Entrevista | Honorato Parcero Membro do grupo musical Varalonga

“A poesía de Bernardino Graña é moi doada de musicalizar”

O grupo Varalonga, con Bernardino Graña.

O grupo Varalonga, con Bernardino Graña. / Lourdes Varela

Cando eran (máis) mozos, estiveron a piques de converterse nun "boom" musical como Nuevas Amistades, pero non puido ser... Mais no ano 2015 reiniciaron a sua traxectoria, xa co nome de Varalonga, co que veñen de publicar o seu segundo disco, con once poemas de Bernardino Graña.

–Que criterios aplicaron á hora de elixiren os poemas que configuran este disco, dedicado integramente a Bernardino Graña?

–Quixemos, diante de todo, coñecer a persoa, saber de onde proveñen e como xorden as súas palabras, e para iso lemos toda a obra en verso, pero tamén en prosa, de Bernardino. Axudounos moito neste senso Fernando Cuñarro, bo coñecedor da súa obra e amigo persoal seu; e del partiu, de feito, a selección dos once poemas que conforman o noso disco.

–Outros cantores galegos xa lle puxeran tamén música a poemas de Bernardino Graña: todos estes poemas do disco nunca antes foran musicalizados?

–Ata onde nós sabemos, ningún destes poemas fora musicalizado antes, e iso que Bernardino é un poeta moi levado ao pentagrama, nomeadamente por Suso Vaamonde.

Disco "Sempre mar", de Varalonga.

Disco "Sempre mar", de Varalonga. / FdV

–Pódese dicir que, en xeral, a de Bernardino é unha poesía doada de poñerlle música ou ten as suas dificultades?

–A poesía de Bernardino Graña é moi doada de musicalizar. Todos os seus poemas están moi medidos e teñen un ritmo de seu que os fai musicalizar de xeito doado, sobre todo se o comparamos con outros autores como Carlos Oroza, do que tamén temos musicalizado algún poema, e abofé que confeso que nos resultou complexísimo.

–Que curiosidades ou anécdotas podemos atopar neste disco?

–Pois, por exemplo, en “Oda ao mar de Cangas”, incorporamos ao instrumental unha tuba da banda de música de Cangas. en susbtitucion do baixo. E tamén improvisamos como elementos de percusión unas copas de viño. Hai outra peza, que foi premiada pola Consellería de Cultura antes de gravala, e incluímola neste disco. É curioso que ao xurado lle parecese que se se trataba dunha canción de amor, cando do que trata é dunha muller que padece un cadro depresivo e o seu compañeiro axúdaa a que os “malos fumes” se vaian. De feito, no poema non aparece a palabra amor, pero digamos está nel, flotando.

–Supoño que o propio Bernardino escoitaría este disco. Que lles comentou? Que lle pareceu?

–Entregámosllo persoalmente o día en que cumpriu 91 anos. Tomamos un café con el, cantámoslle algunhas das pezas, en plan acústico. E gustoulle moito, notábaselle na cara, porque el agora ten serias dificultades para falar. A min, cando me deu a man, sentín unha sensación moi especial, única. Eu sempre o admirei, pero o que sentin nese momento foi moi emocionante.

–A maioría dos compoñentes de Varalonga proceden de Nuevas Amistades. Cales foron as razóns para que o grupo se disolvese cando, en teoría, o agardaba un magnífico futuro?

–As dúas mulleres do grupo mostrábanse moi reticentes a seguir unha carreira profesional no mundo da música, e ademais algúns de nós tivemos que trasladarnos a vivir e traballar fóra de Cangas. A partir de aí, a traxectoria de Nuevas Amistades truncouse.

"Entregámoslle o disco ao poeta o día no que cumpriu 91 anos. Foi un encontro cheo de emocións"

–En 2015 Nuevas Amistades xúntouse para cantar unha panxoliña no programa Luar da TVG. Por que daquela decidiron reiniciar o grupo pero mudando o nome e pasando a chamarse Varalonga?

–A verdade é que o pasamos moi ben, pero as mulleres reiteraron que non querían refundar o grupo, que lles era imposible. Así que os catro homes que quedamos decidimos voltar, pero fixémolo cambiando de nome, claro, e por iso agora nos chamamos Varalonga.

–O seu primeiro disco estivo dedicado a dous poetas de Cangas. Quixera que me falara deles: quen son, que tipo de poesía fan, etc.

–Foi un disco dedicado a eses poetas, José Santos Rodríguez, coñecido como “Pepe O Poeta”, e Serafín Graña Rúa, que nunca pensaron en escribir. Eles recitaban os poemas de memoria. Desgrazadamente xa faleceron os dous, pero alomenos parte do seu legado fermosísimo quedou rexistrado no disco.

–Eran unha especie de poetas do pobo, da rúa, da taberna...

–Así é. Serafín Graña non tiña traballo coñecido e vivía grazas á xenerosidade das xentes da ribeira, que lle daban algo de peixe para que puidera comer. Tamén contaba coa axuda solidaria que lle prestaba Manolo, propietario do Bar Rincón, que era o lugar onde Serafín pasaba gran parte do seu tempo. Esta taberna era un dos lugares onde daba renda solta a súa capacidade para improvisar versos sobre calquera tema relacionado co día a día da vila e mais as súas xentes. A este home contábaslle anécdotas ou acontecementos que pasaban na vila, e a el sempre se lle ocorria facer un poema deles. Pola sua banda, José Santos, “Pepe O Poeta”, non era tan bohemio, senón máis ben un home sensato, e cun grandísimo nivel cultural e intelectual. Pepe foi un home moi dinámico, e xeneroso, gustáballe moito facer deporte, estar cos seus amigos e veciños. Era moi solidario, así algúns veciños dicían que era como un apóstolo moderno, xa que sempre axudaba en todo o que estivera na súa man, como por exemplo cubrir papelame, encher instancias, solicitar praza dos rapaces orfos en diferentes colexios ou ingresar enfermos en sanatorios.

–Acaban de publicar este disco dedicado a Bernardino, pero non sei se xa se estan plantexando o terceiro álbum da súa discografía. Hai algunha idea en marcha?

–Ideas temos moitas, pero hoxe en dia o mundo discográfico está moi complicado. Daquela temos que plantexalo e preparalo moi ben.

– En calquera caso, de certo que estará relacionado con Cangas. Non se plantexan ampliar o abano do seu repertorio, dedicándoo a outros poetas do Morrazo, ou incluso de Galicia?

–Si, dende logo queremos abrirnos á poesía en xeral, nomedamente a de Galicia, pero tamén a doutros países. En calquera caso, as interpretacions de certo que han de ser maiormente en galego

Suscríbete para seguir leyendo