Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De izquierda a derecha: Antonio García Teijeiro, María Xosé Queizán, Margarita Ledo y Domingo VillarRicardo Grobas/ Marta G. Brea/ FdV

Un caudal literario en 38 voces

Rivas, Queizán, Teijeiro, Ledo e Villar súmanse á fervenza narrativa de “Miño”

El río Miño constitúe un intenso caudal literario e artístico. Hai máis de cen libros que utilizan este nome como referencia ou inspiración. Van dende Ramón Otero Pedrayo a Camilo José Cela, Manuel María e Xosé Fernández Ferreiro, entre outros. Súmanse a esta fervenza literaria, na Antoloxía do relato curto actual. Miño, que acaba de sacar á rúa Edicións Xerais, nomes como os de Marilar Aleixandre, An Alfaya, Fina Casalderrei, Susana Fortes, Antonio García Teijeiro, María Xosé Queizán, Margarita Ledo, Antón Reixa, Manuel Rivas, Helena Villar e Domingo Villar.

  • Miño

    Edición Xosé Manuel del Caño
    464 Páxinas

A Antoloxía do relato galego actual. Miño, coordinada por Amigos do libro galego /Artes e letras, conta cun cincuenta por cento de participación feminina, prólogo de Rexina Vega, epílogo de Antón Riveiro Coello e apéndice de X. M. del Caño.

A profesora da Universidade de Vigo e escritora Rexina Vega lembra que “na anterior entrega deste esforzo de canto colectivo, no volume titulado Fisterra (Linteo, 2021), Manuel Forcadela advertía a quen se achegase ás súas páxinas sobre a posibilidade de atopar nelas unha xoia, unha peza de ourivería feita por moitas mans da mesma tribo, o testemuño, o síntoma dun espazo e dun tempo determinado, a da Galicia dos que viven arestora”.

No segundo volume, “Antoloxía do relato galego actual. Miño”, marcado polo nome do “río monarca no país dos mil ríos, volve darse a mesma posibilidade de fascinación comunitaria: sermos un en moitas voces que, acompasadas, cantan sobre a enramada de cinamomo”.

Nin criterios temáticos nin de xénero ou xeración guían a escolla destas páxinas. Nos 38 relatos que compoñen Miño, segundo Vega, “ben pode observarse a enorme diversidade e calidade que caracteriza hoxe a narrativa do noso país. Nunca como agora tantas voces creando tantas liñas de sentido, tantas formas de ordenar o mundo”.

Entre a voz máis vella, a de María Xosé Queizán (1939) e a máis nova, Lara Dopazo Ruibal (1985) median máis de catro décadas.

Entre as singularidades deste volume coral está, sen dúbida, “a prevalencia das voces femininas”. Malia non buscar á mantenta a visibilización da escrita de muller, “calquera antoloxía narrativa que hoxe pretenda dar conta da actualidade literaria galega debe reflectir a chegada clara das voces desa metade, ata o de agora practicamente silenciosa, do país”.

Na Antoloxía do relato galego actual. Miño pódense observar relatos que se configuran baixo unha certa apariencia de autoficción, narrativas de vida, que tenden a ser non cronolóxicas e progresivas, senón máis ben, discontinuas e fragmentarias. Memorias de infancia onde a paisaxe, a natureza e os animais aparecen como membros de pleno dereito nunha comunidade definida pola súa vulnerabilidade e interdependencia.

A atención ao mundo dos afectos e os coidados, ao desexo sexual e a vivencia do amor aparece de xeito sobranceiro nas propostas de Fina Casalderrey, Concha Blanco, Celia Díaz, Margarita Ledo, Chelo Suárez ou Bieito Iglesias, autores este dous últimos que afondan na vulnerabilidade dun home eivado e, xa que logo, lonxe do padrón normativo.

Bebendo da mesma idea de fraxilidade e empatía “sitúanse os catro relatos que teñen como tema a barbarie da guerra e a represión fascista e que amosan claramente a necesidade de seguir pescudando na memoria dunha ferida que aínda nos interpela, unha ferida, malia as apariencias e a simplificación mediática, aínda non ben contada”. Velaí as historias que nos traen Lois Diéguez, Antonio García Teijeiro, Manuel Rivas ou Manuel Forcadela, quen, significativamente, “pon o foco na represión exercida nas mulleres”.

Hai tamén outras páxinas marcadas pola reescritura paródica, como a do relato de Xabier López, con Castelao ao fondo e outras que buscan pescudar na historia cultural recente, como a imaxinada por Ramón Nicolás na emigración neoiorquina.

Mariña Pérez e Helena Villar propoñen xiros sorprendentes de guión mesturando realidade e representación nunha sorte de exercicio interdisciplinario que recorre no primeiro caso á pintura e no segundo á música. Mercedes Leobalde achega o único relato de ciencia ficción e Antón Reixa realiza unha composición que reflicte as luzadas a dureza do presente, tratando o tema da Pandemia desde un multiperspectivismo que ten moito de poemático e teatral.

Pecha este volume tan caudaloso a historia dun neno delfín que desaparece nadando no mar aberto. Trátase da última publicación do noso admirado e chorado Domingo Villar que así se despide de nós, con este emocionante adeus acuático que a ben seguro deixará un ronsel indeleble a quen se achegue a escoitar este canto coral, esta comunidade de reiseñores que, desde a enramada de cinamomo lembran que somos parte da mesma lingua, da mesma casa, da mesma ferida.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.