19 de noviembre de 2019
19.11.2019
IN MEMORIAM

Pepe de Beade, auténtico referente

19.11.2019 | 01:34
José Rodríguez.

Como Presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo e en representación das 13 comunidades de montes que aglutinan a máis de 4.000 comuneiros e comuneiras síntome na obriga de escribir estas liñas In Memoriam de Pepe de Beade, un auténtico referente do movemento comunal en Vigo, finado este domingo. Sempre que penso en José Rodríguez Fernández (1949-2019) me veñen á mente tres verbas: traballo, constancia e xenerosidade, valores propios dun comuneiro.

Co seu traballo como presidente da Comunidade de montes veciñal de Beade dende 1993, os montes desta parroquia son un exemplo de impecable xestión forestal, combinando o equilibrio entre monte destinado ao goce da parroquia e da cidadanía -o Parque Forestal de Beade é dos máis concorridos e valorados do concello- e monte produtivo que lle permite o mantemento polos seus propios medios. Nesta laboura mantívose constante durante máis de 26 anos: era o decano dos presidentes de Vigo.

Houbo momentos difíciles como cando tivo que porse ao fronte das expropiacións pola Autovía do Val Miñor e pola VG-20, así como pola Universidade. Pero tamén cando apostou por reinvestir os fondos logrados polas expropiacións para devolverllos á sociedade en forma de espazos de lecer, en centos de cerdeiras que subministran a famosa Festa da Cereixa, etc. En todo caso, o importante é o día a día pois como ben coñecemos os que nos adicamos ao monte, unha vez plantada unha semente logo hai que estar ahí facéndolle a limpeza, o desbroce, a poda, etc: ata os 25 anos como mínimo non se ven os resultados; e se non che ven un lume ou unha praga que chos leva por diante.

Todo isto forma parte do ADN da xeralidade dos responsables das comunidades de montes veciñais, e Pepe de Beade o encarnou con sobresaínte. Pero onde sen dúbida destacaba Pepe era na súa xenerosidade, colaborando con múltiples entidades sociais (ANPA do CEIP Coutada-Beade, do Atletismo Beade...), así como con calquera iniciativa que quixera empregar o monte para a súa actividade. A foto que se achega corresponde precisamente a maio deste ano, onde a última Andaina polos montes de Vigo tiña unha saída dende os montes de Beade e Pepe fixo de anfitrión. Pero onde me tiven que quitar o sombreiro foi cando tivo lugar o macrobotellón nos montes de Beade en marzo deste ano e, despois de ver como o parque forestal quedaba como un auténtico vertedoiro, a súa iniciativa foi falar co Reitor da Universidade para ver o xeito de que no próximo ano se fixera outra vez, que para iso estaba o parque, e se podía ser un "pouco máis ordenado". Chapó por Pepe.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
FaroEduca
Comeza un ano máis o Concurso Illas Cíes no que os nenos e nenas de Vigo nos contan como ven eles as Illas Cíes