No CEIP Plurilingüe de Sigüeiro tiveron moito éxito co seu primeiro proxecto eTwinning, no curso 2018-2019, e dende entón non deixaron de participar nestes traballos conxuntos con centros de moitos países. Son proxectos cos que o alumnado practica outros idiomas e coñece a escolares doutros países, accedendo así tamén á cultura, hábitos e costumes dos mesmos.

E por que tivera tanta repercusión? Porque fixeron (ou programaron) un robot que bailaba muiñeira. “Participabamos España, Grecia e Polonia e os centros de cada país (dous españois, un deles o noso, dous polacos e un grego) tiñamos que programar unha danza tradicional, que despois interpretamos en conxunto”, expresa Tamara Carreira, mestra de inglés neste CEIP plurilingüe no que se imparte e se practica galego, castelán, inglés e francés: “si, son as nosas catro linguas no colexio”.

O proxecto chamábase “Robot European Dance”, con alumnado de 4º de Primaria. “Nós montamos unha muiñeira. Despois, confeccionamos unha danza colaborativa final coa música ‘It,s a small world’, combinando pasos de cada baile para crear a ‘danza tradicional europea’”, engade Carreira. “É que unha das cousas nas que os rapaces reparan ao participar neste tipo de proxectos é que non somos tan distintos os uns dos outros, quero dicir, que cando coñecen as características,costumes e modais doutros países sorpréndense porque atopan parecidos. E o mesmo aconteceu co tema das danzas, os pasos eran similares... dicían, mira, os gregos tamén levantan os brazos, coma na muiñeira, por poñer un exemplo”, apunta Carreira.

"Co proxecto 'Robot European Dance' crearon un robot que bailaba muiñeira e gañaron o selo de calidade europeo da comunidade eTwinning"

 Polo proxecto do robot programado para danzar este centro educativo galego obtivo o Selo de Calidade da comunidade e da organización eTwinning (no ámbito español e europeo).

Nestes momentos participan en dous proxectos eTwinning, que tratan sobre a diversidade lingüística de Europa, “poñendo en valor todas as linguas, teñan máis ou menos falantes, comezando pola nosa propia (galego) e as demais linguas que aprendemos no cole (castelán, inglés e francés)” (o segundo proxecto trata de achegarse ao inglés a través de ferramentas web).

“En ambos proxectos somos máis de 50 centros participantes duns 15 países: España, Portugal, Bélxica, Reino Unido, Italia, Polonia, Croacia, Serbia, Romanía, Grecia, Moldavia, Turquía, Túnez, Xeorxia...”, comenta Carreira.

Os rapaces e rapazas do centro elaboran vídeos presentándose na súa lingua e compártenos co resto de participantes dos outros países. Deste xeito, os escolares galegos tamén practican as presentacións noutras linguas. “Sorpréndense por exemplo ao percibir que soan parecido galego, portugués, romanés... E fixeron un vídeo con motivo do Día Europeo das Linguas, o 26 de setembro.

"As linguas que imparten e practican neste centro educativo plurilingüe son galego, castelán, inglés e francés"

Traballando cos robots.

Trátase de meeting role-plays coas linguas que estudan no colexio e nas outras linguas de países que participan no proxecto. “Os alumnos comunícanse con escolares de toda Europa a través do foro. Facémoslles preguntas como cantas linguas poden falar?, cal é a súa palabra favorita na súa lingua materna?, cal é a lingua máis difícil de aprender?, etc...”, comenta Tamara.

Outra das iniciativas que poñen en práctica a través destes proxectos europeos é o post-crossing. “Consiste en enviar postais a escolares doutros países. Deste xeito envías e recibes postais doutros países e créase unha comunidade de postais escritas nas diferentes linguas que é moi emocionante para os rapaces e rapazas. De feito, temos un mapa do mundo e imos colgando as postais que imos recibindo dos distintos lugares. Ao alumnado gústalle moito este intercambio e coñecen historias e detalles do país dende o que se envía a postal”, engade esta mestra.

Alumnado do CEIP nunha clase cos ordenadores.