A repercusión que están a ter as Tanxugueiras, candidatas a representar a España no Festival de Eurovisión, é tal que é un asunto do que todo o mundo fala estes días. E os colexios e institutos non son alleos a este fenómeno. Ao contrario. A rapazada está a vivir en primeira persoa o alcance desta formación musical galega, formada por Aída Tarrío, Olaia e Sabela Maneiro, pandereteiras que exploran ritmos urbanos. Por todo isto Cándido Paniagua Pousa, profesor de Lingua e Literatura Galegas, tivo a necesidade de traballar este tema nas aulas. Como? Elaborou unha unidade didáctica sobre "Terra", a canción das Tanxugueiras. Non só a creou para el e o seu alumnado: compártea nas redes para todo aquel/aquela que desexe utilizala. Cándido Paniagua (Xinzo de Limia, 29 anos) dá clase na actualidade no IES Plurilingüe de Elviña (A Coruña). Antes estivo no Colexio Miralba (Vigo).

-Por que decidiches facer unha unidade didáctica sobre “Terra”, a canción das Tanxugueiras?

Estas mozas viñeron para quedar e están a revolucionar non só o panorama musical, senón a sociedade galega. Non podían quedar fóra da educación. A fin de contas, os docentes debemos tratar a realidade e levala ás aulas, adaptándoa ao currículo. Des que comecei o curso, procurei poñer en valor a música galega. O alumnado non coñece moitos grupos actuais, mais sempre que preguntaba saía un nome: Tanxugueiras. Con todo o rebumbio que hai coa súa candidatura e o éxito da canción había que traballar isto na clase. O que fixen foi adaptar os contidos da materia valéndome deste recurso. Así traballamos o léxico, a sociolingüística, facendo fincapé en que as linguas non teñen fronteiras, e o galego menos, dado que a comunidade abrindo a porta á comunidade lusófona e tamén a música tradicional galega.  

O alumnado non coñece moitos grupos actuais pero ás Tanxugueiras si

Cándido Paniagua, profesor de lingua e literatura galegas que creou a unidade didáctica sobre "Terra", de Tanxugueiras. Eli Regueira

-Gústache o grupo?

Coñezo as Tanxugueiras case dende os seus comezos. Recoñezo que me fixen fan co seu segundo disco, Contrapunto. Tiven en bucle durante meses unha canción: O querer. Agora que están a evolucionar a sons actuais, máis urbanos, aínda me gustan máis. Enche de orgullo escoitar nas radios música en galego. Nos seus últimos concertos fixeron un espectáculo moi bo e estarei no primeiro da nova xira, en Coruña, para o que venderon todas as entradas en poucas horas. Oxalá o seu éxito se contaxie a outros artistas galegos. 

Oxalá o seu éxito se contaxie a outros artistas galegos

-Cres que achegan o galego e a música galega aos escolares?

Por suposto. A mocidade galega está falta de referentes que teñan o galego coma un estandarte. Elas son únicas, coas ideas claras. Non mudaron un chisco a pesar da notoriedade que están a ter alén de Galicia. Que rapaces de quince anos as escoiten e che digan “estou falando máis galego porque me gustan as Tanxugueiras” demostra o seu éxito. Esta é unha boa oportunidade para darlle impulso á lingua. O galego ten que estar presente no futuro e o futuro é a rapazada. Gustaríame que os meus compañeiros docentes lle mostren novas músicas e novas formas de entender a galeguidade. 

Esta é unha boa oportunidade para darlle impulso á lingua

-Que consideras que suporía que actúen en Eurovisión?

Un triunfo. Pero non só unha vitoria para elas, tamén para a sociedade galega. É latente o apoio que lle estamos a demostrar. Que suban a ese escenario actuando na nosa lingua axudaría a rachar con prexuízos que nos seguen a lastrar. Estar dentro do comercial, do que se fala nas redes, das radios e das televisións significa normalizar o uso dun idioma. E iso é o que lle falta ao galego, estar en grandes escaparates. Pero non debemos conformarnos con isto. O problema de hoxe en día é o consumo rápido dos produtos, polo que saber manter esa exposición é a nosa tarefa. Agardo velas nese escenario porque sería un paso moi importante para os galegos. 

Estar dentro do comercial significa normalizar o uso dun idioma