Teatro

A mala morte do heroe

Nerón Claudio Xermánico

"A morte de Xermánico" (Nicolás Pussin, ca.1627).

"A morte de Xermánico" (Nicolás Pussin, ca.1627). / Arquivo

Manuel F. Vieites

Non é de estrañar que a figura dun dos máis reputados xenios militares de Roma non fose recuperada ou explotada na altura en que o pasado grecolatino inspira tantas traxedias. A diferenza doutros notables, como Marco Antonio ou Xulio César, na vida de Xermánico, máis alá dos servizos que presta na defensa das fronteiras do imperio, razón pola que mesmo agora non é moi querido nalgúns países da actual Europa, non hai túrbidas liortas que sirvan para armar un argumento inzado de intrigas abraiantes ou arrepiantes. Ao contrario, nos seus servizos ao Imperio foi considerado exemplo de virtude cívica, máis aínda ao negarse a substituír, mediante una manobra militar demandada pola súa propia tropa, ao emperador Tiberio. Lendo a maneira en que recrean a súa figura Tácito ou Suetonio, semella que segue sendo un modelo de conduta, por rectitude e lealdade á patria, para quen vive da función política.

O único incidente grave na vida do irmán de Claudio, pai de Calígula e avó de Nerón, foi o seu suposto envelenamento, que lle causa a morte, e xera unha marea de dor e consternación nas xentes de Roma ou da vella Antioquía, e provoca unha longa xeira de xuízos, vinganzas e mortes, que eran moi habituais entre as clases gobernantes da época, na súa loita permanente e cruel polo poder. Un exercicio ao que Xermánico, alén da furia incontida que desata na loita contra os inimigos do imperio (os mal chamados “bárbaros”), non era moi afeccionado.

Arredor dese incidente está construída a peza que presentamos, titulada Devólvenos a Xermánico, escrita por Vicente Piñeiro González (Lugo, 1954), e publicada por Positivas, logo de que o texto acadara o Premio Laudamuco, na súa quinta edición. Un concurso literario convocado polo Concello de Brión, en lembranza dun dos seus ilustres moradores, Roberto Vidal Bolaño, no que colabora a Academia Galega de Teatro. O título, que opera como un “mantra” que se repite en momentos cruciais da peza, reflicte o sentir das xentes da capital do Imperio, mentres berran polas rúas pedíndolle a Tiberio, o Emperador, que lle devolva a vida a aquel a quen, segundo a opinión popular, lla tiña quitado, e parece que era moita a envexa e a teima que o fillo adoptivo de Augusto sentía polo seu sucesor proclamado, sobriño seu.

A mala morte do
 heroe

O dramaturgo Vicente Piñeiro González. / Arquivo

Para armar o fío argumental, o dramaturgo empírico, informa mediante nota, e antes de presentar aos personaxes, das fontes documentais utilizadas na elaboración dos eventos cos que configura a trama: os Anais de Tácito, o “senadoconsulto” ou sentencia sobre o caso de Cneo Calpurnio Pisón dispoñible en Hispania Epigraphica, e Os doce césares de Suetonio. Dese xeito, a recreación dramática dos tráxicos eventos que rematan coa morte do prócer latino, segue o relato de historiadores e notarios.

Na composición da peza o autor parte do modelo de Plauto, comediógrafo moi notable da literatura latina, e no inicio hai un longo prólogo que serve para enfiar os sucesos que se van presentar. Seguen un total de dezaseis actos, a maioría cunha única escena, e algún con catro. E o conxunto concíbese como un proceso de indagación do acontecido, e así o primeiro acto transcorre nunha sala do Senado de Roma, en presencia de Tiberio, para considerar e atender as razóns de acusación e defensa. Despois, do acto segundo en diante, vanse presentando os feitos que causan a morte de Xermánico e a chegada da súa comitiva fúnebre a Roma, co que se volverá ao Senado para resolver a lea. A peza está construída coa técnica coñecida como in extrema res, que consiste en comezar polo final, polo que na lectura non hai sorpresas nin expectación, tan só un fluxo lento de situacións, por veces espantosas. A complexidade da trama é unha boa mostra da vida complicada, sempre no gume da navalla, que levaban as xentes poderosas en Roma, como na serie, Eu Claudio (1976), baseada na novela de Robert Graves (1934).

Moito que ler

No campo dos estudos literarios é ben coñecida a vella dicotomía entre contar e mostrar, que para Platón ou Aristóteles permitía definir os xéneros, uns máis asentados na diéxese e outros na mímese. Por iso os teóricos do drama entenden que este presenta procedementos miméticos, mesmo chegando a negar calquera posibilidade de diéxese. Abonda con ler pezas de Flaubert, Valle-Inclán, Shaw, Joyce, ou a magnífica Rosalía de Otero Pedrayo, para considerar que tal mestura é posible, e moi actual en tendencias contemporáneas na escrita dramática.

Na que nos ocupa, Devólvenos a Xermánico, podemos documentar a riqueza de voces que, amais das dos personaxes, poden abrollar en calquera texto dramático, e mesmo daría moito xogo en espazos escolares polo seu potencial probatorio. Porque ademais desa voz que é personaxe, ou da que tradicionalmente se designa como narrador, atopamos todas aquelas coas que se configura a ficción dramática, e que aquí se mesturan e superpoñen de forma permanente. Unha peza que amais de lembrar vellos feitos de tempos idos, tamén recupera cuestións ben relevantes en Teoría Dramática, e acaba sendo unha regalía para as persoas que aman perderse na lectura ou en elucubracións propias dos estudos literarios. Un texto que dá para moito.

Suscríbete para seguir leyendo