Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ENTREVISTA
Óscar Ibáñez - Músico

“A gaita fíxose famosa na etapa de esplendor do Camiño”

Óscar Ibáñez é representante galego en 'Piperegrinos. As gaitas do Camiño' (Inquedanzas Sonoras), un álbum resultado do encontro de gaiteiros procedentes de Cataluña, Portugal, Asturias, Castela-León e Aragón, patrocinado polo Xacobeo 21-22

O gaiteiro de Poio Óscar Ibáñez. | FOTO: TONI REGO

Dende cando se pode vincular a gaita coas denominadas “Músicas do Camiño?”

–Podemos asegurar que a gaita é o instrumento tradicional máis representativo da meirande parte das culturas do continente europeo. Na actualidade son innumerables as variantes morfolóxicas da gaita, presentes en máis de corenta países. Este instrumento fíxose moi popular en toda Europa a partir do s. XII, coincidindo coa etapa de esplendor do Camiño. A súa importancia fica reflectida en innumerables representacións iconográficas como nas Cantigas de Santa María ou nos mosteiros, igrexas e catedrais do Camiño. Dende a Idade Media, o fenómeno da peregrinación a Santiago desempeñou un papel clave no desenvolvemento das diferentes culturas que integran a identidade europea. No relativo á gaita, peregrinos de toda Europa chegaron a Galicia con diferentes morfoloxías e repertorios, infuíndo decisivamente na evolución das gaitas e repertorios peninsulares.

–Un aspecto que sorprenderá a algúns é que haxa gaiteiros en case toda a Península Ibérica. A “gaita ibérica” naceu en Galicia ou naceu en todas esas rexións de forma simultánea?

Non hai unha “gaita ibérica” senón diferentes gaitas na Península Ibérica. Por exemplo, o “sac de gemecs” catalán, a “xeremía” mallorquina ou a “gaita de boto” aragonesa teñen os bordóns cara adiante como a “zampogna” italiana, polo que pertencen á familia das gaitas mediterráneas. Porén, as gaitas asturiana, galega, seabresa e portuguesa presentan características semellantes ás gaitas dos países do arco atlántico ou “celta”. A gaita non naceu en Galicia nin en Escocia, como se pode chegar a pensar. A orixe da gaita é remota, temos constancia de que posiblemente cunha morfoloxía máis sinxela, era empregada polas civilizacións mediterráneas da antigüidade, a través das que se espallou por todo o continente europeo, Oriente Medio e norte de África. Así a gaita chegou a estas latitudes coas invasións e o comercio, e na Idade Media popularizouse e incluíronselle bordóns, adoitando unha morfoloxía que derivou nas actuais. Neste contexto, o Camiño de Santiago posibilitou un constante intercambio cultural, que resultou fundamental tamén no enriquecimento das gaitas da Península.

–Hai algún motivo que explique por que a gaita se converteu no instrumento emblemático de Galicia (e de Asturias) e non así de territorios como Castela-León, Cataluña, Aragón…?

–Non cabe dúbida que a gaita ten una longuísima tradición en toda a Península. No caso galego, a concepción da gaita como símbolo nacional e identitario xorde durante o Rexurdimento, foi froito de ideas derivadas do Romanticismo como o sentimento de afirmación nacional. Neste contexto procúrase a concienzación e a posta en valor da cultura de noso, propia e diferencial, a través da defensa do idioma e da nosa música, e nesta a gaita xoga un papel fundamental xa que, ademais de estar moi arraizada na tradición do país, entronca co discurso celtista de Murguía, máximo expoñente do Rexionalismo. O labor e reivindicacións de Perfecto Feijóo co seu coro Aires d’a Terra deu froitos; os gaiteiros e os grupos con gaitas pasaron a ter una destacada presenza en actos culturais de relevancia como os Xogos Florais ou calquera outro no que se potenciaba a cultura galega. En paralelo, a tráxica emigración a América, na que tanto destaca o labor dos intelectuais galegos emigrantes, que fixeron polo país tanto ou máis que os que quedaron, como o sentimento da “morriña” contribuíron tamén a determinadas idealizacións coma esta. Xa no século XX foi decisivo o labor de concienzación e posta en valor da figura do gaiteiro e defensa da nosa música por parte de moitos gaiteiros entre os que poderíamos destacar a Ricardo Portela, a aparición de grupos como Milladoiro, que universalizaron a nosa música, ou os referentes dos “boom” folk dos 90. Penso que en Asturias pasou algo moi semellante. Noutras latitudes a tradición gaiteira simplemente se perdeu coa desaparición dos vellos gaiteiros que non tiveron relevo xeracional nun contexto de guerra e fame. Mais nos últimos corenta anos, tanto en Cataluña, Aragón, A Rioxa, Zamora ou Portugal están traballando a reo na súa recuperación, e gaiteiros coma os que forman parte de Piperegrinos están a ser os novos referentes que precisan as súas culturas para que o uso das gaitas se normalice novamente.

–Curiosamente Galicia comparte con outros lugares de España paus musicais como o fandango, a xota, etc. Cal é a orixe destas músicas?

Trátase de xéneros de tradición secular comúns en toda a Península que foron adoptando formas diferenciais en cada zona de xeito que, aínda compartindo a mesmo esquema rítmico, presentan características propias en cada comunidade canto aos modos, patróns rítmicos, estilo e instrumentación utilizada. O fandango parece que podería ter orixe culta; o primeiro rexistrado na escrita musical data de 1730 e é do compositor do período barroco Santiago de Murcia. Algúns investigadores defenden unha orixe hispanoamericana, pero o certo é que se fixo moi popular e que pasou ao repertorio dos gaiteiros como xénero para baile ou lucimento interpretativo rápido e virtuoso.

–Non obstante, temos un xénero noso por excelencia: a muiñeira. É realmente certo que naceu nos muíños?

–A muiñeira é un xénero en ritmo binario de subdivisión ternaria presente en todas as culturas europeas. En Galicia esta denominación aparece por primeira vez nos vilancicos galegos dos mestres de capela como Diego Antonio Machado ou Melchor López no século XVIII, antes tamén chamados gaitas ou “gaytas”. En Galicia, no século XIX a muiñeira instrumental para gaita está documentada tamén con outros denominativos como redonda, ribeirana, carballesa... segundo a zona. Canto á etimoloxía da palabra, parece que está estendida a teoría de que fai referencia á música empregada para divertirse e facer máis levadeiras as longas xornadas de traballo nos muíños.

– Onde está verdadeiramente a orixe da gaita galega tal e como hoxe a coñecemos?

–A gaita contemporánea galega ten a súa orixe na gaita de catro voces propia da zona de Melide. Orixinalmente, a ronqueta e mais o ronquillo desta gaita saían dunha mesma peza en forma de galleto, nas actuais cada unha sae dunha buxa (peza que une co fol) diferente. Desta gaita de Melide tamén existe outra variante sen ronquillo que deu lugar á gaita con ronco e ronqueta, tan característica de gaiteiros como os Garceiras ou o xa citado Ricardo Portela, entre outros.

Compartir el artículo

stats