais fosen ministeriais ou municipais.Como ilustración vexamos algúns exemplos.

- Sala Carral en Vigo (1978-1979) Pequena Sala de teatro de programación irregular promovida por Moncho Rodriguez e Teatro Artello. Por ela pasaron fundamentalmente grupos galegos e portugueses. Durante esta curta experiencia funcionou un Obradoiro de Investigación Teatral.

o - Sala Caritel,en Ourense, xestionada pola compañía do mesmo nome que estivo activa de 1982 a 1988. Entre os seus obxectivos estaba levar as súas producións por toda a provincia e desenvolver unha actividade formativa polos barrios tentando crear un público xove e adulto afeccionado polo teatro.

- A Compañía Luís Seoane creada en agosto de 1980 foi quen de xestionar a Sala Luís Seoane que abríu en agosto de 1981 na rúa Alfredo Vicenti, 8 en A Coruña. Coincidía a súa apertura coas IV Xornadas do Teatro Galego que cada ano promovía o Axuntamento de A Coruña.

A propia Compañía presenta a apertura da Sala con estas palabras: "Abrimos sen subvención, sen un peso.Todo a deber: a bancos, a familiares, a amigos, a nós mesmos, Compañía Luís Seoane, que nos demos o produto do noso traballo como proba de confianza e bon acerto.

E seica non foi mal, pois mal non foi."

Estivo en funcionamento uns dez anos e durante ese tempo programou teatro, música, danza, exposicións e conferencias. Editaba ademais os Cadernos do Espectáculo.

- A fins dos anos setenta e comezos dos oitenta aparecen outros dous proxectos, o Teatro Estable Galego (TEG) e o Teatro do Estaribel.

O proxecto dun Teatro Estable Galego promovíano cinco grupos teatrais da cidade olívica que formaban parte da chamada Agrupación de Teatro Galego de Vigo: A Farándula, Alén Laboratorio de Teatro, Escoitade, Máscara 17, Saudade e Xiada e pretendían aproveitar para a estabilidade teatral xeral o éxito acadado coas Jornadas e as Mostras de Teatro de Vigo que como xa dixemos ( Faro de Vigo 6 de novembro 2016) tiveran lugar durante os oito e cinco anos anteriores respectivamente. O TEG chegou a ter unha certa actividade durante o ano 1980 aproveitando a sala Altamar e os locais do activo momento asociativo de Vigo.

Teatro do Estaribel facía unha proposta de organización artística e empresarial a partir dunha análise realista do contexto, dos obxectivos, das infraestruturas e dos recursos cos que se contaba. Os integrantes do Teatro do Estaribel eran 15 persoas: Eduardo Alonso, Luma Gómez, Manoel González, Manuel Lourenzo, Manuel Manquiña, Gonzalo Uriarte, Pedro Martínez Leandro, Suso Medal, Luísa Merelas, César Morán, Humberto Morán, Paulo Morán, Leopoldo A.Pérez, Laura Ponte, Roberto Roel, Suri Sánchez, Antonio Simón, Marisa Soto, Francisco Taxes e Roberto Vidal Bolaño.

Era unha cooperativa teatral na que se xunguían as compañías profesionais Troula e Antroido e logo tamén Andrómena e que derivaba directamente do proxecto e obxectivos do teatro independente español, ao que se sumaba a loita polo recoñecemento da identidade galega e dos seus dereitos como nación.

Era sen dúbida un proxecto ambicioso co que finalmente non se implicaron os correspondentes poderes políticos a pesar de tratarse dunha proposta de xestión integral do teatro desde o ámbito profesional.

A presenza do teatro para a infancia.

É rechamante que o teatro para a infancia estea presente desde o comezo do movemento de resistencia cultural fronte a ditadura dos anos 60-70 e que tamén o estea no abrente do teatro galego contemporáneo. Os responsables deste feito son as xentes da Asociación Cultural O Facho de A Coruña (1963) non só por ter alentado a creación de textos dramáticos para a infancia convocando os concursos de teatro infantil en 1973 se non que tamén por ter levado ás táboas da I Mostra de Ribadavia a montaxe de "As laranxas mais laranxas de todas as laranxas" de Carlos Casares, premiada no I Concurso de Teatro Infantil ao que se presentaron 23 obras.

É un feito raro, rechamante escribo, pois en xeral e desgraciadamente o teatro para a infancia é habitualmente considerado- mesmo por algúns teatreiros- como algo marxinal ou de menor distinción que escribir ou representar para adultos.

Este certame servíu para coñecer textos e autores: lembremos (Faro de Vigo 7 de agosto 2016) que Bernardino Graña recollerá unha mención especial en 1973 por "Sinfarainín contra don Perfeuto" xunto con Euloxio Ruibal por "O roubo do aparello", que Manuel Lourenzo en 1975 será premiado por "Viaxe ao pais de ningures" e Roberto Vidal Bolaño en 1977 tamén levará unha mención por Xáxara, Peituda, Paniogas, Tarelo, o Rapaz e o Cachamón ou como trocar en rato pequecho ao meirande xigantón". E daranse a coñecer un mollo de dramaturg@s máis: Dora Vázquez, Ana María Fernández, Olimpo Arca Caldas, Xulio González Lorenzo, Xoán Babarro e Marica Campo.

Nos tres certames celebrados entre 1973 e 1977 as obras presentadas foron 48.

Foi un prestixio e mostra de apoio ao teatro infantil que Rafael Dieste, creador e director do Teatro Guiñol para o que escribíu numerosas farsas e comprometido coas Misión Pedagóxicas na República, colaborase co Facho aceptando formar parte do xurado nas edicións de 1973 e 1975.

Chapeau para quen desde cedo caeu na conta que o facho da arte, do teatro debe levalo a infancia. Velaí o futuro.

Outro evento de enorme importancia para o fomento do teatro infantil foi a Mostra de Teatro Infantil Galego "Xeración Nós" que tivo a súa 1ª edición en 1984. Desde o punto de vista de política cultural foi unha experiencia exemplar pois na súa organización mancomunaron esforzos os concellos de Valdoviño, Neda, Narón, Mugardos, Ferrol, Fene e Ares.

Nalgunha das súas edición, como igualmente veremos no seu momento, participaron grupos de teatro do Morrazo como Teatro Kaos de Moaña e Ancoradouro de Cangas.

A partir do ano 1987 convocouse un concurso de textos de teatro infantil. Continuará?

Compartir el artículo

stats