Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sorprendente final

Personaxes ben perfilados

Detalle da portada do libro "O quinto en cuestión".

Robertson Davies (1913-1997) foi actor, produtor de teatro, articulista e profesor da Universidade de Toronto, pero sobre todo salienta a súa obra como dramaturgo e narrador. Nunha ocasión discutiu con Margaret Atwood sobre quen era o mellor escritor do Canadá, o que quere dicir que era consciente de que a súa obra tiña méritos indubidables, entre eles unha poderosa imaxinación, dominio dos diálogos, habelencia para a construción dos personaxes e un estilo eficaz. Esas virtudes agroman en O quinto en cuestión, novela verquida ao galego por un tradutor de sólida carreira como é Alexandro Tobar e que publica Faktoría K .

O título do libro ten que ver cun personaxe que no teatro e na ópera resolvía a trama de xeito satisfactorio. O quinto en cuestión é a primeira novela dunha triloxía, considerada o cimo da súa literatura, que fixo que fose candidato ao Nobel. A través dunha extensa carta, Dunstan Ramsay conta as peripecias da súa vida desde unha trasnada de nenos ata o momento da morte dun magnate, amigo da infancia, e que está relacionado cun mago e con el mesmo por un pasado que volve de modo recorrente para desacougar o lector con problemas morais asociados á responsabilidade, á culpa e ao destino. O narrador escribe con humor, nun ton traxicómico, e cunha erudición notable sobre o mundo dos santos e da maxia, conta a súa participación na I Guerra Mundial, con consecuencias negativas, fala das experiencias amorosas e chama a atención, como protestante que chega a perder a fe, a súa relación cunha revista dirixida por xesuítas. Cun final sorprendente, conclúe unha novela tradicional cargada de anécdotas e personaxes ben perfilados.

  • DAVIES, Robertson, O quinto en cuestión (trad. Alejandro Tobar), Faktoría K, Pontevedra, 2022, PVP. 17,10 €

Compartir el artículo

stats