Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As lapas dentro de nós

Unha épica de antiheroínas

As lapas dentro de nós

“No deserto hai cousas/que non se poden dicir en voz alta”, con estes versos ábrese Impostura, primeiro libro de Paula Antía Rey Baliña, XXV Premio Francisco Añón de Poesía, coma quen nos quere confesar que aquí se contén un segredo, o indicible, a materia da que está feita en si mesma a poesía. Non obstante, Impostura afirma que a verdade está sempre atravesada polo relato experiencial que facemos dela: a verdade das lembranzas vai atravesada polo discurso, polo relato da nosa propia ficción. É, nese sentido, unha impostura, unha farsa. E son esas dúas beiras do mesmo río as que dan estrutura aos poemas: escribir o relato da tribo sabendo que se traizoa a súa verdade cando xa se olla dende fóra.

Nesta primeira obra dunha autora que ergue xa voz propia, revélase a conciencia de que o tempo non permanece inmutable. As esencias non existen e a historia avanza sen que a voz poética se aprese á memoria. Hai unha relación de recoñecemento e tamén de ruptura. “Tornaba o ceo dunha cor violeta e laranxa/que observo co pescozo retorcido/a cento vinte quilómetros por hora/na autovía do barbanza // apenas eran/as lapas dentro de nós”. Poemas que son as lapas das nosas loitas interiores, das nosas identidades en construción recoñecendo e destruíndo a memoria da nosa xente.

O libro ábrese cun prólogo do poeta Ismael Ramos que chama á lectura con brillantez. Refírese a Imposturas coma un relato épico. Estamos de acordo: unha épica contemporánea de antiheroínas que entretece o relato da Historia co relato da tribo. E a vontade de erguerse unha mesma, exenta: “adorno o meu peito / para ofrecerme ante vós / e que non vos decatedes / de que xa non habito / nunha pel diamantada”.

REY BALIÑA, P.A., Impostura, Caldeirón, Malpica, 2022, PVP. 9€

Compartir el artículo

stats