Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arte: exposicións

Retratos da arte galega

As 'Sombras atlánticas' de Anxo Cabada

Mónica Alonso. Anxo Cabada

No seu novo proxecto expositivo, o fotógrafo Anxo Cabada presenta unha serie de retratos de artistas galegos afastándose conscientemente dun ollar superficial, tan frecuente na instantánea fotográfica que os novos medios de captación de imaxes permiten e estimulan. Ben pola contra, a súa é unha procurada relación entre o retratado, o retratista e o espectador concreto, un espectador dun ámbito histórico real, buscado como parte dese territorio de sombras atlánticas ao que fai relación o título da serie, que acaba por conformar unha singular topografía do país desde as imaxes concretas de creadoras e creadores do ámbito plástico.

Cómpre lembrarmos que o retrato, un dos xéneros canónicos da arte e da fotografía, articula nunha imaxe o que é propio do individuo e aquilo que pertence ao seu medio de aparencias. En realidade o retrato apenas existe para ser mostrado, sendo unha maneira de evidenciar a posición ou o poder económico, político, social ou cultural e de afianzalo. É un xénero esencialmente social, é dicir, un medio a través do cal un ou varios individuos representan a si propios, pondo en primeiro plano a subxectividade, de modo que a historia do retrato é tamén a historia do suxeito porque cada individuo, cada familia e cada grupo compón unha imaxe na cal poder contemplarse.

Silverio Rivas.

Silverio Rivas. Anxo Cabada

En Sombras atlánticas. Retratos da arte galega, Anxo Cabada representa e presenta persoas concretas do noso mundo artístico e nesa representación podemos percibir unha dupla dimensión: unha dimensión concreta da persoa fotografada e tamén unha presentacion do propio autor; hai pois nas fotografías un efecto dual moi evidente e procurado. O traballo do fotógrafo parte dunha intensidade do ollar que tenta capturar as calidades de percepción cunha atenta observación que dota as fotografías dunha faceta afectiva na forma en que estas se dirixen ao espectador e en que nós nos diriximos a elas.De valorarmos as obras como unha totalidade, algo claramente implícito no proxecto, encontramos que os retratos acaban por se relacionaren entre si, en certo sentido atinxen unha vida autónoma. É dicir, os retratos de Anxo Cabada “representan” e ao tempo “actúan” nun mundo social concreto.

O fotógrafo non se limita a unha captación convencional do rostro senón, como o título semella suxerir, pretende alargar o seu interese cara á percepción e a utilización do retrato como medio de exploración da/s identidade/s, sen a limitación que o termo “retrato” podería balizar; de feito poderiamos considerar as fotografías non estritamente como retratos, senón achegamentos ao rostro e ao corpo, como campos de expresión ou de investigación formal, e no seu conxunto como un relato que nos quere presentar unha parcial cartografía do país desde os rostros.

Xaquín Chaves.

Xaquín Chaves. Anxo Cabada

Obviamente a referencia ao xénero retrato sitúanos, inevitabelmente, no ronsel da tradición, ben longa por certo neste caso; nela o retrato tiña unha función nitidamente definida, ligada ao consumo, como “representación” do poder político, como “recoñecemento” da posición social do retratado; isto é, vinculada a unha función utilitaria, que devagar foi desprazando o seu uso para o privado, especialmente desde que a burguesía comeza a súa hexemonía como clase social e sobre todo desde a invención e xeneralización da fotografía, a mediados do século XIX.

TÍTULO

Sombras atlánticas. Retratos da arte galega

ARTISTA

Anxo Cabada

LUGAR

Edificio Castelao, Museo de Pontevedra

DATAS

Até o 15 de xaneiro

Evidentemente, un achegamento actual ao xénero –como o que nos fornece o proxecto de Anxo Cabada- manifesta a enorme mudanza na súa función, que, se por unha banda nos sitúa no ámbito da autonomía do retrato como obxecto artístico, mantén, asemade, o seu sentido, a súa capacidade de comunicación como memoria visíbel dunha persoa concreta, como testemuña da nosa presenza, da pegada na terra dos seres humanos. Isto é o que nos emociona ao situármonos perante moitas representacións da face humana ao longo da historia porque nelas está a presenza da nosa condición, a tensión entre a caducidade e a memoria, entre a manifestación do efémero e a vontade de permanencia.

Perpetuar o rostro

Tornando ás nosas Sombras atlánticas, tamén se percibe nelas esa continuidade, a evidencia de que a representación do rostro e do retrato do ser humano concreto na arte actual se inscribe no ronsel dunha longa tradición, con sorprendente fidelidade á mesma -véxase a relación rostro-obxectos, cos últimos actuando como atributos ligados á personalidade do artista-, como se o canon retratístico renacentista se perpetuase, evidentemente posto ao día, reflectindo un universo plenamente actual.

É certo que partindo desta tradición o traballo de Anxo Cabada permítenos asistir a afondamentos, a intensificacións da percepción, que son claramente contemporáneos, e que os ollares son ben diversos e a linguaxe que utiliza ten referentes plenamente actuais, mais no profundo, as miradas permanecen, como se a face se perpetuase, dotada dunha aura de verdade profunda, por moita distancia que marquemos coa representación.

Anxo Cabada converte, por tanto, o rostro en lugar de actuación, en auténtico soporte artístico, cunha carga de intensidade que deixa a súa pegada nas faces, que agroman entre as brétemas destas “sombras atlánticas” e que en conxunto conforman unha parcial pero auténtica topografía do país.

Compartir el artículo

stats