Manuel Piñeiro / O MORRAZO

AMostra terá hoxe unha nova actuación coa compañía e colectivo Chapitô. Presentan "O Grande Criador" ás 23:00 horas. A obra trata sobre a evolución humana no canto da relixión e o tema teosófico sobre Deus, sempre en clave cómica. Polo tanto, o deus que nos presentan, interpretado por Rui Rebelo, é humano. A compañía procede de Lisboa e ten amais unha labor social de concienciación. Son unha compañía que serve os principios de "formación, creación, animación e intervención". Falamos con Rui Rebelo, de trato agradable e sempre cun sentido do humor sui generis, case todo en portuñol e algo de portugués.

- Que vén a tratar o contido da obra?

- É unha parodia sobre episodios bíblicos en clave cómica. Sempre tratamos de improvisar temas e desta vez foi este: a relixión, Deus...Máis que un deus humanizado, é un Deus humano, xa que a Biblia di que Deus fixo os homes a súa imaxe e semellanza. Entón deus é humano, é un home, claro. Non hai outra. É unha versión propia da "verdadeira" biblia. Se ata temos un equipo de fútbol que o gaña todo: o Galilean Gladiators, coma España no 2008, na Eurocopa. Igual.

- Cantos actores ten a obra de teatro?

- Tres actores, o Jorge Cruz e José Carlos García e mais eu, que son Deus e os outros fan de todo: Adán, Eva, Buda, a invitación especial de Xudas Iscariote, os Xerusalén Giants e aqueles, os Galilean Gladiators. Partimos da orixe e dende alí, construímos as personaxes.

- Para ir o terapeuta, cando menos.

- Si, facemos moita terapia, o noso é rir sen pretextos. Non queremos atacar nin criticar a ninguén, o mellor é facer da risa un elemento de purificación e de catarse. Os nosos espectáculos realmente son preventivos. Estou pensando que parece que dicimos parvadas, pero realmente proporcionamos un bo espectáculo.

- Por que o fan así?

-De certo, temos noticias todos os días da política, da fame, das guerras, todas cousas boas deseguro. É broma, realmente os políticos sempre están a pelexar os uns cos outros.

-Poñámonos serios, se podemos, cómo é o tema da obra de teatro?

- O tema é sinxelo, non queremos matar a ninguén, nin ridiculizar, só facemos humor e non queremos ir máis aló. Xogamos con elas. Xogamos coa biblia e co seu contido.

- E tedes un colectivo...

- Si, así é. Temos cursos de formación nosa Escola de Artes e Ofícios do Espectáculo, dirixido aos xóvenes, unha biblioteca e centro de comuntación, unha productora audiovisual e multimedia, e o máis importante un centro de acollida de nenos con dificultades. Buscamos proporcionarlle un teito, un lugar onde estar e que desenvolvan o seu proxecto vital. Hai profesionais pedagogos e psicólogos que os coidan

-Son case como unha gran familia...

- É un teito onde cabemos cento vinte persoas, aínda que realmente só media ducia imos aos espectáculos do Chapitô. Somos os representantes no exterior do colectivo.

-Qué lle diría a toda a xente do Morrazo para que fosen ó voso espectáculo?

- Home, está claro. Non todos os días se pode estar con Deus . É mellor ir o teatro que a igrexa, que Deus se aburre alí. Vide a ver a Deus, videme ver a min.