Chega a recta final do curso 2021-2022 e as familias empezan xa a mirar cara o curso que vén, máis aínda nos casos do alumnado de 2º ciclo que vaian incorporarse ao sistema educativo ou cambiar de centro docente. 

Se ese é o teu caso, debes saber que, desde este domingo, xa están dispoñibles as listaxes definitivas de admitidos e non admitidos dos centros públicos galegos e que, agora si, son as definitivas.

Todos os anos, por estas datas, xorden certas dúbidas entre as familias tras coñecer o resultado final. Que ocorre cando o número de solicitudes é superior ao de prazas dispoñibles? Por que uns si entraron e outros non? Que é o que marcou a diferencia? E o máis importante: Agora que? 

O certo é que existe un baremo obxectivo por puntos no que se teñen en conta certos criterios como a existencia de irmáns no centro, a proximidade do propio colexio ao domicilio ou ao lugar de traballo ou a renda per cápita da unidade familiar, entre outros. 

Se, aínda así, hai un empate de puntos, entra entón en xogo o famoso sistema desempate que resolve o dilema a través das letras de apelido de prioridade establecidas por sorteo desde a Xunta de Galicia. 

En todo caso, todos os nenos e nenas teñen a súa praza asegurada no sistema público porque, cando a persoa solicitante non é admitida no destino indicado en primeiro lugar, é baremada de forma sucesiva para cada un dos colexios solicitados nos que existan postos vacantes, seguindo a orde de preferencia manifestada. 

Unha vez coñecidas as listaxes de admitidos e non admitidos definitivos, que poden consultarse tanto nos propios centros como a través da aplicación admisionalumnado co certificado dixital ou a chave365, o próximo paso é formalizar a matrícula, o que deberá levarse a cabo no colexio ou instituto correspondente durante os prazos establecidos para cada etapa educativa. 

Prazos de matrícula 

Isto é: do 20 ao 30 de xuño no caso de Infantil e Primaria; do 25 de xuño ao 10 de xullo no caso da convocatoria ordinaria de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato; e, do 1 ao 10 de setembro, na da extraordinaria.