Arte: exposicións

Entre a pintura e a escultura

Marcos Covelo en SVT Espazo de arte-Sirvent

Mostra "El sueño de Ícaro", de Marcos Covelo (SVT Espazo  de arte-Sirvent).

Mostra "El sueño de Ícaro", de Marcos Covelo (SVT Espazo de arte-Sirvent). / Eli Regueira

O lugar que ocupa a pintura, o seu papel referencial e programático no panorama da arte, oscila -desde as vangardas históricas- encadrado nunha polaridade dobre e que se move entre a súa resistencia como medio de expresión e mais a sempre anunciada posíbel desaparición do propio produto. Nese contexto e debate é onde debemos, entón, inscribir inevitabelmente os discursos recorrentes a respecto da súa decadencia e da súa disolución.

A reflexión sobre o presente da pintura e sobre a súa relación e viabilidade como linguaxe en distintos soportes e transmisións, está no fondo do traballo do artista Marcos Covelo (Vigo, 1985), que co título de El sueño de Ícaro pode contemplarse no SVT Espazo de arte-Sirvent de Vigo. A exposición está centrada en labores cerámicos e téxtiles que reformulan algúns principios da abstracción contemporánea; por medio destas formas, que pasan da mancha á cerámica, Covelo realiza unha vistosa montaxe, deixando que as obras falen de seu. No fondo, o quefacer do artista vénnos falar, e lembrar, arredor da permanencia da pintura na arte actual, encadrada en novos soportes e ámbitos materiais. E este feito devén tan manifesto, que se percibe como o sentido global de todo o traballo do artista. En consecuencia, aquilo que se nos ofrece coas brillantes pezas elaboradas desde valores como levidade, dureza e mancha, é unha ollada dirixida sobre os camiños abertos que a pintura posibilita nos diferentes soportes en que hoxe se manifesta a creación artística. Para desenvolver o enleado tecido de liñas que converxen no noso plural momento, parte Covelo na súa proposta dun presente rigoroso que se insire tamén na tradición do medio pictórico, permitindo que poidamos ler as obras na súa total instantaneidade, mais tamén como froito dunha vizosa tradición cando o pintor utilizaba un instrumento xa formado cuxos mecanismos se transmitían intactos sen ningunha obsesión de novidade e a forma non era obxecto dunha propiedade. O presente artístico mostra que a pintura, a pesar de todas as mudanzas, continúa a ser un ben común e que resulta ser o pensamento, a idea, aquilo que devén atinxido pola alteridade, continuando a forma, en boa medida, a ser un valor de uso a pesar da multiplicidade de linguaxes artísticas.

Nas diferentes imaxes: diversos momentos da mostra El sueño de Ícaro, de Marcos Covelo (SVT Espazo  de arte-Sirvent)  |  FOTOS: ELI REGUEIRA

Obras de Marcos Covelo no SVT Espazo de arte-Sirvent. / Eli Regueira

Por medio deste tipo de traballo que presenta Marcos Covelo, o espectador pode percibir os elementos de continuidade da longa tradición da pintura, detectando como sobreviven, como se prolongan trazos provenientes das vangardas históricas do século XX en diferentes soportes e nun continuo diálogo do que se pode tirar a conclusión da permanencia pictórica, que se ben ten de compartir peso na arte actual con diferentes vehículos expresivos, e mesmo estar atenta á constante posta en cuestión, manifesta aínda a súa vitalidade nos diferentes soportes e transmite a súa estrutura profunda, incluso cando se aplica a medios desemellantes. Así é como debemos entender o paso que o artista explica do bidimensional ao tridimensional, do universo do lenzo ao espazo expositivo, e que Marcos Covelo define como un territorio que se revela como un lenzo en branco en tres dimensións. De aí que as obras sexan instalacións pictóricas con forte carga escultórica, coa mancha e o xesto pictórico ocupando o espazo.

DarioBasso©EliRG

Outras das obras que integran a exposición. / Eli Regueira

Esta situación do pictórico fai evidente, certamente, as tensións da sociedade actual, as súas pulsións, permitindo percibir a pintura como obxecto dunha translación, xa que nela se poden enxergar procedementos que a sitúan nun tránsito, mesmo físico, cara a outros soportes e mundos visuais, un transcorrer que tivo momentos de apoxeo no contexto da vangarda histórica, en especial na obra de pintores como Malevich, que a levaron ao seu límite, situando a arte nunha experiencia limiar e abisal ao tempo.

Título: El sueño de Ícaro.

Autor: Marcos Covelo.

Comisario: Ángel Cerviño.

Local: SVT Espazo de arte-Sirvent.

Do 12 de maio ao 8 de xullo.

DarioBasso©EliRG

Obras de "El sueño de Ícaro, de Marcos Covelo. / Eli Regueira

[object Object]

Mais o presente que traballos tan reflexivos como El sueño de Ícaro nos quere mostrar, sitúanos alén dos debates da vangarda histórica, como poderían resultar aqueles que se centraban na dicotomía abstracción-figuración. Porén, vén encadrarnos mentres nun contexto distinto –o actual- en que a arte é plenamente consciente da súa historicidade, mais tamén da súa carga de intensa cultura visual, de xeito que para moitos artistas a obra devén en reflexión metapictórica, sendo a propia arte a que funciona como auténtica espoleta para as novas creacións, nun exercicio duplo: introspectivo e extensivo ao tempo.

Os campos de exploración van, daquela, desde o diálogo coa historia da pintura ao mundo dixital contemplado este como novo territorio de narración pictórica, e pasando polas diferentes representacións da realidade fragmentada, ou pola utilización e reflexión sobre o tempo para conseguir un tipo de percepción diferente e máis profunda. Ao final podemos chegar á conclusión de que a pintura constitúe, no profundo, un problema de consciencia, e sen ela a obra perde calquera valor e capacidade de comunicación.

Suscríbete para seguir leyendo