Entrevista | José Ramón Gómez Besteiro Secretario xeral do PSdeG

“Quero fortalecer o PSdeG e actualizar o seu discurso, é un traballo de pico e pa”

“Queda moito tempo, véxome coma un líder hoxe, non acostumo especular sobre o futuro”, contesta cando se lle pregunta se optará a repetir como secretario xeral ou candidato á Xunta

Gómez Besteiro: "Haremos lo que se espera de nosotros"

Ricardo Grobas

Irene Bascoy

Irene Bascoy

José Ramón Gómez Besteiro sabe que o PSdeG ten por diante moito traballo para recuperar terreo electoral. En febreiro logrou só nove escanos, fronte aos 28 que obtivo en 1989 ou aos 25 de 2005 e de 2009. Ten clara a receita: actualizar o discurso e fortalecer o partido baixo a bandeira da coherencia, responsabilidade e seriedade. “Un traballo de pico e pa” que está certo de que dará froitos, pero pode “tardar”. Iso si, non garante que sexa el o encargado de levar o partido ata a meta. Non quere especular sobre o seu futuro, e deixa no aire se optará á reelección como secretario xeral en 2025 e como candidato á Xunta dentro de catro anos.

–Cal é o reto que se marca vostede como secretario xeral do PSdeG?   

–Quero actualizar o discurso do Partido Socialista aquí en Galicia e fortalecer o partido. Imos ter unha convención a finais de ano e queremos presentar o noso proxecto de modernización, de reindustrialización, pero tamén de defensa dos servizos sociais, de cultura, de idioma,...

–Como ve ao PSdeG tras caer a nove escanos nas eleccións de febreiro?

–Penso que estamos nunha fase de recuperación. Somos o único partido en Galicia que non está contento coa súa posición. O PPdeG, ás primeiras de cambio, en vez de gobernar, dedícase a botarlle a culpa de todo ao Goberno central, e o BNG parece satisfeito de ser oposición. Nós somos un partido de goberno e traballamos para recuperar posicións que nos permitan gobernar. 

–O PSdeG en febreiro pasou de 14 a 9 escanos, despois viñeron as eleccións vascas e os socialistas alí medraron de 10 a 12 escanos e, por último, foron as catalanas, onde o seu partido gañou nove deputados. Curiosamente, no País Vasco e en Cataluña non houbo o desembarco de ministros que si houbo en Galicia. Si foi Pedro Sánchez, pero non tanto, e alí remarcouse que as eleccións eran autonómicas, non xerais. Visto o que sucedeu aquí e aló, mudaría agora a estratexia de campaña?

–Non. Co 14% dos votos, o PSdeG perdeu 5 escanos e no País Vasco gañou dous. Non nos temos que obsesionar co que pasou ou non pasou. Houbo un compromiso de todos os socialistas e do Goberno de España de impulsar unha política diferente para Galicia. Non funcionou como pensabamos que ía funcionar. O importante agora é ter un proxecto para Galicia cunha visión socialdemócrata que traia prosperidade, pero que tamén supoña máis e mellores dereitos públicos. Seguiremos avanzando por ese camiño.

–Nas noites electorais en Galicia, as dúas incógnitas que resolver son: por canto gañará o PPdeG e cal será o transvasamento de votos entre as forzas de esquerda. Que vai facer o PSdeG para mudar esta situación, como van entrar no electorado do PP e así arrebatarlle a maioría absoluta?

–Traballar con moitísimo sentido común, con moitísima racionalidade e sendo coherente sempre, por exemplo, cando pedimos a gratuidade da AP-9 tamén a demandamos para as autopistas galegas. E logo ter claras as prioridades: non podemos perder oportunidades económicas, defensa a ultranza dos dereitos públicos acadados (educación, sanidade, dependencia), máis autogoberno e maior protagonismo de Galicia na España plurinacional, cunha presenza forte en Europa e ao outro lado do Atlántico.

–No congreso da súa proclamación como secretario xeral do PSdeG, vostede apostou por Luis Ángel Lago Lage, de 67 anos, como número dous do partido. Esa é a renovación do PSOE galego?

A renovación non é unha cuestión de idade. Estamos facendo a entrevista en Vigo, onde teñen un alcalde que ten dez anos máis que Lago e está en magníficas condicións para estar á fronte da alcadía dez máis. A renovación faise máis aló das persoas, con feitos.

–Recuperar escanos, adiantar ao BNG, tocar poder... parece tarefa para máis dunha lexislatura, non?

–Vaiamos paso a paso, pico e pa todos os días. Con coherencia, seriedade e responsabilidade. Por este camiño pódese tardar, pero dará froitos.

“A recuperación do PSdeG pode tardar, pero con coherencia, seriedade e responsabilidade haberá froitos”

–Optará a ser candidato do PSdeG nas vindeiras eleccións autonómicas?

–Traballo pensando en concitar arredor do Partido Socialista máis vontades, en fortalecer o proxecto socialista. Ese é o meu obxectivo, por tanto, non fago previsións.

–Non me di o que vai facer dentro de catro anos, pero o ano que vén toca congreso ordinario do PSdeG. Repetirá como secretario xeral?

–Queda moito tempo para todo iso. Agora o que toca é seguir pola senda do traballo serio, constante, moitas veces gris, escuro e silencioso, para presentar a mellor oferta política. 

–Con esta contestación que me dá, vese coma un líder de transición no PSdeG?

–Non. Eu véxome coma un líder hoxe. Non acostumo especular sobre o futuro.

–Dáme a sensación de que vostede aposta por unha oposición tranquila, menos agresiva que a do BNG. É intencionado ou é cuestión de carácter?

–O PSdeG fai unha oposición tranquila, pero sólida e contundente, porque somos un partido de goberno. Sabemos o que é gobernar, o que custa gobernar e, sobre todo, como aspiramos a gobernar, non simplemente a estar na oposición, non dicimos unha cousa pola mañá e outra pola tarde.

–Este domingo (hoxe) hai unha manifestación en Palas de Rei en contra do proxecto de Altri, un proxecto que pide axudas públicas á Xunta e ao Goberno central. Cal é a posición do PSdeG?

–Falta moita información e moita claridade. Todo son dúbidas. A lexislación medioambiental galega, estatal e europea debe cumprirse estritamente e agora xorden cuestións coma a cantidade de auga e electricidade que se necesita das que non se falaba hai dous anos cando Feijóo apadriñaba o proxecto. Hai dous anos dicíase que crearía 2.000 postos de traballo, en momentos punta ata 4.000, e agora parece que só serán medio millar.

Gomez Besteiro. PSOE

Gómez Besteiro, o xoves no centro de Vigo. / Ricardo Grobas

–O conselleiro de Cultura, José López, ofreceu un pacto polo galego. Que lle pide para chegar a un acordo?  

–Volver atrás sen complexos. O decreto do plurilingüismo foi un erro. Por que a xente fala menos galego nos últimos dez anos? Por que os mozos non se senten atraídos por falar galego?

“Puente dixo que era difícil, non imposible, a gratuidade da AP-9”

–Vostede acaba de pedir á Xunta que solicite a convocatoria da Comisión de Transferencias para abordar co Estado o traspaso da autopista do Atlántico, pero o ministro de Transportes, Óscar Puente, acaba de dicir que o traspaso e a gratuidade son moi difíciles. Para que quere esa reunión entón?

–Porque é na comisión onde se ha de ver a posición do Goberno de España e do Goberno de Galicia. Claro que a negociación non será sinxela. Puente dixo que é difícil, pero non que fose imposible. Estamos a falar de moito diñeiro e por mor dun Goberno do PP que prorrogou a concesión da autopista. Eu, entre traspaso e gratuidade, quedo coa gratuidade da AP-9 e posteriormente o traspaso.

–Puente anunciou que vai liberar a AP-7 en Alicante por 400 millóns. Unha autopista que además ten un vial alternativo. Por que si en Alicante e non en Galicia?

–Son cifras diferentes. Estamos falando dunha liberación de 400 millóns, iso suporía aproximadamente o prezo das bonificacións que vai aplicar o Ministerio de Transportes durante tres anos na AP-9.

–Esta autopista non é a primeira liberada, non merece Galicia que tamén se libere a AP-9? Non chegou a hora de Galicia?

–O PSdeG sempre defendeu a gratuidade e o traspaso da Autopista do Atlántico.

–Na campaña electoral vostede prometeu que se era presidente a AP-9 e A-53 serían gratuítas. Por que o pode conseguir como presidente e non dende a oposición?

–Eu fixen unha oferta electoral. O que me preocupa é a posición inmadura de Alfonso Rueda, que me pide que lle faga o seu traballo. Estou disposto a colaborar e apoiar á Xunta na súa demanda, pero el debe poñer o traxe de presidente da Xunta.

–Que expectativas ten para o PSdeG nas eleccións europeas?

–Son unhas eleccións de circunscripción estatal e imos competir por ser a primeira forza de España. Son unhas eleccións moi importantes. Habemos de elexir entre continuar apostando por unha Europa forte, a que deu unha resposta socialdemócrata na pandemia, ou unha Europa que coa dereita mirou para outro lado coa crise financeira. Ou unha esquerda cun discurso rancio. Invito a ler o prólogo do programa do BNG, parece que volvemos á etapa da Unión Soviética.

–Preguntáballe por Galicia, tralas eleccións de febreiro, espera mellorar resultados?

–Non sei cal vai ser o resultado, pero son votacións diferentes.

Suscríbete para seguir leyendo