Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na procura das esencias

Ruth Matilda Anderson e o traxe tradicional galego

15

Na procura das esencias: Ruth Matilda Anderson e o traxe tradicional galego. Pablo Hernández.

O Museo de Pontevedra presenta un proxecto comisariado pola Asociación Etnográfica Sete Espadelas de Pontevedra, unha institución que traballa no estudo e divulgación do traxe tradicional galego. Trátase dunha mostra dedicada ao labor da fotógrafa Ruth Matilda Anderson, reproducindo fielmente máis de 75 traxes que se poden contemplar en relación co material gráfico exposto. A orixe desta historia engaiolante lévanos a 1924. Unha mañá solleira de agosto dese ano desembarcaba no porto de Vigo, acompañada por seu pai, a fotógrafa investigadora da Hispanic Society of America de Nova York Ruth Matilda Anderson (Cottonwood State Farm, Nebrasca, 1893-Nova York, 1983). Nese preciso momento comeza a tomar forma un traballo de investigación coidadosamente proxectado.

Archer Milton Huntington fundara en 1904 The Hispanic Society of America, museo, biblioteca pública e institución educativa dedicada á arte e á cultura do mundo hispánico. Huntington determinou que o seu museo incluiría un arquivo fotográfico, considerando a daquela emerxente tecnoloxía como ferramenta de traballo para a investigación. Con ese obxectivo adquiriu imaxes e promoveu expedicións. Ningún dos fotógrafos que enviou á Península Ibérica obtivo mellores resultados que Ruth M. Anderson quen fora iniciada na fotografía polo seu pai, Alfred Theodore Anderson, que dirixía un estudio fotográfico na cidade de Kearney, no mesmo estado en que naceu a nosa fotógrafa. Despois de se formar como profesora, trasladouse a Nova York e estudou na Clarence White School of Photography, onde terminou os estudos en 1919; dous anos máis tarde comezou a traballar na Hispanic Society, institución na que pasou o resto da súa carreira profesional, primeiro como fotógrafa e logo como conservadora de traxes.

Imaxe e recreación da vestimenta no Museo de Pontevedra, Pablo Hernández

A norteamericana realizou en Galicia dúas largas campañas fotográficas: de 1924 a 1926, acompañada na segunda pola súa colega Frances Spalding, traballos que definiron a metodoloxía fotográfica da Hispanic Society. O seu labor, dirixido por Huntington, converteuse na procura e recompilación de evidencias dos costumes do pobo galego, dedicándose ao que resultaba máis difícil: documentar a vida das xentes, en especial das zonas de complicado acceso. Até entón, nin as actividades da poboación traballadora do campo e do mar nin a cultura material da nosa nación foran obxecto de principal atención para a fotografía de maneira tan exhaustiva, con especial atención á vestimenta, obxecto singular de estudo para a etnógrafa e centro do proxecto expositivo do Museo de Pontevedra.

Mostra no Museo de Pontevedra. Pablo Hernández

Neses anos percorreu Galicia á procura das tradicións máis enxebres e realizou máis de cinco mil imaxes que anotou pormenorizadamente. Anos máis tarde este material resultoulle fundamental para a realización do seu libro Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña, editado en 1939 pola Hispanic Society. Porén, esa procura da “esencia do país” exclúe (case) calquera mirada sobre a realidade urbana, moderna, industrial ou migratoria, que non é obxecto do seu interese; daquela, a súa fotografía centra o foco en captar case en exclusiva o que se entende como profunda identidade cultural dun pobo, descuberto e enxergado cos ollos dunha documentalista etnográfica.

Outra parte da mostra no Museo de Pontevedra. Pablo Hernández

Situada, por tanto, a fotografía de Anderson e a encomenda no contexto da época, estas angueiras preséntansenos cun novo valor. Os documentos fotográficos agroman como síntomas substancialmente activos que nos permite percibilos como exemplos de fenómenos de análise cultural. Cómpre encadralos dentro dos debates dos estudos da época e da visión que de nós se ten no mundo anglosaxón e tamén en relación co español, do que non se separa: visión romántica de España, rexeneracionismo, tensión centro-periferia, rexionalismo, nacionalismo, e en relación dialéctica cos procesos xerais que o conxunto da actividade política e cultural do seu tempo nos fornece.

Análise e sensibilidade etnográfica

Estas fotografías remiten non só a unha técnica –de moita calidade– senón a unha forma de entender a documentación etnográfica e nela a relación do ser humano co medio, gabando esa sinxeleza, sublime na súa austeridade, do mundo rural que está a desaparecer ou a ser fortemente modificado e o rico e pintoresco universo galego entendido como testemuño do pasado que se identifica cos valores culturais que están a piques de se perder. A fotógrafa escolle un marco, real pero parcial, un mundo incontaminado, o que non quere dicir que o idealice en absoluto, mais que en certo sentido evita a complexidade de certos factores da realidade que se vivía: emigración, nova industria, tecido urbano; un mundo en que se comezaba a manifestar con claridade a ruptura cos valores tradicionais e que principiaba o seu proceso xeral de desarraigamento, típico da modernidade.

É evidente que Ruth Matilda Anderson responde a este ambiente xeral cun ollar que se cinxe brillantemente ao encargo e á súa sensibilidade, cunha actitude analítica que a liga aos intereses culturais da Hispanic Society, tendo no básico unha percepción etnográfica que lle permite pór o foco nesa Galicia que procura con rigor e brillantez.

Título: Ruth Matilda. Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia.

Comisariado: Asociación Etnográfica Sete Espadelas.

Local: Museo de Pontevedra. Edificio Castelao, Pontevedra.

Até o 16 de outubro.

 

Compartir el artículo

stats