Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Memoria das pedras

Mosteiro de Santa María das Júnias, Montalegre

Vista da igrexa e dos restos do mosteiro de Santa María das Júnias.

O convento de Pitões das Júnias ou mosteiro de Santa María das Júnias, en Pitões, é un monumento nacional portugués que se sitúa solitario ao fondo dun val. As crónicas falan dunha orixe próxima ao século IX e aínda que o paso do tempo deixou a súa pegada, entre as súas ruínas emerxen con gallardía pedras cheas de espiritualidade, cunha igrexa románica en perfecto estado, as arcadas do claustro, a cociña, o cemiterio ou as vellas canalizacións de auga. Así pois, o mosteiro vén ser unha das xoias patrimoniais desta poboación lusa – Pitões das Júnias– do concello de Montalegre, rodeada de tradición, verde e granito. Garda unha beleza antiga e natural enmarcada pola paisaxe de Peneda- Gerês. O silencio que se escoita nesta serra de Portugal (e Galicia) é o mesmo que atraeu hai séculos a un grupo de monxes que aquí se retiraron para facer vida monástica.

Vista posterior da igrexa.

O convento aparece xunto a un regueiro e un muíño, nun val estreito e profundo que os monxes primeiros buscaron para desenvolver a súa vida humilde e ascética. Inicialmente ocupado por devotos da regra de San Bieito, a mediados do século XIII pasou a seguir a regra do Císter, quedando durante un tempo agregado á abadía de Oseira. Aínda que modesto en orixe, co paso das centurias o mosteiro foise enriquecendo coa obtención de terras da zona de Barroso e Galicia, coa que fai fronteira. O propio edificio e mais a igrexa experimentaron obras de mellora e ampliación e mantivo o seu esplendor ata mediados do século XVII, cando comeza a perder monxes e tributos. A exclaustración de 1834 deixouno sen frades, e un incendio para mediados do XIX levou por diante moitas das dependencias conventuais.

Arcadas do claustro. Tere Gradín

A igrexa é unha estrutura de nave única e capela maior rectangular, algo máis estreita que o espazo central. Tres portadas dan acceso ao seu interior, unha na fachada occidental e dúas a cada lado. O dobre campanario está flanqueado por dúas torres e coroado por unha cruz e un reloxo de sol de 1777. O edificio foi construído in situ con materiais de orixe local. No interior garda un interesante retablo barroco. A sabedoría dos monxes levoulnos, entón, a instalarse nun remanso de paz cheo de gratificante beleza, cruzado polo regato que cincocentos metros máis adiante cae en idílica fervenza ante a maxestosidade do Gêres. A aldea garda máis patrimonio por coñecer, como o forno comunitario, a igrexa parroquial de San Rosendo, a capela serrana de São João da Fraga ou as casas apiñadas na ladeira.

Perspectiva lateral do mosteiro de Santa María das Júnias.

Pitões das Júnias ten na vella corte do Boi do Povo un ecomuseo que funciona integrado co Centro Interpretativo de Montalegre para abarcar temáticas como “O pastoreio em regime extensivo”, “A vezeira”, “A tecelagem”, “Os abrigos de pastores” ou “A agricultura de montanha”, entre outras. Moi preto, o concello de Montalegre está dominado por un impoñente castelo do século XIV, construído no sitio dunha fortificación anterior, cunha airosa torre de máis de vinte e sete metros de altura. E aniñado aos seus pés, o vello pobo exhibe edificios de granito e a elegante Capela da Misericordia. A artesanía da zona reflicte o seu carácter rural e aínda se poden atopar capas rústicas feitas con lá ou zocos de madeira, ademais de encaixes e bordados en liño.

Á beira do castelo sitúase a sede principal do Ecomuseu do Barroso, un centro de interpretación onde o visitante toma contacto coas diferentes realidades que integran a zona. Ademais da colección visitable –con documentos, maquetas, traxes…– e das exposicións temporais, existe unha horta pedagóxica que garda produtos da zona. O museo, instalado nun gran casarón de pedra restaurada, leva o nome do Pai Fontes, un dos maiores embaixadores desta rexión transmontana.

Museos do territorio

Ademais de ter núcleo en Pitões das Júnias, o Ecomuseu do Barroso estende a súa representación á parrroquia de Salto, na coñecida como Casa do Capitão. Trátase dunha antiga edificación señorial que pertenceu a un representante do poder local. Neste espazo museolóxico están inventariadas máis de mil pezas doadas polos propios veciños. Os temas tratados van desde a raza autóctona barrosã aos apeiros ou a maquinaria agrícola, pasando polo ciclo do liño ou do pan, entre outros. Tamén se mostra a cociña local e como debeu ser a casa típica da época.

Na mesma freguesía sitúase outro museo, o dedicado ás minas de wolframio da aldea de Borralha. Foi o principal centro mineiro de Portugal de explotación deste mineral durante décadas. Comezou a súa actividade en 1902 e continuou ata 1986, ano do seu peche. E nun dos núcleos rurais mellor conservados de Montalegre está aberto ao público o Centro Interpretativo da Avifauna da Região, reconstruído nas que foron antigas cortes dunha casa de Tourém, a aldea na que se sitúa. O Ecomuseu do Barroso existe desde 2002 para preservar a memoria colectiva transmontana, que pode coñecerse tamén no concello próximo de Boticas, onde está o Museo Rural, depositario do que foi un modo de vida. Pódese ver desde a cociña tradicional aos traxes rexionais, a agricultura ou o enigmático “vinho dos mortos”.


Compartir el artículo

stats