Les femmes fatales

Na xeira da alienación amorosa masculina

Elizabeth Taylor como Cleopatra: femmes fatales na historia e no cinema.

Elizabeth Taylor como Cleopatra: femmes fatales na historia e no cinema. / Joaquim Ventura

Sen dúbida, vivimos tempos nos que os ancestrais papeis outorgados a homes e a mulleres están a ser alterados. En beneficio delas, por sorte. Pero o tránsito non resulta doado e á vista están os asasinatos pola negativa dos homes a non aceptaren que elas poidan decidiren libremente un destino. Unha solución terrible que moitas veces deixa en evidencia un sentido de posesión absoluta: se non es miña, non serás de ninguén. Evidentemente, fronte á lexítima aspiración feminina de autodeterminación persoal, non axuda a presenza duns políticos que seguen a negarlles ese elemental dereito.

Resulta atávica a posición dominante dos homes, bendicida entre nós polo libro da Xénese, que canonizou a misoxinia desde que culpou a Eva da expulsión do paraíso e do pecado orixinal, que condenaba a humanidade enteira a traballar, sempre á espera do castigo divino. Estigmatizadas as mulleres, os homes pasaron a ter carta branca para dominalas. E nese dominio a cerna era o desexo carnal, que podían exercer impunemente de maneira violenta. A coartada verbal –xa atribuída ao comportamento pasivo de Adán– foi a tentación feminina. A muller como fonte de pecado e de perdición, figura que na cultura –especialmente na literatura primeiro e no cine despois– colleu a forma da muller fatal. Esa muller que acorda o desexo carnal nos homes de forma irracional ata causarlles a perdición moral e material.

Elisenda Julibert, tradutora e editora catalá, no seu ensaio Hombres fatales (Acantilado) propón unha nova perspectiva para analizar ese comportamento masculino fronte ao estereotipo das mulleres fatais. Parte da representación pictórica do asunto bíblico de Susana, casada cun home maior e espiada por dous vellos mentres se bañaba. Esta pasaxe servía de escusa para que os pintores renacentistas recreasen un corpo feminino espido. Pero Julibert observou que había unha diferencia entre os artistas homes e a versión que da escena fixo a pintora barroca napolitana Artemisia Gentileschi: alén da ollada estritamente lasciva, o achegamento dos homes a Susana é agresiva, previa a unha posesión carnal forzada.

E é a partir deste asunto cando Elisenda Julibert pasa a estudar diversos casos na literatura e mais no cine de desexo masculino cara a mulleres supostamente tentadoras que, en realidade, serían consecuencia dun estado alienado. Así, establece que fronte ao axioma proposto por A. Dumas de “chercher la femme”, cumpriría darlle a volta a “procuremos o home” fronte á representación da muller fatal. Por este estudo desfilan a Carmen e o Don José, de Merimée; a Conchita e Don Mateo de Ese escuro obxecto do desexo, de Buñuel; os celos de Marcel cara a Albertine de A prisioneira, de Proust; a obsesión de John Ferguson en Vertixe (A. Hitchcock); a teima de Humbert Humbert en Lolita de V. Nabokov, que ben lonxe de presentar un caso de tentación e pederastia agocha as inseguridades do protagonista; ou eses dous homes grises que G. Flaubert describiu en Bouvard e Pécuchet, verdadeira parella de feito non carnal (como tantos matrimonios formais), que despois de procuraren o obxecto que dese sentido ás súas vidas, atopan na copia trivial a razón de existiren. E remata coa inversión dos roles sexuais de Jerry/Daphne e Joe/Josephine en Ninguén é perfecto (B. Wilder), nuns anos –tras a II Guerra Mundial- nos que as mulleres comezaban a exercer un papel social autónomo fronte ao declive do macho alfa norteamericano.

Unha revisión de obras nas que, no fondo, nada ou case nada é como aparentan ser (ou cremos que son). De igual xeito que Romeo e Xulieta de Shakespeare, vista por Julibert non coma unha traxedia senón coma unha comedia sentimental de “dous parvos aos que a estupidez lles custa a vida”. Unha estupidez, e volvemos a Flaubert, ben definida en Madame Bovary, con esa Emma alienada polos folletíns románticos, como Don Quixote o estaba polos libros de cabalarías. Unha revisión que entre nós conviría facer respecto da muller fatal por excelencia das letras galegas, a Balteira, oculta durante séculos e deseñada, ao cabo, por mentalidades masculinas.

Suscríbete para seguir leyendo