Patrimonio

Divina xeometría

Santuario do Senhor da Pedra (Óbidos)

Perspectiva xeral do Santuario do Senhor da Pedra.

Perspectiva xeral do Santuario do Senhor da Pedra. / Arquivo

Óbidos é tan fermosa que os reis portugueses tiñan o costume de escollela como agasallo de voda para as súas futuras mulleres, e o seu aspecto non cambiou moito desde que Dom Dinís iniciou a tradición en 1282. Por iso no século XIII pasou a pertencer á Casa das Rainhas, formado polo conxunto de bens que outorgaban os monarcas lusos ás súas cónxuxes, as cales, ao longo das diferentes dinastías, foron mellorando e enriquecendo. Esta é unha das principais razóns pola que se alzan tantas igrexas nesta pequena e histórica localidade coroada polo seu castelo. Ademais das súas construcións intramuros, fóra das murallas conta cun impoñente templo revestido de lenda, o santuario do Senhor da Pedra, un alarde de xeometría deseñado baixo a dirección do arquitecto e capitán Rodrigo Franco e inaugurado en 1747. Á parte de ser un interesante exemplo do barroco en Portugal, ao seu interese arquitectónico suma a devoción á súa milagrosa cruz de pedra, exposta hoxe en día no altar maior da igrexa.

Segundo a tradición, dona Leonor ordenaría colocar unha cruz de pedra coa imaxe de Cristo Crucificado no camiño cara ás augas curativas de Caldas da Rainha. A cruz fora motivo de fonda veneración para despois caer no esquecemento. Na década de 1730, tras unha seca prolongada, un labrador da rexión sentiu a chamada desa escultura oculta e invisible xa entre silvas, a cal lle pediu veneración. O veciño cumpriu a petición e a partir de entón sucederon as choivas tan desexadas. Construíuse despois unha pequena capela de madeira, a Capela da Memória, para gardar a santa imaxe que hoxe está no altar do santuario. A devoción crecía e eran miles os romeus que acudían peregrinando a pedir favores á santa imaxe.

Perspectiva xeral do Santuario do Senhor da Pedra. De arriba abaixo: imaxe do exterior; altar maior; perspectiva da cúpula da igrexa. |  FOTOS: ARQUIVO

Altar maior. / Arquivo

A cruz que motivou -e motiva- tantas romarías é de aparencia basta e rugosa, coa figura de Cristo esculpida no centro nunha dimensión reducida e unha representación fóra do común pola forma do corpo, enigmática para uns e milagrosa para moitos.

En 1737 lanzouse a moeda inicial de esmola, un símbolo para que fose construído un santuario en substitución da capela, cuxa primeira pedra foi posta en 1740. Dous anos despois o rei Xoán V iniciou tratamentos en Caldas da Rainha, visitando así regularmente a imaxe do Senhor da Pedra, para a cal daba grandes dádivas. Esta axuda permitiu avanzar nas obras do santuario que se inaugurou en 1747, engadíndose remates nos anos seguintes, aínda que faltan os carillóns de ambas as torres.

Divina
xeometría

Perspectiva da cúpula da igrexa. / FdV

A igrexa ten a particularidade de articular un volume cilíndrico exterior cun polígono hexagonal ao interior rexistrado nunha circunferencia á que se anexan tres corpos, dous que corresponden ás torres e outro á sancristía. No seu xogo de simetrías destacan igualmente as súas xanelas investidas. No templo do Senhor da Pedra existen tamén doce esculturas que representan os Apóstolos, oito lenzos e paneis de azulexos, así como tallas barrocas, mármores e retablos. En 2013 foi declarado Monumento de Interesse Público.

Divina
xeometría

Imaxe do exterior. / FdV

A entrada principal e a fachada do edificio ven permanentemente para Óbidos coa súa fermosa silueta amurallada. No complexo construíuse un albergue para peregrinos e un “chafariz espaldar” de estilo rococó. Cada 3 de maio, día da Santa Cruz, celébrase a concorrida romaría.

Un pouco máis adiante está Óbidos coas súas rúas estreitas e serpenteantes capitaneadas pola Rua Direita, a arteria principal que desemboca nunha bela praza aos pés do castelo. Declarada unha das 7 Maravilhas de Portugal, é unha vila de casas brancas dentro dunha fortaleza medieval onde o tempo parece detido.

Coleccións de museo

Ademais das súas praias, a súa natureza, a súa lagoa e moitos outros atractivos, Óbidos ten unha rede museística composta por máis de media ducia de espazos de interese. Un deles é o Museo Municipal, inaugurado o 15 de xuño de 1970. A exposición é unha viaxe pola produción artística e pola devoción relixiosa da historia da vila. A colección dá testemuño da acción das colexiatas e o enriquecemento cultural marcado por encargos a algúns dos maiores nomes da arte portuguesa. Destacan as pinturas dos séculos XVI e XVII nas que constan traballos de André Reinoso e Josefa d’Óbidos.

Na rede íntegrase tamén o Museo Parroquial, localizado na igrexa de São João Baptista, situada xunto á Porta da Vila, un dos inmobles de referencia do patrimonio construído. Por outra banda, o Museu Abílio de Mattos e Silva naceu da vontade de Maria José Salavisa, a súa viúva. Abílio de Mattos e Silva foi pintor, escenógrafo e figurinista, nacido en Sardoal en 1908 e falecido en 1985. Aínda que non era natural da vila, Óbidos foi a súa terra elixida, onde morou e mantivo residencia. Era unha auténtica promesa das artes plásticas pero acabou dedicándose a unha actividade creativa ligada ao teatro e á ópera. O Museu Abílio de Mattos, situado nun fermoso edificio, ten como foco a divulgación da obra do artista nas súas múltiples facetas. A rede museística complétase coa galería Novaogiva, o Centro de Deseño de Interiores, a Casa do Arco da Cadeia e o Núcleo da Colección da Guerra Peninsular.

Suscríbete para seguir leyendo