A Deputación reivindicou a Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano, como “exemplo da loita polo país e a lingua” e “semente de novos proxectos para facer agromar a Galiza infinda que tan ben contou”. Fíxoo nun acto celebrado na sede da institución en Vigo que foi aderezado co espectáculo Coa ledicia de voltar, do actor Serafín Marcos en colaboración coa editorial Galaxia e no que participaron a presidenta provincial, Carmela Silva, e a deputada de Lingua e Memoria, María Ortega.

A peza comezou coa viaxe en tren de Florencio a Guadalajara, onde viviu en México, seguiu coa benvida ao seu fogar, onde tiña imaxes do seu amigo Arturo Souto, para pasar despois a pasaxes como a da viaxe ao exilio a través do barco Ipanema, onde Florencio non entendía o resto dos viaxeiros chineses e que estivo 10 días parado coa hélice rota ata chegar a Martinica. Entre as anécdotas, amósase ao Florencio alegre que botaba en falta e defendía a súa terra.

“Foi un poeta que, a través dos seus versos, defendeu a nosa lingua e reivindicou co seu emprego o espazo que lle corresponde no tecido cultural”, defendeu Silva. Ortega enxalzou o “traballo a reo en prol da defensa da nosa lingua e cultura e dos valores democráticos”.