Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arte

As cores da muller galega

Arte en femininio

Menchu Lamas no MUSAC. R.P.O. / Arquivo

Catro mulleres veñen de ocupar as últimas semanas de cultura en Galicia. Como queira que a decana do grupo está a ser posta en valor por una autora dos nosos días, falemos de Rosario Sarmiento en primeiro lugar. Autora e conferenciante, outrora xerente cultural, Rosario é una das mulleres con maior visibilidade e permanencia na escena das artes e da xestión cultural da arte contemporánea en especial. Trátase, ademais, dunha senlleira estudosa da arte en Galicia no século XX, unha área sobre a cal ten colaborado en comisariar decenas de mostras ao longo dos anos. Recentemente está a debullar una faciana nova no seu traballo de estudosa das artes, tal é a de investigar, reflexionar e publicar aspectos das mulleres na arte galega nos séculos XX e XXI. O seu máis recente volume está dedicado a María Antonia Dans e vén de ser publicado pola Deputación da Coruña,

Entre as vidas das máis destacadas mulleres das artes de noso, atopamos, pois, a María Antonia Dans. Pintora de sentida estética, foi quen de retratar de xeito sobresaliente os anos 1960, 1970 e 1980 nunha Galicia en grande transformación. Daquela retrataba con extremada delicadeza bodegóns de froitas e conxuntos de animalia. As paisaxes eran unha grande afección e as cores das catro estacións aparecen en secuencias, con contrapunto, ao longo da produción pictórica da artista. Paisaxes urbanas, vistas de mariñas, a luz reflectida no mar preto do porto, facendo visibles os xogos de espellos mariños dos barcos atracados. E sempre as cores galegas, as cores dos mercados e das rúas, as tonalidades da mañá e da tardiña en escenas cotiás. A técnica empregada pola pintora mesturaba óleos con lapis, con ceras ou pasteis. Unha verdadeira técnica de menciñeira onde, no resultado, non se percibe como está construído, mais resulta fermoso, doce e intelixente. Nai da actriz e asemade pintora Rosalía Dans, que acadou gran sina co papel de a Galana na versión televisiva de Los gozos y las sombras, de Gonzálo Torrente Ballester, ambas conforman, sen dúbida, a encarnación da muller do seu tempo nas décadas postmodernistas en Galicia e Madrid.

Rúa con quiosco. María Antonia Dans

Outra galega que está a ter espléndidas exposicións este ano é Menchu Lamas, pintora atlética e infatigable, afeccionada aos grandes formatos como mellor soporte para as súas rotundas imaxes, composicións, retratos de homes peixe e composicións gráficas de forte atractivo caligráfico. A mostra Ven-Anda-Vuela, instalada no Museo de Arte Contemporánea de León, configura unha gran creación, localizada nun espazo concreto acadando a transformación das salas neutras do centro de arte nun colorido universo habitado polo optimismo.

Non imos facer nestas liñas cualificación do movemento da arte ao que pertence Menchu pois moito se ten dito xa diso. Cómpre, así e todo, explicar que Menchu, cos grandes slogans aos que outorga forma de pintura, pode captar a atención dun estadio de fútbol, o mesmo que unha grande estrela do pop dos nosos días. Miro os cadros de Menchu e penso en Madonna cantando para unha multitude multicultural, á que lle toca o corazón e mais os miolos. Velaí, entón, sa muller pequena diante da inmensidade do lenzo, articulando himnos que son aprehensibles por todos malia a novidade de moitos dos seus persoeiros de mitoloxía propia. Se houbese que determinar unha imaxe como icona pop, ou sexa global, dos últimos cincuenta anos en Galicia. sen dúbida sería unha das mitoloxías de Menchu, adiantándose ao reclamo social propoñendo himnos e slogans certos e sinxelos.

"La magia del colibrí. Seis casos desesperados". Mónica Alonso

Curar por medio da arte

Outra muller de entre nós que vén de ser recoñecida polos seus compañeiros intelectuais, é Mónica Alonso quen acaba de ingresar na Real Academia de Belas Artes. Foi louvada por Menchu Lamas, así que a Academia estivo chea de cor e ledicia, algúns din que máxica. A actividade creativa de Mónica coa creación de espazos cor, corpos cor, exoesqueletes de cor e poesías infinitas, leva anos facendo que todos nos sintamos ledos cando imos ver as súas exposicións.

Daquela, ben pode resultar certo iso que ela argumenta arredor “da cor que cura”, da arte que cura e do corpo que se eleva até espazos impensables por medio das cores e mais o conxuro das formas. Sen dúbida, é toda unha fortuna contarmos con esta escola de menciñeiras nas artes dende Galicia.

Compartir el artículo

stats