Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os códigos da arte

Probabilidades e certezas

Comunicación xestual e arte: dous episodios unidos nas capacidades de Marcel Marceau (1923-2007).

Para Giovanni Bonifacio, o código da arte está nos xestos. Cando escribiu en 1616 L’Arte de ‘cenni (A arte dos acenos) Bonifacio non imaxinaba que a modernidade transformaría a arte nun espazo de transgresión perpetua onde é imposíbel atrapar con certeza unha única interpretación dun xesto ou a definición de nada. Pero a arte non sempre estivo no contexto da obra aberta, sobradas mostras temos das análises das imaxes de Leonardo, entre moitas outras. A reedición do código de Bonifacio, no que asigna un significado a 600 posturas do corpo, é unha taxonomía que nos axuda a entendernos mellor na perspectiva do desenvolvemento da linguaxe non verbal. L’Arte de ‘cenni inclúe o significado de xestos localizados dende a testa ata os pés, contidos en pinturas clásicas. Poucos prestaron atención a esta obra ata que autores como Croce e Wundt se interesaron pola linguaxe non verbal nas culturas. A fisiognomía está presente nela pero tamén a vontade comunicativa das emocións. Un exemplo da utilización do seu código na interpretación, atopámolo na Dama tapándose o seo, un óleo sobre lenzo de 1580 que se exhibe no Prado. Os historiadores recorren a Bonifacio para explicar que mostrar o peito aberto significa sinceridade e cubrirse o peito pódese interpretar como esconder o corazón, ocultar a nosa vontade e ánimo. Para o autor, a muda oratoria non é outra cousa que un elocuente discurso, e esta idea tan suxestiva tende un fío condutor á actualidade na Teoría da comunicación humana, na que Paul Watzlawick, sinala a capacidade comunicativa do silencio e a imposibilidade de non comunicar.

Interpretar unha obra de arte é unha actividade máis preto da probabilidade que da certeza aínda que temos que considerar que a historia marca o grao desta improbabilidade. A natureza humana proporciona sistemas físicos moi probábeis para a interpretación certeira; por exemplo, se observamos un fígado, atopamos unha cantidade importante de funcións químicas moi complexas pero que manteñen unha relación causal. Pero cando trasladamos a vontade de interpretación aos fenómenos da conciencia humana, observamos que esta se revela como unha realidade inabarcábel e os procesos interpretativos que dan lugar á creación da realidade están atravesados pola historia do suxeito: en lugar de estar nunha orde causal, observamos unha organización multidimensional e aleatoria onde os significados se constrúen nun marco de extraordinaria variabilidade. A intención de establecer códigos interpretativos na arte atópase coa realidade non só cambiante da cultura senón da súa estreita relación coa función interpretadora da consciencia que non deixa de evolucionar, sometida a unha actividade emerxente permanente que non só cambia o que produce senón tamén a súa natureza material.

Así, ler a arte, significa observar unha cantidade de datos históricos, materiais e filosóficos case infinita. O propio obxectivo da arte en cada época enmarca o código das probabilidades interpretativas. A arte como mímese condiciona tanto a lectura da linguaxe como a arte como expresión. Esta transformación interpretativa da realidade exterior á interior do suxeito comeza a advertirse de xeito sutil na obra de Bonifacio: unha intención que atopa a súa eclosión no Romanticismo e que evolúe cara á ruptura dos límites que se dirixe ao exceso continuo, e sabemos que unha interpretación sempre é un límite. Por iso, definir hoxe a arte e os seus códigos produce insatisfacción porque é algo impropio á súa actual natureza. Agora a arte é máis transgresora que política e nesta condición radica a súa incapacidade para establecer códigos interpretativos xerais como foi axeitado noutras épocas.

Reflexionar sobre as formas da linguaxe colócanos esencialmente no que somos hoxe, o froito da calidade simbólica da consciencia do animal humano, expresión do devir da cultura. A consciencia e o seu mecanismo de funcionamento, a interpretación, é un produto que define a nosa singularidade, por iso interpretar é tan apaixonante como perigoso, xa que interpretar dirixe ao noso futuro e distanciános paulatinamente das respostas condicionadas pola bioloxía que, por outra banda, xa están tan lonxe de nós que non serven para interpretar e xustificar case nada.

Compartir el artículo

stats