Entrevista | Xabier Pérez Igrexas Concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo

“A prioridade é devolver o Concello á veciñanza tras anos de xordeira autoritaria”

“É intragábel recortar un 22% as axudas sociais municipais cando 60.000 persoas están en risco de exclusión social e pobreza”

Entrevista a Xabier Pérez Igrexas

Pedro Fernández / Alba Villar

“O voto das viguesas e os vigueses vale moito. Non está todo escrito”. É unha das mensaxes que lanza Xabier Pérez Igrexas (Vigo, 7 de agosto de 1984), concelleiro do BNG e candidato á Alcaldía, convencido de que a súa formación mellorará os resultados das eleccións municipais de 2019 “sumando as vontades dos cidadáns que cren que Vigo merece máis”.

–Defende que un dos obxectivos é facer de Vigo unha cidade máis habitábel. Que propón?

–Poñermos no centro da política municipal as persoas e definir un modelo de cidade que faga que as persoas ocupen esa centralidade tamén no espazo público, e revolucionarmos a mobilidade potenciando de verdade e mellorando sustancialmente o servizo de bus urbano, que non está á altura dunha cidade de 300.000 habitantes, para dar alternativas á utilización do coche privado.

–Que resultado sería bo para o BNG nas eleccións do 28-M?

–Estou convencido de que o BNG imos ser a gran sorpresa o 28 de maio. Somos a forza á alza na cidade. A onda de simpatía cara o BNG en Vigo non deixa de medrar.

–Cal é a medida estrela do BNG para a cidade?

–A primeira prioridade é devolver o Concello á veciñanza despois de demasiados anos xa dunha xestión marcada por unha xordeira autoritaria, máis tamén por unha xestión que se centrou no aparencial, na propaganda e no autobombo deixando sen gastar 436 millóns de euros do orzamento municipal nos últimos catro anos. Consideramos que o primeiro que hai que facer é poñer en marcha un novo regulamento de participación cidadá para que nunca ningún goberno poida facer o que se fixo nestes últimos anos, que foi gobernar de costas á cidade.

–Cal é o tema que máis lle preocupa en Vigo?

–Temos un gravísimo problema en todo o que ten que ver co acceso social á vivenda. O compromiso do BNG é firme para despregarmos unha enérxica política municipal e poñer en marcha na maior cidade de Galiza un gran parque de vivenda pública.

–Que aprendeu nestes catro anos como concelleiro?

–Que a forza da xente é imparábel e que hai moitas vigueses e viguesas que non se conforman co que se ofreceu ata agora, que hai moitas necesidades desatendidas, que hai un evidente abandono dos nosos barrios e parroquias, que hai moito por facer, pero que, sobre todo, hai unha cidade que está disposta a ser combativa e vai ser capaz de darlle a volta a esta inercia paralizante dos últimos anos e facer fronte ao abandono que padecemos por parte da Xunta do PP dende hai xa case 14 anos.

Pérez Igrexas, no Calvario.

Pérez Igrexas, no Calvario. / ALBA VILLAR

–Cal foi o maior erro do goberno local nestes últimos catro anos?

–Centrarse no gasto inaugurábel ao tempo que se desatendían as necesidades de raíz. En Vigo, hai 60.000 persoas en risco de exclusión social e pobreza. E é absolutamente intragábel a decisión de recortar nun 22% as axudas sociais municipais como se fixo no orzamento deste ano 2023.

–E o maior acerto?

–Ser capaces de instalar un relato que non se corresponde coa realidade que vive a xente.

–As enquisas anticipan maior presenza do BNG na Corporación municipal. Que fixo ben?

–Fomos a oposición real a pesar de ter un só asento neste catro anos. Aválanos o noso traballo: pateamos moito a cidade, escoitamos os veciños e veciñas e despregamos máis de 850 propostas, iniciativas ou ideas para mellorar a calidade de vida das viguesas e vigueses.

Suscríbete para seguir leyendo