Libros

Libros recomendados da semana

Libros do Faro da Cultura.

Libros do Faro da Cultura. / FdV

VV.AA.

Asasinato no campus de Lugo

Matar sen culpa

Pilar Ponte

 Non deixa de resultar curioso que Irene Rega Jul naza á literatura galega con dúas novelas que gañan cadanseu premio. Tras A malferida, Premio Illa Nova, chega agora Tecendo redes, unha publicación coa que a autora obtivo o IV Premio de Novela Vilar Ponte 2023.

A obra desenvólvese en cincuenta e un capítulos breves que funcionan como escenas enmarcados nun prefacio e un epílogo. O primeiro funciona como contedor do detonante da historia: un crime, máis en concreto, o asasinato dun catedrático da Universidade de Lugo no seu despacho no campus, levado a cabo por alguén que o coñece, que o sufriu e que vén matalo como un acto de xustiza, sen sentir culpa. O epílogo é unha ventá aberta ao futuro. Esa brevidade das partes contribúe a lle dar á novela un ritmo que nos leva no aire ata a última páxina. Atopamos no texto de Jul moitas das características propias do xénero negro e, como adoita ser frecuente, imos descubrindo canda el a información que nos vai levar conxuntamente á resolución do caso.

Do mesmo xeito que na súa anterior novela, Irene Rega amosa especial habelencia na construción de personaxes femininas complexas e cheas de matices aos que neste caso engade ademais a complexidade da doenza psicolóxica. Con Verónica Souto, unha profesora de xornalismo, vivimos o tormento da verdadeira dimensión da violencia machista, unhas consecuencias que van moito máis aló do que pode ser a agresión física ata o punto de poder destruír a persoa ao longo do tempo.

A autora logra unha obra na que se trata a violencia machista mais consegue manter a distancia co tema de maneira que este non domine a narración e acabe reducida a un texto moralizante como acontece noutros casos. Aquí temos dous focos de atención ben construídos que avanzan en paralelo: dunha banda, no plano que poderiamos identificar como da obxectividade, a propia historia do asasinato e mais a investigación con todas as personaxes que a rodean. Ao seu carón, e doutra, un outro foco ben diferente, o plano da subxectividade, o do sufrimento, o da aniquilación onde se desenvolve a vida interior de Verónica.

Rega debuxa arredor dese núcleo un coro de personaxes secundarias consistentes, o inspector Ramón Varela, a irmá xemelga de Verónica, a súa parella e a viúva do asasinado sosteñen de xeito crible a historia.

Tecendo redes é tamén un se enfrontar ao dilema moral de xustificar a xustiza pola man fronte á defensa do agresor. Ata que punto unha vítima debe seguir sendo vítima? Durante canto tempo? A condena xudicial é a pena xusta? Que opcións quedan cando falla o propio sistema? De que lado estamos?

Imagen

Tecendo redes

Autor: Irene Rega Jul

Editorial: Galaxia

PVP.: 19,50 €

Sacrificios dos bondadosos

Áxil e con sentido moral

Estro Montaña

A partir de 1880, un novo concepto da muller cambiou o canon da literatura dos Estados Unidos. Escritoras como Edith Wharton (1862-1937) viviron no medio dunha loita entre a nova muller e a caricatura que dela facían poderosas forzas socioliterarias. Wharton naceu nun medio distinguido, recibiu unha boa educación e frecuentou a alta sociedade. Autora de best-sellers, acadou o premio Pulitzer en 1920 por A idade da inocencia, que levou ao cine Martin Scorsese. A súa literatura non foi moi compracente coa sociedade vitoriana, pero a diferenza de Gertrude Stein, coa que compartiu a admiración por Flaubert, nas súas elegantes crónicas non manifestou unha actitude radical, evitou a experimentación da linguaxe e non se prodigou, coma a mesma Stein, en personaxes obreiros, pobres, negros, inmigrantes e con conciencia da súa sexualidade.

Porén, en As irmás Bunner, novela curta escrita en 1892, os personaxes centrais rexentan un modesto comercio e sobreviven grazas a levaren unha vida austera, que mudará no momento en que un reloxeiro de orixe alemá irrompe nas súas vidas. O relato amosa a capacidade para retratar con detalle o corazón e mais as aspiracións dos seres solitarios e desfavorecidos, describe con fina psicoloxía os efectos devastadores do amor, a solidariedade fraternal, as preocupación polo decoro social e mesmo introduce o subtema da relixión. E todo contado cun realismo que rescata a beleza da travesía en transbordador de Manhattan a Hoboken, os paseos por Central Park ou as sombrías paisaxes interiores nas que se abrasa un corazón atormentado.

Obra áxil de claro sentido moral, con elementos melodramáticos e final tráxico, As irmás Bunner amosa tamén a capacidade de sacrificio dos seres bondadosos.

Imagen

As irmás Bunner

Autor: Edith Wharton (Antonio Tobar, trad.)

Editorial: Hugin e Munin

PVP.: 11,95 €

Con estética gótica

Substanciosa fantasía épica

María Navarro

O lectorado mozo xa pode disfrutar dunha nova serie de vampiros e seres do submundo porque Eva Almazán traduce para a nosa lingua Amelia Fang and the Memory Thief de Laura Ellen Anderson, autora e ilustradora que afirma que lle gustaría poder vivir na Lúa e que, facendo gala dunha desbordante imaxinación, crea un mundo fantástico en torno á vampira favorita de todo o mundo que neste volume é quen de averiguar a causa que ten o seu reino e aos seus veciños desmemoriados e ata non hai moito, enfrontados.

Un superpegamento de baba de trasno, un programa escolar con materias como Cabazoloxía e Técnicas Babísticas, Canto de Gatiños Anxo, Artesanía de Nubes, Purpurinoloxía ou Historia do Xardín dos Bichos e unha festa de aniversario ás portas teñen atarefados a Amelia, Fedorico, Karl e Helen, tamén ao Conde Drake e á súa dona, a Condesa Frivoleta, pais da vampira e amantes dos falafeis flipantes de Buh. Mais logo duns estraños sucesos, tras a elaboración de galletas sublimes na clase de cociña, Amelia terá que desenmascarar a identidade de quen ten a intención de alimentar o caos alí onde debería reinar a concordia, toda vez que os habitantes do reino da Luz e o da Escuridade selaran a paz.

Cunha estética gótica moi suxerente concibida pola escritora e a ilustradora nas que as imaxes dos personaxes e das escenas destacan polo trazo preciso, salienta a plasticidade do detalle que fai do relato unha sorte de universo propio sobre o que o lector pode transitar imaxinando unha substanciosa fantasía épica, ademais as páxinas negras con letras en branco, que ben imitan as páxinas de dó, conteñen connotacións negativas que engade un certo misterio sobre a narración que resulta engaiolante.

Imagen

Amelia Fang e o ladrón de lembranzas

Autor: Laura Ellen Anderson

Editorial: Sushi Books

PVP.: 14,72 €

Documentos da barbarie

A dixestión do silencio

Iago Fernández

Á marxe, desde logo, da súa elevada calidade literaria, coido que o maior interese das páxinas de Diario da guerra radica na cuestión hermenéutica e política que aparella. Abonda con interrogar as noventa páxinas do excelente limiar da man de Lourenzo Fernández Prieto: o Diario non se considera en función do valor literario senón do peso documental e, sobre todo, como comprobante dun arquetipo político, o dos republicanos/galeguistas que combateron ás ordes inimigas (entre eles Ángel Llanos, cuxas fotografías ilustraron este periódico). A posición política do limiarista, latente ao longo de todo o texto, explicítase na páxina 83, cando se laia de que as novas xeracións nunca lle perdoaran a Francisco Fernández del Riego que se afastase do galeguismo no exilio e minase unha presuposta unidade galeguista en nome dun antifranquismo de natureza cultural. Non é momento (periodísticamente falando) de llo retrucar. No entanto, convén sinalar que o limiar, ao tempo que desacraliza a heroicidade dos fuxidos e os desertores do bando sublevado, xustifica e pinta de tal xeito a circunstancia persoal daqueles, coma del Riego, que os converte en heroes silentes, cando o certo é que (estritamente en tempo de guerra, apunto) fixeron o que calquera: apandar.

Para valorar o Diario sen desbotar o valor literario nin o peso documental, cómpre lembrar que Sebald, en Sobre a historia natural da destrución, critica a incapacidade da literatura alemá para dixerir o trauma colectivo dos bombardeos aliados. Á literatura arredor da Guerra Civil (galega e española) fáltalle dixerir as evidencias históricas que desfiguran as retóricas heroicas e voluntaristas: as moitas desercións que desordearon ambos bandos e os tantos combatentes que defenderon a causa inimiga. O Diario resulta de escribir á sombra destas evidencias, de xeito que o máis representativo -xunto con paisaxes, aviacións, lecturas e angurias- son os silencios dun autor que, de suscribir contidos comprometedores, remataría coma Faustino Vázquez Carril: fusilado.

Imagen

Diario da guerra

Autor: Francisco Fernández del Riego

Editorial: Galaxia

PVP.: 21,50 €

Suscríbete para seguir leyendo