Ciencia, filosofía… filosofía da ciencia!

Adicadas aos estudantes de bacharelato, estas xornadas pretenden afianzar esa conexión entre filosofía e física, matemáticas e natureza... e descubrir o mundo que nos rodea!

A viaxe ao CERN na que naceron estas xornadas.

A viaxe ao CERN na que naceron estas xornadas. / Cedida

“Todo xurdiu durante unha excursión ao CERN en Xenebra que fixen co alumnado do STEMbach do IES Blanco Amor de Ourense” explica o profesor José Manuel Domínguez, confirmando que, como demostra a historia, as grandes revelacións suceden case por casualidade.

“Alí, tras recibir unha clase maxistral sobre Física de partículas nunha da salas do experimento Atlas (o famoso Acelerador de Partículas) por parte dun dos científicos que traballan no lugar, comecei a falar co alumnado sobre as grandes preguntas e plantexamentos da filosofía da física”.

A curiosidade move o mundo, e os estudantes amosaron “paixón” por todas esas preguntas “sen resposta”, e “lamentaron non ter na escola algunha asignatura que tratase esas cuestións”. “EUREKA!” sorrí José Manuel. “Por que non facer unhas charlas para alumnos de bacharelato sobre filosofía y ciencia? Puxémonos entón manos á obra. E así, entre dez alumnos e alumas do STEMbach do IES Blanco Amor e mais eu, comezamos a organizarlo todo”.

Antonio Ferreiro, Benedicto Acosta, Cristina Lourido.

Antonio Ferreiro, Benedicto Acosta, Cristina Lourido. / Cedida

De alumnos, para alumnos

“Organizar as xornadas non foi doado. Non somos unha institución, senón un grupiño de alumnos e o seu ex-profe (este ano estou no IES Salvaterra de Miño)”.

Así, con moito tempo e esforzo, toparon co vicedecano da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense da UVigo: “En canto lle contamos a noticia interesouse moito pola actividade e axudounos dende o primeiro momento. Porén, grazas á Facultade de Ciencias do Campus de Ourense, contamos co espazo para celebrar as charlas e coas certificacións que recibirán os estudantes que veñan (estudantes ou non estudantes, toda a poboación interesada na filosofía da ciencia está invitada a vir!), completamente gratuito”.

“Existen grandes desafíos filosóficos na interpretación do universo”

Antonio Ferreiro

— Problemas abertos da física fundamental

Así, nas xornadas FICOU, do próximo 15 de decembro, trataránse as cuestións fundamentais que espertan a curiosidade intelectual e que son relevantes para comprender o noso mundo en constante cambio. Será a través de cinco ponencias dende diferentes perspectivas científicas. “Queremos destacar a importancia de fomentar o pensamento crítico, o diálogo respectuoso e a apreciación polo proceso de descubrimento nestas disciplinas. Cremos que a filosofía e a ciencia non só enriquecen as nosas mentes, senón que tamén contribúen ao desenvolvemento dunha sociedade informada e reflexiva” remata José Manuel Domínguez.

"A filosofía da ciencia explora a natureza e debate sobre o realismo"

Benedicto Acosta

Ponentes

Benedicto Acosta realizará unha introducción á filosofía da ciencia, ás súas principáis cuestións, autores e debates. Daniel Medina falará da “Fusión nuclear, ¿a fonte de enerxía do futuro?” e as súas vantaxes combustibles fronte aos conflitos e desafíos éticos que conleva.

A conferencia “Metamatemáticas”, de Carlos Ferreiro, falará sobre o realismo matemático (“se os obxectos matemáticos existen independentemente da mente”), a natureza da verdade, a existencia de entidades abstractas, e o problema da aplicabilidade das matemáticas no mundo físico...

"Implica o uso de habilidades informáticas para propósitos lexítimos e éticos"

Cristina Lourido

Para aportar outra perspectiva, a enxañeira informática Cristina Lourido falará do “Hacking ético”, para identificar e corrixir vulnerabilidades en sistemas de información e abordar desafíos éticos, como obter consentimento, garantir a privacidade e manexar a información de maneira responsable. “A ética do hacking tamén se centra no equilibrio entre a seguridade e a privacidade, así como na transparencia e a colaboración coas partes interesadas” explica.

Por último, Antonio Ferreiro analizará os grandes desafíos filosóficos da física, como a procura dunha teoría unificada que integre a gravidade coas outras forzas fundamentais e a interpretación da mecánica cuántica, a natureza do tempo, e a posible existencia de dimensións adicionais no espazo.