UNHA REFLEXIÓN PERSOAL A PÉ DE AULA

Hai só unha coincidencia entre o final do curso pasado e o inicio deste: o coronavirus segue condicionando a vida das persoas ata límites que nin nos imaxinabamos durante os meses de marzo, xullo e mesmo setembro. E parece que continuará e o vindeiro mes de marzo pode ser que topemos algunha que outra coincidencia máis entre o curso pasado e este. Esperemos que non.

Se hai algo define a diferencia entre o curso 19-20 e o 20-21 é o rol da escola na sociedade coronavírica. Se no curso pasado a escola non estivo presente como axente principal na colaboración coa sociedade (mesmo ás veces puidemos ser un lastre para moitas familias), neste curso a escola está xogando o papel que todos os docentes desexabamos. Estamos sendo, ao igual que os sanitarios e profesionais dos sectores primario e secundario, os verdadeiros protagonistas mantendo as escolas abertas para que nenos e nenas teñan nelas espazos nos que continuar o seu desenvolvemento integral.

Dende o inicio escolar estamos vivindo moitas dificultades na nosa labor docente. Recibimos a diarios a uns nenos e nenas que teñen moita confianza depositada na escola e no seu profesorado, topamos no profesorado persoal moi comprometido e con moitas gañas de tirar para diante ante este xiro inesperado e ata fomos quen de ver nesta situación oportunidades que deberemos saber aproveitar para o futuro.

O que a continuación se presenta non é máis que unha reflexión persoal a pé de aula que tan só procura por un lado trasladar unha información á comunidade educativa e, por outra, favorecer a reflexión do corpo docente e das administracións competentes no eido educativo.

Dificultades

Xa dende o mes de marzo deste anos fomos conscientes dunha situación que agora se repite. Si no pasado mes de marzo sabiamos que por moito que o fixeramos ben coa educación confinada non chegariamos a todo o alumnado nas mesmas condicións, agora sabemos que por moito que o fagamos ben nos nosos centros e aulas non somos garantía de que non se produzan contaxios nas escolas. E iso ponnos nunha situación semellante á dos sanitarios que tamén coñecen esa sensación de non poder conseguir os seus obxectivos por moito que o loiten a diario nos seus centros de traballo e cos seus pacientes.

Outra das dificultades que temos día a día é a falta de continuidade do proceso educativo. Topámonos a diario con nenos que faltan algúns días por mor dun catarro que lles obriga a quedar na casa uns días, con confinamentos familiares preventivos cando un neno ten síntomas compatibles co Covid-19, con aulas confinadas durante dez días porque alguén tivo contacto cun positivo, con mestres que tamén faltamos polos mesmos motivos… Nesta situación é moi difícil manter un proceso educativo estable, ben estruturado e que asegure que todo o que ensinamos e todo o que eles aprenden é común para toda a aula.

O inicio de curso foi impactante para toda a comunidade educativa. Non ver as caras dos nenos e nenas, que non vexan a nosa cara, non saber quen fala cando che piden axuda, ter problemas coa voz ao ter que forzala a diario… condiciona enormemente o noso día a día. Afonías, exceso de ruído na aula cando promoves actividades cooperativas, dificultade do alumnado para escoitar ao compañeiro/a e ao mestre/a, máscaras incómodas, problemas nas orellas do alumnado con pequenas feridas, nenos con gafas que se queixan por non poder ver ben cando o ar que respiran remata pegándose aos cristais, titorías telemáticas, relacións mínimas coas familia e un largo etcétera condicionaron enormemente o inicio escolar que agora, pasadas xa unhas semanas, seguen estando presentes sen ser capaces de que sexamos capaces de adaptarno ben a esta nova e desagradable situación.

Como docentes somos conscientes da dificultade para unha correcta atención individualizada ao alumnado que o precisa. Sobre todo a aquel alumnado con necesidades especias de apoio educativo. Coñecedores das dificultades que ten este alumnado, as condicións que se establecen nos protocolos impiden que este alumnado conte coa mellor atención que antes eramos capaces a dispensarlle.

O traballo grupal no interior da aula complícase moito e a axuda que os iguais ofrecen aos seus compañeiros e compañeiras vese relegada a momentos específicos e moi controlados que desvirtúan ese traballo colaborativo do que tanto aprenden os/as que axudan como os que son axudados/as.

Non quixera deixar esta parte centrada nas dificultades sen nomear unha circunstancia especialmente importante. Nós últimos anos moitos centros e docentes estaban inmersos en procesos de transformación educativa e profesional de gran calado. Galicia mantiña unha rede de centros e de profesionais que estaban iniciando e enraizando estes procesos nos seus centros educativos e nos seu modus operandi profesional. A apertura a metodoloxías centradas. no desenvolvemento integral do alumnado, a posta en funcionamento de Proxectos Educativos Integrais nos centros, o establecemento de redes de colaboración nas comunidades educativas dos centros e moitas máis realidades estanse vendo en risco de evolución da propia revolución que se estaba fraguando. Máis ben estamos asistindo a un proceso de involución ou regresión no que abandonamos esa visión educativa transformadora acomodando os nosos esforzos con apostas que limitan esa evolución.

Oportunidades

Pero hai veces que as dificultades se tornan en oportunidades. Esta nova realidade escolar está ofrecendo unha serie de oportunidades que non debemos deixar pasar:

En primeiro lugar, e ante a dificultade para asegurar un proceso educativo estable a todo o alumnado (tal e como se indicou anteriormente) é un bo momento para facer do currículo unha ferramenta máis flexible e centrarse neste tempo en determinadas aprendizaxes imprescindibles e comúns para todo o alumnado no canto de ter milleiros de contidos que esixen un ensino e unha aprendizaxes menos profunda e máis fugaz.

Outra das grandes oportunidades que está aparecendo nesta situación excepcional é a recuperación do estatus e da importancia da escola. A escola como institución compensadora de desigualdades sociais, como espazo para asegurar o mdesenvolvemento global do alumnado preséntase hoxe como indispensable. Poden cerrar os bares, os cines, algúns comercios… pero a escola, polo ben dos nosos pequenos e das nosas familias, non pode cerrar. É importantísima para a sociedade actual pero tamén para a futura.

Como consecuencia desta realidade tamén na labor docente, no rol docente, no estatus docente se teñen que dar cambios. Estamos ante unha oportunidade única para recuperar o prestixio social que a docencia merece. Se aplaudiamos ao corpo sanitario creo que é un bo momento para que a sociedade tamén vexa e aplauda ao corpo docente. Podemos recuperar ese prestixio porque estamos ofrecendo todo o que temos para asegurar o provir de milleiros de nenos e nenas. A sociedade verá esta realidade e nós deberemos aproveitala para acompañarnos mutuamente e volver a elevar á profesión docente de nunca tivo que baixar.

Son moitas máis as oportunidades que están aparecendo. O aproveitamento do espazo exterior e da contorna como espazo e contido educativo, planificar proxectos didácticos significativos con esta situación que estamos vivindo e onde gañe moita máis presenza a forza transversal da ecoloxía e do medio ambiente, promover un ensino e unha aprendizaxe máis lenta na que sexamos capaces de baixar á mirada do neno para, a partir dela e das súas vivencias, ser quen de axudalos a desenvolverse nas mellores condicións. É un bo momento para recuperar os momentos de faladoiros co alumnado, é aí onde poden dicirnos como están vivindo esta situación, para ser empáticos e acercarnos máis ao seu mundo emocional, para ser críticos con todas aquelas realidades que se están manifestando na actual sociedade como pouco humanas, para favorecer a entrada na escola de contidos científicos serios e rigorosos, para potenciar a presenza das artes (literatura, música, pintura, escultura, cine…) como vehículo de comunicación e expresión das vivencias do propio alumnado e, finalmente, para facer ao alumnado protagonista desta situación na que vive axudándoo a que a súa voz sexa tida en conta nas futuras políticas educativas, sociais, culturais… locais, autonómicas ou nacionais.

E a rapazada, como está?

Dende inicios de curso nótase que a escola é para eles un refuxio onde poder asegurar moitos eidos do seu desenvolvemento: cognitivo, social, afectivo, emocional, motor… A diario notamos como os nenos e nenas veñen á escola a gusto, teñen gañas de estar nela porque as condicións de vida que a situación actual plantea fóra da escola son percibidas como desagradables para eles.

Nótanse moito máis faladores, precisan o contacto social e, inda que non se pode, son capaces a manter as normas con moi boa disposición. Teñen a escola como espazo vital no que pode satisfacer as súas necesidades.

A escola debe aproveitar esto para ofrecerlles respostas a estas necesidades de seguridade, socialización, coñecemento, movemento… Faise preciso modificar os tempos educativos para poder atender estas novas necesidades que a diario nos demostran.

Como tirar para diante ante este xiro inesperado.

É certo que estamos nunha difícil situación profesional pero tamén é certo que estamos facendo un esforzo enorme para adaptarnos a esta nova situación e creo que o estamos facendo moi ben.

• É nestes momentos cando florece a creatividade e a orixinalidade do corpo docente. A organización do día a día, a programación do que se ensina, as fórmulas variadas para axudar ao alumnado a aprender mellor… son claros exemplos desta capacidade que tal vez tiñamos adormecida e que agora sae á luz con forza e decisión polo ben de todos nós.

• Outra das vertentes que está aparecendo con moita forza é a unión entre o profesorado para, xuntos, asegurar as mellores condicións sanitarias e educativas ao alumnado. O traballo dos equipos directivos é tremendo e o profesorado estamos en sintonía con ese traballo aportando a nosa axuda constantemente. Debemos aproveitar este momento para aumentar este sentimento de pertenza a unha comunidade contando tamén coa gran colaboración que están aportando as familias. Familias, alumnado, profesorado e demais axentes están colaborando con forza a prol dun ensino e aprendizaxe nas mellores condicións. Hai que aproveitalo para que esta unión non desapareza.

• Non cabe dúbida que precisamos máis axuda e esforzo por parte das administracións competentes pero tamén deberemos aproveitar a coparticipación nesta realidade de todas as administracións. Os concellos estanse esforzando moito e precisamos que este esforzo se cristalice xa que é a administración máis próxima ás escolas e debería ter máis presenza nelas (evidentemente con máis recursos económicos para facelo).

• Esperemos que a educación siga mantendo a presencialidade. No caso de perdela e regresar outra vez ao confinamento educativo xeral esperamos que as administracións competentes sexan conscientes da desigualdade que ocasionou o pasado episodio confinado e poñan todos os recursos a disposición dos centros. A dia de hoxe non chegou nada do prometido e mesmo nos topamos desatendidos en moitos aspectos. Esperemos que poidan cumprir co prometido e invirtan moito máis no eido educativo e científico.