Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Paradigmas da arte

Exposicións inmersivas e novas propostas culturais

Un momento da exposición inmersiva "O ouro de Klimt".

Se puidésemos velo cos seus ollos, sentilo coa súa pel, pensalo coa súa mente...; entón si, estaríamos quizais dentro de A noite estrelada. Seríamos unha das tantas pinceladas axitadas de Van Gogh ou seríamos, tal vez, O bico de Gustav Klimt na súa máis lene levidade. A arte ábrenos o camiño cara a unha infinidade de pensamentos pero..., e se mergullásemos de cheo no seu interior?

A Covid-19 acelerou un proceso que, posiblemente, fose culminar tarde ou cedo. Da man dos incesantes avances tecnolóxicos e do desexo de innovación, a procura de novas relecturas da arte converteuse nunha carreira de fondo. Así, as exposicións inmersivas son o novo paradigma da museografía, na súa aposta por crear emocións e deseñar experiencias impactantes, diferenciadoras e universais. Iso si, nun mundo cada vez máis carente de sensibilidade.

Frida Khalo, a Experiencia.

O Grand Palais de París contará, a partir da súa reapertura en 2024, cunha Mona Lisa en 3D. Mentres tanto, España prepárase para inaugurar en marzo, cunha exposición dedicada a Gustav Klimt, o Madrid Artes Dixitais (MAD) onde realidade aumentada, proxeccións audiovisuais, realidade virtual e holografía empregaranse para tecer unha relación entre a arte e a sociedade do seu tempo.

O carácter inmersivo da cultura non é, con todo, algo tan recente como cabería imaxinar. A súa tradición remóntase aos albores da escenografía teatral do século XVII, cando xa se preparaban efectos especiais mecánicos capaces de embulir o público e afastalo do seu redor. Na actualidade, a espectacularidade nos proxectos expositivos non fai senón procurar o abraio dos visitantes. Pioneira neste sentido é a compañía francesa Culturespace, empresa xestora de espazos culturais e produtora de exposicións dixitais, que xa creou catro centros dedicados á arte inmersiva. O último, Bassins des Lumières, atópase no interior dunha antiga base submarina da Segunda Guerra Mundial, en Bordeos, onde o peixe dourado de Paul Klee navega entre as súas paredes. Con máis espazos en París e Corea, a compañía planea abrir outros en Dubai, Nova York e Chicago. Todos eles en lugares que teñan unha historia notable e nos que se tensa a fina liña que existe entre a arte e o entretemento, entre a vida real e a realidade virtual.

Bessins des Lumiéres, en Bordeos.

Nas últimas décadas, achegar a arte a novos públicos converteuse nun imprescindible. Os museos clásicos e solemnes, tal como os coñeciamos, están a cambiar. Deixan paso a puntos de encontro sociais, dinámicos e interactivos que convidan á participación e ao pensamento. Os museos agora procuran o equilibrio entre o lúdico e o educativo ao tempo que non perden de vista o seu carácter erudito. A pandemia converteu o universo dixital no único hábitat onde os museos podían subsistir ante a falta de visitantes, deixando na estacada á exposición taquillazo; e as redes sociais tornáronse na súa canle de comunicación cos máis novos, que viven inmerso nelas. “Expoñer. Chegar e irse, xa non é suficiente”, sinala a páxina de Eve Museos, “fai falta xerar comunidade”.

As exposicións inmersivas, son as máis exitosas e rendibles. Van Gogh Alive, Frida Khalo, a Experiencia ou a exposición sobre a obra de Goya da compañía InGoya son algunhas das que percorreron a Península nos últimos anos. Agora ben, a dialéctica entre as últimas tecnoloxías e o contacto directo é algo que nos acompañou ao longo da historia e, do mesmo xeito que non se eliminan entre si, aprenden a coexistir. A nosa sociedade está a cambiar e os espazos expositivos válense dos últimos recursos para potenciarse e achegarse ás persoas. Con todo, a sensación de estar físicamente diante dunha obra de arte, co valor que lle confere o tempo, a súa propia historia e a man do artista, non vai desaparecer. Non é o mesmo ver unha imaxe proxectada que contemplar moi preto de nós unha pintura real.

As exposicións inmersivas viven un auténtico momento de esplendor, que chegou tan rápido como rápidos son os avances que as permiten; pero o seu futuro é incerto. Continúa suxeito ao vaivén dos novos descubrimentos e das cambiantes necesidades do público actual, protagonista xa dos museos.

Primeiro centro de artes dixitais en Galicia

Nunha aposta por medrar acorde co transcurso do tempo e a súa nova realidade, a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, albergará o primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia. Un espazo no que as experiencias inmersivas, a realidade aumentada e outras prácticas do entorno dixital ligadas a arte están contempladas nun Plan Estratéxico (2021-2027), destinado a potenciar a innovación e a creatividade. Deste xeito, procúrase o acercamento da cidadanía a experiencias artísticas novidosas e inclusivas a todas as persoas.

A mesma pandemia, que puxo en pausa o noso mundo, desencadeou un arranque de imaxinación arraizado nas novas propostas que, timidamente, asomaban xa antes do ano 2020. As fronteiras dos museos continúanse a romper, ao tempo que a creación artística amosa novas vías de expresión. As técnicas de arte dixital, 3D ou de arte multimedia son, entre outras, novos pinceis para os artistas contemporáneos. A súa vez, xorden numerosos museos virtuais ou ecomuseos, e as novas prácticas de montaxe expositivo lévannos a explorar insólitos emprazamentos para darlle unha nova dimensión á arte e atraer un público ávido de sensacións.

Compartir el artículo

stats