Se algún día chegara, que virá, algún científico das verbas que secuencie o ADN literario de Xosé Luis Méndez Ferrín. Ou algún investigador apaixonado dos complexos e fascinantes universos da creación que explore as chaves da cosmovisión do máis grande escritor galego do último medio século… Entón máis aló do estudo da súa pulsión poética, do seu fantástico mundo narrativo, da súa orixinalidade ensaística, por forza terá que mergullarse nas páxinas de FARO DE VIGO. Nos miles de artigos escritos durante décadas, cunha tenacidade e disciplina admirables, atopamos os máis claros sinais de identidade dun autor único, brillante, irrepetible. Un autor sabio, que trascende de longo a idea do enciclopedismo, para transformarse con ese espírito libre, rebelde e dotado dunha curiosidade insaciable nun humanista.

Sabedor disto, Fernando Ramallo, profesor de Lingüística da Universidade de Vigo e ata hai pouco tempo director da Área de Normalización, lanzouse a recopilar en tres volumes a produción xornalística de Ferrín no decano desde hai case 30 anos. Onte no auditorio do MARCO, presentouse o terceiro volume de “No fondo dos Espellos”, título homónimo dunha das súas seccións, que trascende o paradigma de obra literaria ao uso para alcanzar o cumio de “Biblia ferriniana”. Ao carón do autor, protagonista absoluto do acto, estaban o propio Ramallo, Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, Rogelio Garrido, director de FARO, e moitos amigos e leitores. Foi un acto de amizade, cariño e de admiración.

Como lembrou Ramallo na introdución, “No fondo dos espellos” poden lerse textos vencellados á política e á cultura –local, galega, española ou mundial–, gastronomía, viños ou entomoloxía. A súa variedade temática e tan extraordinaria, que abraia a unha lexión de seguidores. “Como os textos de Ferrín son complexos, os seus lectores deben estar atentos, ler con pausa, e reflexionar sobre o lido”, advertíu Ramallo.

Forma de comunicarse

Rodeado da súa dona Moncha e moitos amigos, e abrigado polas impresionantes pezas de madeira de Francisco Leiro, Méndez Ferrín agradeceu, en primeiro lugar, a Ramallo e aos seus colaboradores a edición dos tres volumes, que “suman 1.192 páxinas, aínda que non estou seguro porque as contei á présa”, dixo, facendo gala desa retranca persoal.

Ferrín confesou, deseguido, que o xornalismo para el era “unha forma de comunicarme e conectar co mundo. Non é un libro, non é unha conferencia nin unha clase de bacherelato”. Pero unha comunicación cun factor de incerteza, porque “nunca se sabe quen está ao outro lado, se te vai a ler ou se non pasará das primeiras liñas”.

Preguntado por Fernando Ramallo polo segredo desa extensísima traxectoria nas páxinas de FARO, Ferrín confesou: “A aventura xornalística é viciosa, en canto se contrae convértese nunha adicción que nos vai acompañando toda a vida, claro, sempre que teñas un medio que te acolla, e no meu caso iso pasou con FARO DE VIGO”.

O autor de “No Fondo dos Espellos” quixo aproveitar o acto para resaltar que foi unha persoa que se moveu nas marxes. Neste sentido dixo: “Eu sempre estiven e sigo estando fóra deste réxime intelectual e político; non son monárquico, son independentista”.

O director de FARO, Rogelio Garrido, agradeceu a Ramallo o seu admirable labor e calificou de “luxo, honra e orgullo” a elección e a lealdade de Xosé Luis Méndez Ferrín coas páxinas do diario como escaparate dos seus pensamentos. Se FARO tivo ao longo de 170 extraordinarios articulistas —Pondal, Risco, Otero Pedrayo ou Celso Emilio Ferreiro, entre outros moitos—, Ferrín está, sen dúbida, no cumio. Ademais aproximouse á figura do escritor a partires dunha serie de conceptos que poderían, nalgunha medida, contribuír a facer un retrato fiable: compromiso, coherencia, humor, independencia, sabedoría, rebeldía, intelixencia, curiosidade ou sentido do humor. “FARO e os seus lectores sempre che estarán agradecidos”, rematou.

O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, fixo un erudito ao tempo que emotivo percorrido pola traxectoria literaria e vital do seu amigo Méndez Ferrín. Tras salientar a idoneidade de que o acto se celebrase no MARCO, onde o propio Ferrín estivo preso por dúas veces por ser “un loitador en defensa da liberdade e a dignidade”, definiu os tres volumes xornalísticos como unha traxectoria “oceánica memorable. Seguir esa traxectoria é como seguir a nosa propia historia contemporánea”.

Compromiso

Angueira suliñou, entre moitos outros, dous trazos ferrinianos: o seu compromiso coa literatura e a súa función poética e a proverbial capacidade para “mirar e descubrir cousas que ninguén ve, soamente el”. Para o académico da RAG, a produción de Ferrín, e en particular os tres tomos do “No Fondo dos Espellos”, son “unha parte fundamental do extraordinario monumento que construíu desde que tiña 14 anos, cando escribíu o seu primer artigo [que Ferrín diría máis tarde que foi en FARO]. Ese monumento é imprescindible; non vai a desaparecer nunca e será un referencia para o futuro”.

Nunha sentida intervención, Angueira quixo amosar públicamente a súa admiración por Ferrín, “un mestre, un modelo e un exemplo, na literatura e na vida”.

O acto rematou coa impresionante voz do cantautor e músico Tino Baz, que interpretou dúas pezas que fixeron tremer ao auditorio.