The White Negro

100 anos de Marlon Brando

Marlon Brando como Vito Corleone en "O Padriño" (1972).

Marlon Brando como Vito Corleone en "O Padriño" (1972). / Arquivo

Héctor Paz Otero

Aínda que con anterioridade xa se produciran escenas de protesta na gala dos Oscar, unha das máis recordadas e reveladoras aconteceu o 27 de marzo de 1973. Marlon Brando enviou a Sacheen Littlefeather, unha apache de 26 anos, para recoller o Oscar á mellor interpretación por "O Padriño" (Francis Ford Coppola) e para pronunciar un discurso de quince páxinas no seu nome sobre a forma de retratar os indios nativos norteamericanos no cinema e a televisión daquela época. Finalmente, baixo a ameaza de ser arrestada se falaba máis de sesenta segundos, Littlefeather (que, en realidade, se chamaba María Cruz e non era apache senón mexicana), leu un texto moito máis breve que caeu como unha bomba no seo da industria de Hollywood. O suceso é a escenificación pública máis ostensible da rebeldía e indocilidade de Brando cara ás estruturas dun sistema que, décadas antes, o elevaro ao cumio do star system.

Definido como un "white negro" por Normal Mailer, Marlon Brando é o símbolo dun período que produce actores como Montgomery Clift, James Dean, Elvis Presley ou Marilyn Monroe, tipos atormentados que encarnan a rebelión existencial e sexual. Son numerosas as declaracións nas que experimenta certo sentido de culpa á hora de actuar —“Non creo que exista na terra oficio máis estúpido que o de actor”— e rexeitamentos cara ao sistema non que se foi desenvolver o seu labor: “O soldo que percibe unha estrela pódese medir polo sorriso que os demais lle dedican. Cando cheguei aquí pagáronme 40.000 dólares por película e os sorrisos só amosaban dous dentes, agora cobro 125.000 e os sorrisos poñen ao descuberto toda a dentadura”. Na súa autobiografía Songs My Mother Taught Me —publicada en español co título Las canciones que mi madre me enseñó—, confesa a pegada da súa experiencia na escola de Stella Adler, defensora do teatro realista e comprometido socialmente, e dos seus traballos con Elia Kazan ("Un tranvía chamado desexo", "A lei do silencio", "Viva Zapata"). Porén, a colaboración de Kazan co Comité de Actividades Antiamericanas provocou unha profunda desilusión no actor que se tornou cada vez máis cínico.

Unha vez embarcado na loita polos dereitos civís e contra os prexuízos raciais, Brando comezou a engordar e perder parte do seu atractivo físico. En 1968 anunciaba a retirada como actor, pero máis que retirada, en realidade, foi unha especie de “cesura”, unha baixada momentánea de tea que rapidamente volve subir para amosar unha apostura afastada da imaxe de sex-symbol. As grandes produtoras empezaron a mostrarse reticentes a contratar o actor, sobre todo despois da súa espantada en "Sinuhé o exipcio". Porén, con Gillo Pontecorvo obtivo unha das súas mellores actuacións, a dun imperialista que acaba por converterse en revolucionario en "Queimada" (1969). A película foi un fracaso comercial; por iso, cando Francis Ford Coppola tratou de convencer os executivos da Paramount para que contrataran a Brando no papel de Don Corleone, estes negáronse en rotundo ata que o famoso vídeo do actor poñéndose kleenex na boca e betume no cabelo loiro acabou por persuadilos. Con Coppola volvería anos despois para encarnar o Coronel Kurtz en "Apocalypse Now" (1979), pero antes Bernardo Bertolucci, na polémica rodaxe de "O derradeiro tango en París" (Last Tango in París, 1972), forzou en Brando unha interpretación entre improvisada e autiobiográfica.

Cando irrompeu no cinema tras o paso polos teatros de Nova York, o público quedou realmente abraiado diante dunha coreografía corporal executada por Brando mediante unha naturalidade nunca antes experimentada nunha pantalla de cinema, e adaptada sen estridencias nunha intensidade emocional extraordinaria.

"O Método" e "A lei do silencio"

James Naremore aseguraba que calquera símbolo sexual “proletario” encarnado despois de "A lei do silencio" ("On the Waterfront", Elia Kazan, 1954), remitía irremediablemente ao personaxe de Terry Malloy, interpretado por Marlon Brando. Hai quen considera esta interpretación comoa máis influínte na historia do cinema. O Oscar que recibiu significou, por fin, que Hollywood se rendera ao "Método". Se ben, desde o punto de vista técnico, a escena que comparte con Rod Steiger no asento traseiro dun taxi roza a perfección, na meimiña dos espectadores quedará para sempre o paseo polo parque entre Terry Malloy e Edie Doyle (Eva Marie Saint). Todo aconteceu por accidente: durante o ensaio, a Eva Marie Saint caeulle unha luva, que Brando recolleu; pero en lugar de devolverlla, probouna e xogou con ela mentres Eva Marie intentaba recuperala con disimulada insistencia. A interacción que se establece entre os dous personaxes grazas a esa prenda, o nerviosismo dela, a tensión sexual, acabaron por conformar unha das escenas máis memorables de todos os tempos. Elia Kazan afirmaba, con coñecemento de causa, que había algo de bisexual na figura de Marlon Brando, xa que ningún actor masculino naquela época sería capaz de poñerse a luva dunha muller mentres conversaba con ela.

Suscríbete para seguir leyendo