Case 300 lumes calcinaron 49.000 hectáreas de monte en apenas 72 horas. A vaga de incendios de outubro de 2017 levou por diante granxas, vivendas e naves, ademais da vida de catro persoas en Vigo, Nigrán e Carballeda de Avia (Ourense). Que leccións aprendemos dende entón? Está preparada a nosa comunidade para afrontar outra catástrofe similar? O foro “A Galicia que funciona” organizado por FARO e a Universidade de Vigo abordou estas cuestións nun encontro celebrado no Cintecx e que contou coa participación de dous dos investigadores máis recoñecidos na materia, Juan Picos, director da Escola de Enxeñería Forestal, e a profesora Julia Armesto, así como tamén de Diego del Olmo, director de negocio da empresa Bahía Software. “O problema está aos pés das nosas casas”, apuntou Xavier Martínez Cobas, moderador da conversa, e o “compromiso social” dos investigadores da UVigo, subliñou, xunto coa “colaboración público-privada” son ferramentas vitais para enfrontalo.

Xavier Martínez Cobas

“O problema está aos pés das nosas coas e os nosos investigadores teñen un compromiso social”

Xavier Martínez Cobas - Profesor Economía Financieira

As novas tecnoloxías son aliadas imprescindibles na loita contra os lumes, sobre todo, antes de que se produzan, cando a inversión é máis efectiva, tal e como recordou Julia Armesto. E nesta etapa de actuación, a “dinámica” vexetación de Galicia –estímase que varía un 3% do territorio cada ano– engade unha grande complexidade para coñecer esa realidade que se pode manexar mediante a enxeñería cartográfica, a sensorización, as imaxes satelitales e as tecnoloxías de teledetección LiDAR.

“É moi importante ter un coñecemento actualizado para saber onde están os reservorios de combustible e as tipoloxías de vexetación que temos en Galicia antes da tempada de incendios, pero a cartografía forestal só se actualiza cada dez anos. Habería que invertir esforzos tanto na investigación na universidade como no escalado de solucións no sector privado. Hoxe en día pode automatizarse a cartografía de todo o territorio. Non é fácil pero pódese facer”, apuntou.

Julia Armesto

“Hai que invertir esforzos tanto na investigación como no escalado de solucións no sector privado”

Julia Armesto - Investigadora do Cintecx

Juan Picos engadiu que a cartografía e a informática axudan “a procesar moitos datos e facer preguntas moi complexas para ter conclusións, non opinións”. “Os investimentos na extinción atacan ben os incendios pequenos, pero non os grandes, onde un maior número de medios non conleva unha reducción da superficie queimada na mesma porcentaxe. E os grandes incendios, tendo en conta a perspectiva climática e o abandono do territorio, xa están marcando a axenda de futuro de Galicia. Hai que enfrontarse a isto dende a xestión do territorio e intentando comprender que se ten que facer 6 meses, un ano ou dez anos antes”, enfatizou.

“A tecnoloxía axuda a procesar moitos datos e facer preguntas moi complexas”

“A problemática dos lumes ten unha realidade física, pero tamén humana e a tecnoloxía pode axudarnos nas dúas e promover que a xente actúe. Igual que facemos simulacións do que pode ocurrir con diferentes vexetacións, podemos facelo para ver os resultados da cooperación. Cando as circunstancias mudan hai que sacar á xente da súa inercia. O veciño ten que desbrozar a súa vivenda para que ti poidas defender a túa, pero pode que nunca te plantexaras se o material da túa casa ou o teu xardín son os adecuados. Non vai vir ninguén a solucionarnos este problema. Todos temos que entender a nosa parte. Xa queda menos para o próximo lume”, concluiu.

Juan Picos

“Os grandes incendios xa están marcando a axenda de futuro de Galicia; todos temos que entender a nosa parte”

Juan Picos - Dir. Escola Enxeñería Forestal

“A tecnoloxía non apaga incendios, pero pode axudar. As empresas buscamos a transformación dixital e a axuda na toma de decisións durante a prevención, a extinción e a rexeneración posterior. O bo dunha xornada coma esta é que fomenta algo que xa pasa e que ten que continuar, a colaboración cos grupos de investigación. Nós precisamos o seu coñecemento e eles a nosa capacidade tecnolóxica para chegar a solucións escalables”, destacou Diego del Olmo.

“Xa temos colaborado coa UVigo e é un luxo. Cantos máis datos de todo tipo teñamos, máis reais serán os modelos e maior a capacidade de simulación. E se conseguimos dotar de intelixencia artificial aos seus logaritmos, gañaremos”, sinalou.

Diego del Olmo

“Nós precisamos o coñecemento dos grupos e eles a nosa capacidade tecnolóxica. Colaborar coa UVigo é un luxo”

Diego del Olmo - Dir. de Negocio Bahía software

Neste modelo de triple hélice –universidade, empresas e goberno– para combatir os incendios, Del Olmo recordou que a inversión da Xunta ten aumentado de forma “exponencial” na última década e que os novos fondos europeos de recuperación poden supor “unha oportunidade”

“Quero por de manifesto a vontade e os esforzos da Administración galega para avanzar na incorporación destas ferramentas e o inventario forestal é un exemplo. E hai que continuar para ser eficaces”, recoñeceu Julia Armesto.

“A vontade é previa á inversión e estánse afrontando cambios de mentalidade e de dirección para xerar e compartir información e aprender do mal e o bo feito”, engadiu Picos. “Queda moito marxe de maniobra na formación, prevención, combate e rexeneración. Pensar en que non haxa incendios e que todo o monte esté desbrozado é unha utopía, pero se só se pode intervir nun 15-20% do territorio hai que decidir onde se pode obter o maior beneficio. É unha pregunta que nós podemos axudar a resolver dende a Universidade. E o mesmo na recuperación das zonas queimadas ou na movilización das mancomunidades de montes, na que Vigo foi un exemplo no 2017”, destacou.

“É probable que, como ocurriu entón, nos volvamos a atopar en circunstancias que nunca antes se viviron pero a tecnoloxía permite facernos xa preguntas sobre o que podería chegar a pasar. Sempre será necesaria a información, compartila e aprender do que nos pase”, comentou.

Un exemplo é o proxecto Firepoctep que lidera dentro do programa Interreg, e que está centrado no Baixo Miño. Os investigadores da UVigo simularon 1.800 lumes en 6 escenarios moi desfavorables para coñecer o seu avance sobre o territorio e descubriron a existencia de determinados puntos que favorecen que o incendio se intensifique cando chega a eles, incluso en condicións climáticas diferentes.

Xavier Martínez Cobas, Julia Armesto, Juan Picos y Diego del Olmo ALBA VILLAR

Estas certezas son as que permiten ás administracións tomar as decisións xurídicas e económicas oportunas para protexer o territorio e a poboación. “A Xunta non pode tomar decisión discrecionais, pero a ciencia si pode determinar que intervir nunha propiedade ou desbrozar un monte é máis importante nun sitio que noutro porque nos beneficia a todos”, sinalou Juan Picos.

Diego del Olmo apuntou, pola súa banda, a outra das asignaturas pendentes para incrementar a eficacia: “Podemos ter moitos sistemas de información que midan moitas cousas, pero teñen que falar entre eles técnicamente. O único ámbito conectado é o de Facenda, pero aquí tamén é necesario. Fanse moitas cousas con boas intencións por parte das diferentes administracións, pero falta esta parte. Que se garde toda a información e se comparta”.

Neste punto da conversa xerouse un interesante intercambio de opinións entre os expertos e varios representantes de Mancomunidade de Montes de Vigo que acudiron ao foro, entre eles, o seu presidente, Uxío González, e que lamentaron a falta de acordo entre as diferentes administracións e incluso plantexaron que a Universidade exerza como “institución conciliadora e convoante”.

“As áreas arqueolóxicas poderían diminuir ou frear os incendios”

A partir dun estudo encargado pola Deputación de Pontevedra sobre a vaga de 2017, os investigadores descubriron que un dos maiores lumes non afectou á área arqueolóxica de Tourón, en Ponte Caldelas. E Julia Armesto dirixe actualmente o proxecto Paleointerfaz, financiado polo plan nacional de I+D, para determinar se estes espacios xestionados poden xogar o rol de áreas estratéxicas de xestión no territorio, diminuindo ou freando o avance dun incendio. “Falamos de hectáreas e temos que ver cántas delas son eficaces. Foi unha das leccións aprendidas”, destacou.

Picos contrapuxo a eficacia do establecemento destas áreas frente a ferramentas como os cortalumes, xa que no 2017 houbo incendios que atravesaron polígonos industriais: “Son zonas que necesitan unha xestión e unha intervención porque marcarán a diferencia na maior parte dos casos se ocurre un gran incendio. Ás veces, non imos ser capaces de impedir que os lumes pasen, pero si de baixar a súa intesidade para poder combatilos. Estudando o que pasou podemos buscar solucións distintas ás que tiñamos e enfocar a nosa capacidade de investimento a crear discontinuidades máis xenéricas con diferentes cultivos. No 2017, unha granxa salvou tres aldeas. Pois a veces o que hai que conseguir é que o gandeiro non se vaia. O importanté é determinar cal e á actuación máis eficaz e onde”.

E aí de novo a investigación que se desenvolve nas universidades xoga un papel imprescindible: “Temos que ser capaces de traballar a escala de todo o territorio e axudar a Administración para que tome decisións soportadas cientificamente e transparentes. Para un científico dunha universidade pública, a realización está en que os nosos resultados provoquen cambios positivos. Non é fácil, pero é o único camiño que temos”.

Daniel González e Noemi Alonso, onte, en Cintecx A. Villar

Comuneiros vigueses e concelleiros de Carballeda de Avia, no público

Ademais de comuneiros vigueses, entre o público que asistiu a charla no campus tamén se atopaban dous concelleiros do concello ourensán de Carballeda de Avia, gravemente afectado polos incendios do 2017. Daniel González e Noemi Alonso avogaron pola inclusión da perspectiva local na toma de medidas para que sexan efectivas, así como por unha maior “cooperación e divulgación” entre institucións.

“Dende o 2017 puxemos en marcha iniciativas como a aldea modelo e tamén participamos nun proxecto POCTEP coa USC, pero non coñeciamos o da UVigo. Parece que cada concello vai implementando os seus proxectos sen unha información ou pautas xerais. Se houbese máis colaboración a loita contra o lume sería moito mellor”, opinaban.

González tamén traballa nos servicios antiincendios e onte lamentaba que hai zonas polas que só pasa cada 6 meses. “Tería que haber un técnico forestal en cada concello, xente que coñeza o territorio e as súas eivas e que esté encardinada na Administración. E un punto clave na loita contra os lumes pasa pola recuperación da poboación”.