A Real Academia Galega exhorta aos deputados galegos a usar a lingua galega nas Cortes

Así o farán no PSdeG e o PP dará liberdade aos seus parlamentarios

Vista xeral do Congreso dos Diputados.

Vista xeral do Congreso dos Diputados. / E.P.

Paula Pérez

Paula Pérez

A Real Academia Galega (RAG) insta aos deputados galegos nas Cortes a facer uso do seu dereito a empregar o galego na súa actividade parlamentaria. Así o acordou onte o plenario desta institución que ademais mostrou a súa satisfacción pola reforma do regulamento do Parlamento español que recoñece oficialmente o dereito ao uso de galego, o éuscaro e o catalán nas súas sesións e no conxunto da actividade parlamentaria.

O galego foi, de feito, protagonista na estrea do uso de todas as linguas oficiais do Estado no Congreso dos Deputados o pasado 19 de setembro. O parlamentario socialista Xosé Ramón Gómez Besteiro foi o encargado de abrir a lexislatura e fíxoo cun discurso no que alternou galego e castelán. O único deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, celebrou o cambio no regulamento e expresouse integramente na lingua propia de Galicia. Tamén Marta Lois, de Sumar, empregou o galego nesa primeira sesión parlamentaria.

“Esta medida supón non só o gaño dun novo ámbito de uso para o noso idioma, especialmente importante polo seu simbolismo e a visibilidade pública que outorga, senón tamén pola asunción da pluralidade lingüística por parte das institucións do Estado”, salientou onte a Real Academia Galega.

Por esa razón, “exhorta” aos deputados galegos nas Cortes españolas a que fagan uso do seu dereito a empregar o galego na súa actividade parlamentaria.

Partidos

Dende o BNG dáse por feito que o seu deputado se expresará en galego a partir de agora no Congreso. O PSdeG tamén se compromete a empregar esta lingua nas Cortes, mentres que o PP dará liberdade aos seus deputados galegos.

Os populares recordan as declaracións do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nas que apuntaba que os parlamentarios do PP que así o desexen poderán usar o galego no Congreso dos Deputados. “A medida está en vigor, se os galegos deciden utilizala están no seu dereito, tamén os do PP”, afirmou o tamén xefe de filas dos populares.

Rueda, sen embargo, chegou a cuestionar o cambio no regulamento para abrir a porta as linguas oficiais nas Cortes. “É unha riqueza e estou moi orgulloso do bilingüismo en Galicia. Pero isto non quere dicir que haxa que utilizar pinganillo para entenderse cando se pode usar unha lingua común que é o castelán”, sinalou no seu momento.

Pola súa banda, o coordinador dos deputados galegos do PSdeG no Congreso, David Regades, confirmou que usarán a lingua propia de Galicia “de forma habitual, aínda que nalgún momento puntual se poida utilizar outro idioma”.

“Facemos unha aposta clara polas linguas cooficiais, e agora a batalla está en conseguir que o galego se use tamén nas institucións da Unión Europea”, sinalou.

A Regades, sen embargo, chámalle a atención que a RAG “non lle tirara das orellas” ao presidente da Xunta e do PPdeG que, según lembrou, se mostrara en contra do uso das linguas cooficiais nas Cortes.

Abrir camiño

Na declaración aprobada onte polo plenario da Real Academia Galega confíase en que “o paso dado polo Parlamento español abra o camiño que outras institucións e administracións públicas de distintos ámbitos –incluíndo a xustiza– deben comezar a transitar”, aseguran.

A RAG recoñece que queda aínda “un treito por recorrer” ata unha aceptación “plena e completa” por parte do Estado do carácter constitutivamente “plurilingüe e plurinacional dos pobos que conforman a sociedade española”. En todo caso, os académicos aplauden a iniciativa adoptada polo Parlamento español.

Pero non se conforma e pide que se siga avanzando. Así a Real Academia Galega manifesta a súa “esperanza” de que as xestións do Goberno central ante as institucións da Unión Europea encamiñadas ao recoñecemento oficial no seu seo do galego e das outras linguas cooficiais de España, teñan un resultado positivo.

“Os avances cara a plena oficialidade do idioma galego en todos os niveis políticos e administrativos non supoñen outra cousa que progresos cara á reparación da inxusta marxinación histórica do noso idioma e a discriminación dos seus falantes”, defende a RAG.

Suscríbete para seguir leyendo