Canda o invasor

A xeira dos colaboracionistas

O mariscal Pétain e Hitler en Montoire (1940). Na imaxe pequena: Vidkun Quisling (1942).

O mariscal Pétain e Hitler en Montoire (1940). Na imaxe pequena: Vidkun Quisling (1942). / Arquivo/FDV

Nas guerras nas que un país invade outro sempre hai persoas que, xa por interese egoísta ou por convencemento, axudan ás tropas ocupantes. Estamos a velo recentemente na guerra de Ucraína: coa contraofensiva, as forzas de seguridade de Kíiv están a perseguir a aqueles que colaboraron cos invasores con denuncias ou sabotaxes, unha acción que incluíu un rexistro no milenario e ortodoxo Mosteiro das Covas ortodoxo. Este tipo de represión aínda ten unha intensidade maior se no conflito aparece unha diferenza ideolóxica: lembremos o caso dos chamados afrancesados, é dicir os defensores da liberdade e da razón fronte ao absolutismo, perseguidos por Fernando VII, cando regresou ao trono en 1814, por suposta conivencia con Napoleón.

Na Europa que padeceu a Segunda Guerra Mundial a condición ideolóxica do expansionismo alemán atopou non só a comprensión senón a complicidade dos grupos de extrema dereita dos países que as tropas do III Reich foron ocupando. Cinguido ao oeste europeo, o historiador aragonés David Alegre Lorenz presenta o volume Colaboracionistas. Europa occidental y el Nuevo Orden nazi (Galaxia Gutenberg). Este documentadísimo traballo analiza a predisposición dos fascistas belgas, neerlandeses, escandinavos e franceses a unirse ás forzas nazis, e os distintos papeis que xogaron cando estas invadiron cadanseus países. Nos anos previos á guerra, as simpatías dos fascistas de Europa occidental cara aos nazis, respondían a un patrón: o medo das clases medias, empobrecidas pola guerra e pola crise de 1929, ao ascenso da clase obreira organizada despois da revolución soviética. A chegada de Mussolini ao poder en Italia en 1922 marcou o camiño, confirmado con Hitler en 1933 en Alemaña. Por parte dos ideólogos nazis (comezando por Himmler) había unha vontade de cooptar para a súa causa as forzas de extrema dereita dos países xermánicos, incluídos os escandinavos.

Con diferentes niveis de colaboración, estes partidos pasaron a exercer labores de policía interior cando a Wehrmacht ocupou cadanseus países, sen que tal circunstancia supuxese unha eiva á súa condición nacionalista porque coidaban pertencer a un nivel superior: o ario. Non por iso desapareceron as rivalidades entre as diferentes faccións, agravadas no caso belga entre os flamencos secesionistas e mais os rexistas de Léon Degrelle. Cando as tropas alemás abriron a fronte oriental coa invasión da URSS en 1941, moitos destes fascistas da Europa occidental foron mobilizados en diversas unidades das SS. Nun primeiro momento, marcharon entusiasmados por poderen combater persoalmente contra o comunismo pero ben axiña se decataron de que a guerra era unha cousa ben distinta.

Canda o invasor

Vidkun Quisling (1942). / Arquivo

Caso distinto foi o francés. Se os fascistas xermánicos non deixaban de pertencer a grupos minoritarios, cando o III Reich invadiu Francia, tras o armisticio esta quedou dividida nunha zona de ocupación e outra gobernada polas forzas conservadoras extremistas francesas (PPF, Action Française) e presidida polo mariscal Pétain. A todos os efectos, o réxime de Vichy (“Estado Francés”) era a representación legal francesa, con dominio nos territorios coloniais. O goberno de Pétain actuou como un réxime totalitario coa dirección de Pierre Laval. Combateu a Resistencia e os “indesexables” (xudeus, estranxeiros, xitanos) con igual dureza a como o fixeron os nazis na zona ocupada.

No traballo de Alegre Lorenz non se atopan referencias a colaboracionistas franceses -en distinto nivel- que posteriormente comprometeron o prestixio dos nacionalismos occitano e bretón. No primeiro deles, o goberno de Vichy alentou “volver á rexión” e iso foi aproveitado por diversos occitanistas para tratar de potenciar a súa lingua. Coa derrota, un dos sancionados foi o prestixioso lingüista Loïs Alibert. No caso bretón, diversos activistas políticos e culturais pensaron que a ausencia da presión de París e a súa condición celta facilitaría potenciar a lingua e cultura bretoas. Formaron o grupo Bezen Perrot en 1943 e fixeron labores de policía ao servizo dos ocupantes. Colleran o nome en lembranza de Yann-Vari Perrot, un crego ultraconservador, executado en 1943 pola Resistencia.

Suscríbete para seguir leyendo