“Tanxugueiras é o plural dun microtopónimo, popularizado por esta banda musical, que designa unhas terras da parroquia de Fumaces, no concello de Riós (Ourense). O vocábulo é unha alteración da forma etimolóxica Teixugueira, un zootopónimo común no país que sinala os sitios onde hai presenza ou abundancia de teixugos ou porcos teixos”. Tanxugueiras foi elixida a palabra do ano 2021 a través da votación popular levada a cabo polo Portal das Palabras. Mais, sabes que significa?".

Esta é unha das preguntas da Unidade Didáctica sobre “Terra” elaborada por un profesor de Lingua e Literatura Galega. É tal o éxito e o alcance do grupo galego Tanxugueiras, que en breve participará no Benidorm Fest como paso previo á súa posible participación no Festival de Eurovisión, que xa ten unha proposta didáctica para poder levar ás aulas. A Unidade Didáctica titúlase “Veñen para quedar” e céntrase na canción “Terra”.

A partir deste tema, o profesor e autor desta unidade didáctica, Cándido Paniagua Pousa, que a comparte para todo aquel docente que a queira empregar no seu centro, realiza unha documentada exposición sobre o grupo galego formado por Aída Tarrío, Olaia e Sabela Maneiro, formación que nos últimos meses acapara todas as miradas, focos e apoios para conseguir chegar a Eurovisión e participar neste festival cunha canción en galego, algo que suporía un fito na historia da nosa lingua e tamén doutras linguas de España, representando e defendendo así a diversidade lingüística que existe neste país.

Podes consultar AQUÍ a unidade didáctica.

Portada da Unidade Didáctica.

Máis imaxes de "Veñen para quedar".

Algún exemplo dos contidos desta unidade didáctica

-A expresión da canción non hai fronteiras serve de unión para irmandar as culturas e as linguas da Península Ibérica.

No ai arrayus / Nun hai fronteres / No bi ha fronteras/ They are no borders / Non hai fronteiras / Ez dago mugarik/ No hay fronteras/ No hi ha fronteres / N'i a pas termières / Nao há fronteiras

-Sitúa no mapa onde se localiza cada lingua

-En que lugares se fala galego?

-Cantas desas linguas teñen a denominación de oficial? Sabes cales?

-Que outros idiomas se falan na Península Ibérica?

-Se sabes outras linguas, traduce a expresión 'Non hai fronteiras'.

-A canción titúlase Terra. Que significados adquire o termo, tendo en conta que non está presente na letra da canción?

-Agrupa as seguintes palabras segundo a pronuncia da grafía x: xamón, exame, enxame, hexágono, xilófono, saxofón, teixugo, xaxún...

-Tanxugueiras presenta ao certame un tema folk, unha muiñeira con ritmos electrónicos e fiel á súa sonoridade: con pandeiretas. Nomea as partes da pandeireta: aro, ferreña, pelica.

-Unha muiñeira é unha composición musical tradicional, de movemento alegre, ao son da cal bailan unha ou máis parellas soltas. Normalmente, son estrofas cun compás 6/8, é dicir, un ritmo rápido. En pares, compoñede unha copla máis para a canción con catro versos octosilábicos.

Etc...

Inicio da unidade didáctica.