Co son das gaitas como case permanente música de fondo, a carballeira da reitoral de San Martiño serviu de escenario a esta cita anual que organiza a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer (Afamo) para celebrar o Día Mundial desta enfermidade e incidir no papel de quen a padece, dos seus achegados e coidadores, imprescindibles para facerlle frente. Ese traballo plásmase a través de obras como "A feira de Abelendo", unha recreación musicada daquelas citas tradicionais dos días 3 e 19 de cada mes que onte puxeron en escena un grupo de usuarios de Afamo afectados de alzhéimer e outras demencias despois de que a presidenta do colectivo lles dera á benvida ás autoridades.

A particular revisión da "feira da mocedá" ou de San Xosé, o 19 de marzo, serve de diversión e de terapia para as persoas afectadas, que traballan durante meses para ter todo a punto. Polo escenario natural da carballeira de San Martiño, con ovellas e porcos entre os produtos tradicionais á venda, desfilaron personaxes típicos como triquillóns, tratantas ou vendedoras que levan á feira excedentes da súa produción ou que non eran imprescindibles para a supervivencia familiar.

Entre o público había representantes políticos dos concellos da comarca. Estaban a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e os concelleiros do goberno Marta Freire, Salvador Meira, Odilo Barreiro ou Coral Ríos. Cangas só estivo representada polo edil da oposición José Luis Gestido, mentres que de Bueu deixáronse ver os concelleiros Fidel Castro e Silvia Carballo, así como o responsable de Cultura da Deputación, Xosé Leal.

A representación musicada deu paso a unha actuación de gaiteiros moañeses e á comida en romaría, da que participaron ducias de persoas que aproveitaron este singular espazo á sombra dos carballos. O menú dos organizadores incluíu para os postres un espectáculo de maxia, a actuación dos cantores de taberna Lembranzas, unha representación de pezas de humor e o pase popular "Historias de cordel", a cargo de Xavier Blanco e Salva Meira. Un baile de verbena puxo fin aos actos na carballeira de San Martiño nas vésperas do Día do Alzhéimer, que se celebra hoxe baixo o lema "Avanzando xuntos".