O IES Álvaro Cunqueiro foi un dos últimos centros nos que exerceu a docencia Xela Arias, a autora (poeta, mestra, editora, artista...) á que este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas. Foi no curso 2002/2003. Todos os colexios e institutos celebraron a figura de Xela. Neste instituto, no que se garda un inmellorable recordo da autora, a tamén poeta e docente Míriam Ferradáns participou nunha actividade moi orixinal cos rapaces e rapazas, da man de Malores Villanueva, profesora de galego deste centro.

Este instituto comezou os festexos do Día das Letras Galegas co obradoiro poético levado a cabo por Míriam Ferradáns. Nos cursos de segundo e terceiro da ESO e en primeiro de Bacharelato traballaron a creación poética a través dos versos de Xela Arias. Míriam Ferradáns incentivou o alumnado a escribir a partir dalgúns versos de Xela Arias que ela lles presentou e que tomaron diferentes significados nas novas composicións da rapazada. Tamén tiveron que completar un poema de Denuncia do equilibrio ao que previamente se eliminaran varias palabras, con este exercicio comprobaron que pode cambiar o significado completo dun poema se se mudan algunhas palabras. Ao tempo traballaron os recursos estilísticos e a súa propia creatividade, perdéndolle o medo a escribir poesía, como describe a profesora Villanueva.

Clase do Álvaro Cunqueiro co autor do documental sobre Xela.

Linguaxe, creación, reflexión, autocoñecemento...

“A través destas unidades didácticas buscamos traballar co alumnado o dominio da linguaxe, a creación, a reflexión e o autocoñecemento. Foron actividades nas que tiñan unha gran selección de versos escollidos de Xela Arias a partir dos cales tiñan que facer unha creación propia e reflexionar sobre dito proceso creativo, sobre os propios versos de Xela que, fora do poema original, gañaban significados novos. Ademáis tiveron que completar poemas da autora aos que se lle eliminaron previamente palabras específicas. Tras isto, traballamos a importancia do significado das palabra, da ubicación, etc. Tamén comparamos poemas de Xela con autoras como Westonia Murray onde procuramos as similitudes e as diferenzas entre poéticas feministas e comprometidas en diversos momentos históricos”, explicou Ferradáns.

Documental de Xela

Previamente o alumnado tivo a primicia de ver o documental Xela Arias. Poeta nas marxes, dirixido por Beatriz Pereira con guión de Daniel Chapela. Ambos estiveron presentes no instituto para achegar, a través do seu traballo e dos comentarios posteriores, a figura de Xela Arias aos máis novos.

Este documental poderá verse proximamente nuns trinta concellos

Este documental poderase ver nos próximos meses en arredor de trinta concellos de toda Galicia e nel participan amigas e compañeiras de Xela Arias, mais tamén críticas literarias que trazan un perfil da persoa e da autora. Unha mañá de aprendizaxe foi o punto de arranque a este mes das Letras Galegas. O alumnado de cuarto da ESO terá tamén un obradoiro poético da man de Lara Dopazo e organizamos, xunto ao CEIP Celso Emilio Ferreiro, CEIP Escultor Acuña, CEIP Javier Sensat, unha intervención poética nas rúas de Vigo con versos de Xela Arias. Estas son só algunhas iniciativas do IES Álvaro Cunqueiro a quen formou parte do seu claustro de profesorado, engade Malores.

Unha alumna durante as actividades.