No gran discorrer de capacidades que coma titor de 3 anos teño o privilexio de ver florecer no meu alumnado, a creatividade sen dúbida supón unha das máis fascinantes, xa que é capacidade e competencia en si mesma e polo tanto unhan valiosa ferramenta para o crecemento. Facilítanos unha canle perfecta para canalizarnos (dando renda solta aos nosos talentos) permitíndonos resolver conflitos da vida diaria (de forma cada vez máis única e orixinal) e por suposto axúdanos a expresar as nosas potencialidades plasmando << o que, e como somos >> debuxando o << que e como facemos >>.

Os que sentimos e vivimos a escola actual como activa, baseada na sorpresa e no descubrimento como eixo troncal da nosa metodoloxía, sabemos que axudar a espertar as reaccións creativas require, como se de unha exótica planta se tratase, dun ambiente, substrato e contorna axeitada, baseada entre outros factores:

No valor e reforzo que lle damos ao acto creativo, así pois as conexións dun cerebro que crea aumentan cando na aula eu, como mestre, valoro a creatividade como ferramenta que non só lles serve aos meus nenxs para sorprenderse, senón que lles vale para sorprender. (“Mira profe! Mira que pasada de pirámide fixemos coas caixas e os cartóns”).

Clase de Diego.

Será por suposto clave como nós, os titores, enfrontamos tamén a creatividade así << se o meu mestre fai cousas creativas e sempre se entusiasma cando facemos cousas orixinais, será moito máis sinxelo que se produza a ‘chispa’ que en pouco prenda en cousas fermosas>> de aí que este enfoque debe constituír unha constante vital no día a día da aula e conformar un pilar no noso papel coma docentes.

Nin que dicir ten que todo o que xira en torno aos procesos creativos, require apertura e flexibilidade natural, de aí que debemos estar dispostos a paralo TODO se nalgún intre xorde algo creativo que mereza a pena.

Que xorde a gran tubería infinita por toda a clase implicando dinámicas cooperativas, socializadoras…? pois cancelando todo o que tiña pensado facer a continuación. Que alguén crava un pau nun polispán e comeza a xestarse unha obra en equipo que non para de crecer e crecer? Pois adiante, e eu apúntome tamén coma mestre a ver en que acaba a cousa.

Experiencia creativa.

Pero como articulamos todo isto?, sen dúbida axudan espazos amplos simplificando o menor número de mesas posibles, dinámicas pouco directivas de mobilidade en recantos, o chan como lugar privilexiado de traballo, materiais comúns e accesibles, recantos dinámicos que se renoven e esperten a curiosidade (Atelier de arte, espazo de minimundos…) son algunhas ideas marco que sustentan esta filosofía dunha escola que sente e valora que creando e recreando, montando e desmontando o noso alumnado vai facendo cada vez máis seu o mundo que os rodea.

Experimento con iogures.