Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Virxe do Carme e os padroados mariñeiros

O mestre e investigador cangués fala da advocación do Carme que enche hoxe de procesións as vilas do Morrazo

Procesión do Carmen ás Cíes, en 1920. // Arquivo X.D.

O clero secular e o alto clero tamén acollerían de bo grao esta advocación do Carmen, pasando a sua imaxe a compartir e mesmo sustituir a San Francisco de Asís na misión salvadora de ánimas, fomentando así a devoción feminina. O apoio socioeconómico da nobreza, de políticos e militares tamén contribuiría en moito á devoción deste culto na Armada que incluso se constata nas celebracións coa presenza de mariñeiros de uniforme escoltando ou portando a imaxe. Logo, por mímese, prendería a sua devoción entre a mariñería civil cando se vía acuciada polos perigos e circunstancias anguriosas do seu oficio, estendéndose tamén moito entre os emigrantes transoceánicos que a asumiron como avogada da boa viaxe.

Ata a oficialización da Virxe do Carme como patroa dos mariñeiros, foron moitas e diversas as advocacións relixiosas ás que se acollían as súplicas de protección, peticións e promesas dos homes do mar de lonxanos tempos: Allí eran las olas muy altas, e la tormenta tan grande, que envestían las olas fasta media galera. Lanzaron toda la gente debajo, e cerraron las escotillas: e allí facían los omes, con el miedo de la muerte, votos e prometimientos, unos a Sancta María de Guadalupe, otros a Santiago de Galicia, otros a Sancta María de Finisterra, otros a Fr. Pedro González de Tuy, e otros a Sant Vicente del Cabo; e fallaron ser la mar tan mansa, e non tanto viento. Tamén acontecía habitualmente que en primeira instancia se ponen a rezar, se ocupan en suspirar, se toman a llorar, la cual pasada (la galerna) se asientan muy despacio a comer, a parlar, a jugar y aun a renegar...

Xa que logo, a maioría das advocacións eran locais como nos mostran as oracións, cantigas e exvotos existentes, sendo as máis coñecidas entre a devoción mariñeira as do Cristo de Fisterra, o Cristo da Victoria (Vigo), o San Andrés de Teixido ou San Miguel de Bouzas, sendo máis numerosas as advocacións femininas da Nosa Señora da Guía (Vigo), Virxe de Chanteiro (Ares), Nosa Señora da Lanzada (Sanxenxo), Nosa Señora da Pastoriza (Arteixo), Nosa Señora do Camiño (Muros), Santa María de Vilaselán (Ribadeo), Nosa Señora do Faro (Ponteceso), Nosa Señora da Escravitude (Padrón), Nosa Señora do Monte (Camariñas), Virxe dos Desamparados (Sta Clara. Pontevedra), Nosa Señora dos Remedios (Carnota), Nosa Señora dos Milagres (Amil) e Nosa Señora da Barca (Muxía).

Desde antigo, case todos os portos pesqueiros de certa importancia contaron con gremios de mareantes que precisaban asociarse para aportar os quiñóns de rede e os barcos precisos para exercer os labores mariñeiros desenvolvidos arredor dos cercos. Estes gremios, por razóns de dependencia e control eclesial da maioría dos portos, aparecen no noso país case sempre relacionados cunha confaría e baixo unha advocación relixiosa através da cal contribuían á construción de capelas, igrexas, hospitais e ao sostemento de diversos cultos, imaxes e celebracións. En Cangas, a máis antiga confraría relacionada cos mareantes, foi a das Ánimas (Benditas Ánimas del Purgatorio) advocación que garda unha relación coa Virxe do Carme como comentamos anteriormente. Ao seu mantemento contribuían os cercos con esmolas e coa aportación dos beneficios do "furnimento" dun quiñón de rede que se lle reservaba no reparto. Mais cara ao ano 1563 xa é a advocación do Bon Xesús a que aparece representando aos mariñeiros de Cangas nos pleitos coa do Corpo Santo de Pontevedra por marear na ria de Aldán. Esta confraría xa asumía a obriga, que non esmola, de aportar diñeiro para a fábrica da colexial e as reparacións que se fixesen. Cara a 1785 esta confraría refundaríase co nome de Asociación do Santo Cristo do Consolo e por perda da sua función antiga relacionada co mar, a clase mariñeira tendeu a identificarse mellor coa da Misericordia. Consta que esta se preocupaba non só da saúde, proporcionando asistencia médica, senón que tamén mediaba nos conflitos e derivacións inxustas que provocaban as numerosas levas da Armada. O santo patrono desta confraría era San Xosé, a quen celebraban con festa e o engrandecemento e riqueza da confraría da Misericordia estaría sempre en consoancia coa abundancia da pesca, chegando a ter en propiedade unha fábrica de salga.

Contodo, desde comezos do século XX, as xentes do mar de Cangas e Aldán xa non celebrarían aos seus antigos patróns, senón que sería a Virxe do Carme a que focalizase os rituais relixiosos e a festa. Desde o 1920, época na que as confrarías pasan a chamarse pósitos, e ata a chegada da República, adoitaron facerse periplos marítimos coa Virxe de Darbo desde Santa Marta (O Portiño) ata Cangas e incluso ata as Illas Cies para pedir abundancia na pesca. Cóntase que estes periplos tiveron como base o relato dun mariñeiro que, desesperado ante a carestía de peixe, invocou o nome da Virxe e de súpeto as sardiñas comezaron a saltarlle ao barco. Nalgúns anos, a celebración non se facía no día da patroa (16 de xullo) senón en datas posteriores que permitisen o retorno a casa do maior número de mariñeiros embarcados nas ceifas e sometidos a periodos de tempo que cadraban con esa data. Nalgunhas das Constitucións asinadas polas confrarías tamén figuraban os rezos que tiñan que facer cando se atopasen en terra e aqueloutros que tiñan que dicir ao andar embarcados, antes de pescar e ao rematar a faena. Como caso peculiar destaca o dos mariñeiros de Vigo, que antes de saír para o mar asistían desde as embarcacións a unha misa que dicía un frade franciscano no corredor do convento que daquela pé do mar, daba cara ao Berbés.

Resulta paradoxal que fose durante o periodo republicano en Cangas, cando a celebración do San Xosé voltase a coller novos pulos, xirando en torno á formación de agrupacións corais como o Coro Gallego (1930) que contaba con cincuenta voces mariñeiras, fundado e dirixido polo mestre Tenreiro. Dous anos despois, sería o coro La Oliva da sociedade Recreo Marítimo quen tomase o relevo e no 1933 e 1935, os denominados La Palma e Laurel. Nos anos seguintes resaltarían os bailes, folións e verbenas amenizados pola banda de música municipal, habendo tamén bailes privados no café Las Alondras de Antonio Camiña. No 1936, unha nova agrupación coral de setenta voces, denominada Ayes del Alma, estrearía o seu repertorio tamén no día de San Xosé. As suas actuacións serían frente ao Concello, diante das Sociedades recreativas e no Pósito e Centro Cultural de Pescadores, interpretando pezas tales como Barcarola, Follas Novas, Cada noite pensando choraba... Cando se reactivaron as confrarías na época franquista como entes sindicais e de control do mundo do mar, a de Cangas recuperaría a advocación deste santo para a sua denominación pois ainda que xa non tiña ningunha dependencia co estamento relixioso, acaían moi ben estes nomes nestas datas do nacional-catolicismo.

Como xa dixemos, ata a implantación oficial da Virxe do Carme como patroa dos mariñeiros, os gremios do mar contaban cadanseu coa sua advocación relixiosa e na actualidade as de San Martiño (Bueu e Moaña), San Francisco (Vigo), Virxe da Anunciada (Baiona), San Roque (Portonovo)... son algunhas das moitas que ainda manteñen unha denominación advocativa. As máis delas conservan a sua antiga denominación e outras como a de Marín renunciarían, incomprensiblemente, á histórica advocación de San Miguel para mudarse á de Santa María do Porto. Actualmente, é esta vila a que celebra o padroado do Carme con máis actos e días de festa, propiciados sen dúbida pola presenza da Escola Naval da Armada na vila. Outros portos do Morrazo que celebran as festas do Carme son, en maior ou menor medida, as patronais de Moaña, as de Bueu e as de Aldán, entanto que Cangas só conmemora a data con actos relixiosos e a procesión marítima.

San Telmo e o Corpo Santo

Contra o que foi de grande tradición, actualmente, xa ninguén se lembra de San Pedro González de Tui, máis coñecido como San Telmo, considerado como o protector dos mariñeiros e dos navegantes desde mediados do século XIII cuxo nome se mantén hoxe en confrarías do Porto do Son e de Pontevedra. Sería nesta cidade onde nacería a poderosa Confraría do Corpo Santo (San Telmo) que durante séculos condicionaría coas suas ordenanzas os tempos e sistemas de pesca nas rias de Pontevedra e Vigo. Este santo dominico e santo tudense, oriundo de Frómista (Palencia) alcanzaría, polas suas predicacións, grande devoción en Portugal, onde se conserva (Póvoa de Varzim) a imaxe máis antiga do mesmo (sec. XIV) e en Galicia no baldaquino de Santa Mª de Caldas de Reis de finais do século XV. Após a sua morte, foi máis coñecido coa denominación do Corpo Santo baixo a que se acollería a poderosa confraría e gremio de mareantes de Pontevedra. Ademáis desta denominación, San Pedro González popularizaríase entre os mariñeiros e navegantes galegos e portugueses como San Telmo a cuxa advocación se acollían temerosos e ignorantes ao se producir o efecto de luminiscencia (descarga eléctrica por ionización do ar, iríamos hoxe) nos mastros dos barcos coñecido como Fogo do Corpo Santo ou de San Telmo. Esta denominación (cognome) cóidase proviñente de San Erasmo de Nápoles, denominado Sant Eremo (Santermo) na lingua da zona, cuxa invocación protexía nas dificultades aos navegantes mediterráneos. Mais en 1403, cando Ruy González de Clavijo e o cabaleiro pontevedrés Payo Gómez de Sotomayor navegan por este mar rumbo á corte do Gran Tamerlán por orde de Enrique III, atribuiríanlle este fenómeno á presenza do Corpo Santo de San Pedro González ao que se tiñan encomendado. Consta documentalmente que esta é a primeira vez que se menciona así a este fenómeno luminoso e que posiblemente tamén se iniciase o costume de denominar ao santo de Tui como San Telmo e representar a sua imaxe cun barco e unha candea. Xa a mediados do século XVI o cosmógrafo sevillano Martín Cortés escribía: Oygo dezir que los frayles predicadores touvieron vn religioso natural de Galizia y que viuiendo, nuestro Señor hizo por el algunas marauillas y'este es el que resplandece y da luz en las tormentas. No dudo q. Dios haga marauillas en sus santos y por sus sanctos como dize Dauid. Mas si este sieruo de Dios fue fray Pero Gonçales cómo será Santelmo.

(*) Mestre e investigador de Cangas

Compartir el artículo

stats