Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Manuel del Caño Xornalista e escritor

“A narrativa galega vive momentos de esplendor”

Del Caño, estes días, en Baiona, co seu libro fronte o mar. Fernando Casanova

O xornalista e escritor Xosé Manuel Del Caño é o coordinador de 'Fisterra. Relato curto en Galicia' (Ed. Linteo). un volume que reúne 40 contos doutros tantos autores e autoras contemporáneos galegos.

Fisterra reúne autores de moi diferentes estilos, traxectorias e idades. Cal é a liña común para todos estes relatos…,se é que a hai?

–Son de temática libre. Tanto neste volume coma no próximo hai permeabilidade entre xéneros literarios. Trátase de escritores que teñen bastantes obras publicadas nos eidos da narrativa, poesía, ensaio... Manuel Forcadela explica no limiar que Fisterra é “un mostrador panorámico que ofrece unha cantidade suficiente de exemplos para vermos cales son as tensións, as polarizacións, os magnetismos, que guían a produción narrativa nos anos que xa conducen ao novo século á plena madurez”. Ademais de subliñar que os autores e as autoras que participan, “pertencen a todas as promocións e xeracións vixentes na data, con máis de cincuenta anos de diferenza temporal entre os máis distantes. Desde os nados nos anos trinta e corenta da pasada centuria até os nados na década de extinción do século pretérito. Desde os que comezaron a publicar as súas primeiras obras de ficción a finais da década dos anos cincuenta, da centuria pasada, até os que acaban de estrearse, coma quen di, agora mesmo. Setenta anos, pois, de convulsión e de exercicio de liberdade de expresión a través do relato e de emprego do relato como ferramenta expresiva, como moldura que soporta todas as tensións e magnetismos de que falabamos no principio, como paisaxe dunha mirada contemporánea que vén desde as páxinas do diario romántico ao último chío de Twitter”.

–Chama a atención a destacada presenza de narradoras femininas. Será (ou xa o é) o século XXI o da explosión da literatura galega escrita por mulleres?

–En vinte e cinco anos cambiou por completo a cara da literatura galega. Na actualidade a narrativa galega ten rostro de muller. Para min foi unha sorpresa descubrir a grande eclosión de autoras que se está producindo nestes momentos, no eido da narrativa. En 1996, Xerais editaba Unha liña no ceo, para celebrar a publicación de mil títulos, coa participación de cincuenta e oito escritores, entre os que só se atopaban cinco mulleres. Fisterra. Relato curto en Galicia xa conta con máis dun corenta por cento de participación feminina. No segundo volume, que estará dispoñible dentro de sete ou oito meses, será superior ao 50%. Axudoume a ver esta realidade unha autora que, por diversas razóns, quedou fora do primeiro volume. Pero hai tempo para que poida incorporarse, porque este proxecto ten vocación de continuidade. Cada ano sacaremos un novo título, dándolle cabida a todo este caudal creativo. A narrativa galega vive momentos de esplendor, pero está claro que o mellor está por vir. No século XIX tivemos unha autora fascinante, Rosalía de Castro, que nos segue engaiolando a todos. Logo viñeron poetas incribles, como Luz Pozo e Xohana Torres. Quixera destacar aquí a gran calidade das autoras que lles tomaron o relevo. Narradoras sólidas e rompedoras como María Xosé Queizán... Pero neste momento hai deceas de voces poderosas, de autoras que contan cun currículo impresionante, obra consolidada e multitude de premios e recoñecementos. Teñen o presente e, por suposto, todo o futuro por diante.

–Pódese dicir que o relato breve é un xénero literario que dá sinais de identidade á literatura galega?

–Ten máis relevancia e desenvolvemento na literatura galega, na anglosaxoa e na americana que na española, que se decanta pola novela.

–Moitos anos de silencio para algúns autores.

–Segundo apunta Xosé Ramón Pena, o gran mestre do relato curto, Xosé Luís Méndez Ferrín, non publicaba neste xénero literario desde hai vinte anos. Aquí ofrece un magnífico conto, titulado “Barbaña”, no que descobre que el tamén tivo un irmanciño. Pero o seu non foi un pinsapo, como o de Ramón Otero Pedrayo. Foi un fermoso can, que lle presentou a nai “con carraxe” no momento que descubriu que non podería ter máis fillos.

–Nestes últimos anos, ademais do xa citado fenómeno das mulleres narradoras, tamén ten moita presenza o xénero negro,o cal se reflicte en Fisterra. Coida que están xa superados aqueles prexuízos sobre a novela negra en Galicia que se tiñan hai trinta ou corenta anos?

"Para min foi unha sorpresa descubrir a grande eclosión de autoras que se está a producir"

decoration

–Non hai xéneros menores, só boa e mala literatura. Abonda con lembrar e valorar nomes propios que todos temos na mente.

–Cales serían os sinais de identidade do xénero negro “á galega”?

–O xénero negro ten a vantaxe de enraizarse no territorio. Por forza, hai que desenvolvelo nun medio físico. Tamén contribúe a popularizar e democratizar a literatura, que pode chegar a todas as capas da poboación. E todo isto, sen pechar os ollos ás correntes e a todo o que se está facendo fóra.

–Algunha incidencia que apuntar no proceso de “construción” de Fisterra?

–Ao tratarse dunha nómina de oitenta escritores, que participan nos dous primeiros volumes, tivemos a enfermería chea. O máis triste, foi a morte inesperada de dous autores. Darío Xohán Cabana finou poucos meses despois de mandar o seu texto para o primeiro libro -levaba case dez anos de silencio, nese eido literario-, e tamén nos sobresaltou a morte de Domingo Villar, despois de mandar o seu conto para o segundo volume.

–Que máis nos pode adiantar do segundo volume?

–Levará como título outro topónimo ou elemento xeográfico de calquera das provincias galegas. Xa temos aquí a totalidade dos relatos. Só faltan o epílogo e o prólogo, de Rexina Vega e Antón Riveiro Coello, que chegarán na primeira e na derradeira semana de xullo. Tamén se pode avanzar que contará con textos de Manuel Rivas, Domingo Villar, Marilar Aleixandre e Alba Cid, entre outros. Manuel Buciños encargarase de facer o deseño da imaxe da contraportada, que se converterá en lámina, asinada e numerada do un ao cen, como agasallo para os autores e colaboradores.

Compartir el artículo

stats