Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mercedes Brea e Pilar Lorenzo Gradín Editoras de Afonso X e galicia

“Para o rei Afonso, o galego era a lingua poética por antonomasia”

Ambas filólogas foron as encargadas da edición de Afonso X e Galicia (Xunta/Centro Ramón Piñeiro), volume que inclúe textos delas, ademais doutros de destacados especialistas na materia como Mariña Bermúdez, Miguel García-Fernández, Francisco J. Pérez, António de Oliveira, Mª Luz Ríos e Xosé Sánchez; as historiadoras da arte Marta Cendón e Dolores Fraga; e os filólogos Esther Corral, Juan M. Escourido, Elvira Fidalgo, Déborah González, Simone Marcenaro , Manuel Negri, Juan Paredes, Stephen Parkinson e Xabier Ron.

Pilar Lorenzo (esq.) e Mercedes Brea, no Centro Ramón Piñeiro. XOÁN ÁLVAREZ

–Dá a impresión de que tanto en Galicia como no resto de España, polo menos ata o de agora, non se está a conmemorar como se merece este 800 aniversario do nacemento de Afonso X O Sabio. Teñen tamén Vdes. semellante parecer?

–Pilar Lorenzo: Quizais se está a conmerorar máis entre os especialistas e a nivel local (por exemplo, en determinadas cidades ‘marcadas’ pola presenza do rei, como Murcia, Toledo ou Sevilla) que a nivel estatal, se ben a Biblioteca Nacional, por exemplo, organizou unha exposición de códices alfonsís, que estará aberta ao público deica o vindeiro mes de febreiro. É certo que, se se mide a repercusión do acontecemento pola súa aparición nos medios de comunicación audiovisuais, pódese dicir que foi máis ben escasa. En calquera caso, é importante subliñar que en Galicia tanto o Centro Ramón Piñeiro como o Consello da Cultura Galega foron conscientes da trascendencia histórica e cultural da figura de Afonso X e do papel fundamental que tivo ao consolidar o galego como lingua poética dos seus dominios, polo que festexaron o seu centenario coa publicación de dous libros moi completos.   

–Cal é o obxectivo deste libro e a que tipo de lectores se dirixe?

–P.L.: O libro ten por obxectivo afondar nos vínculos que o rei mantivo con Galicia desde unha perspectiva transversal, polo que recolle estudos centrados en aspectos históricos, manifestacións artísticas conservadas na nosa terra e impulsadas desde a casa real (por exemplo, o caso da Virxe abrideira do mosteiro de Santa Clara de Allariz), así como análises relativas ao cancioneiro profano e mariano do rei e á súa ‘corte’ poética, na que se deron cita trobadores e xograres galegos, portugueses, cataláns, italianos e provenzais. O libro está concibido para todo aquel lector que desexe achegarse por primeira vez á figura de Afonso X , pero tamén para os especialistas que desexen saber máis sobre a “realidade” galega do rei.

–Sábese distinguir cales das pezas incluídas nas Cantigas de Santa María son da autoría do propio rei Afonso e cales non?

–Mercedes Brea: De momento, o que está claro é que o rei foi o creador daquel proxecto editorial que se foi enriquecendo en diversas etapas e de que quixo deixar constancia da súa responsabilidade na produción do mesmo (e así o revela o inicio das CSM). Tamén se sabe que compuxo algúns textos, e, a este respecto, a miniatura que inaugura o coñecido como Códice Rico (custodiado na Biblioteca do Escorial) recolle a Afonso X escribindo cantigas sobre o pergamiño. Unha vez dito isto, os especialistas teñen cada vez máis claro que naquela antoloxía participaron diversas mans, e os estudos que se están a levar a cabo sobre o léxico e o emprego de certos procedementos retóricos contribuirán a identificar algunha daquelas voces que traballaron ao servizo da excepcional compilación mariana.   

–Afonso X naceu no ano 1221 en Toledo. Cando comeza a súa vinculación con Galicia: co clero compostelán, coa administración, cos nobres galegos...?

–P. L.: As primeiras referencias a Galicia debeunas de escoitar na casa dos seus aios, García Fernández de Villamayor e a galega Maior Arias. Mais ata 1240, ano en que o pai lle dá casa propia e lle encarga a administración do reino de León, o percorrido ‘galego’ do infante está cheo de incógnitas. En calquera caso, as súas responsabilidades de goberno na zona galego-leonesa, unida ao feito de que accedese á tenencia de Ribadavia, determinaron que se relacionase cos membros das principais familias galegas. A un nivel máis persoal, cómpre lembrar que, na fronteira dos anos 40’, namorou de María Afonso, filla extramatrimonial do seu avó, o rei Afonso IX de León, e de Teresa Gil de Soverosa, nobre orixinaria dunha poderosa familia do sur de Galicia. Desde pouco antes de ser nomeado rei (1252), non volveu a Galicia, pero esta sempre estivo presente na corte, porque era un eixo fundamental para manter o equilibrio e os intereses da coroa. As súas relacións coas sés episcopais galegas foron oscilantes e, a partir de 1266, entra en conflito aberto con Santiago para tentar limitar o poder do señorío eclesiástico.

Pilar Lorenzo (esq.) e Mercedes Brea no centro Ramon Piñeiro XOÁN ÁLVAREZ

–Cren que, nalgún momento, o rei Afonso chegou a pensar que a lingua galega podería ser o idioma común de todos os reinos da Península Ibérica?

–M.B.: Non. É posible que nalgún momento inicial percibise unha diferencia entre o galego como lingua do reino de Galicia-León e o castelán como a de Castela, pero todo apunta a que, diante da diversidade lingüística existente nos seus dominios (nos recén conquistados, había grupos que falarían árabe), pretendía homoxeneizar o uso do castelán. Ou, polo menos, a iso apunta tanto a documentación procedente da Chancelería real como as súas ordenanzas xurídicas ou o seu labor historiográfico. O que si tiña claro era que o galego era a lingua poética por antonomasia para todos os seus reinos, porque existía xa unha tradición trobadoresca perfectamente asentada desde moitas décadas atrás que empregaba este idioma.

–Como convivían naquela Corte o galego, o castelán, o catalán e o provenzal?

–M. B.: Case poderíamos engadir tamén o francés (ademais de, por suposto, o latín). Existía, sen dúbida, unha intercomprensión a nivel pasivo, pero probablemente menor de maneira activa. É dicir, os membros da corte, e en particular os que participaban no ‘oficio’ trobadoresco, entenderían todas esas linguas, pero só algúns terían competencia dabondo para empregalas. Por exemplo, o trobador Bonifaci Calvo, que era xenovés pero compoñía en provenzal, elaborou na corte de Afonso X un sirventés en provenzal, francés e galego, dirixido ao propio rei; e os cancioneiros galego-portugueses conservaron tamén para este autor dúas cantigas de amor.

–Qué vinculación hai entre as Cantigas de Santa María e as cantigas do Pergamiño Vindel?

–M. B.: Os únicos nexos que teñen en común, que saibamos, é que ambas obras conservan a notación musical e que empregan unha modalidade lingüística moi semellante, cunha “scripta” máis próxima ao galego actual que ao portugués.

–¿Que papel desempeñaron as nobres galegas no entramado cortesán e poético do rei?

–P. L.: O papel daquelas mulleres foi destacado. Se temos en conta, como xa dixemos antes, que unha das súas primeiras amantes foi unha nobre galega, filla bastarda de Afonso IX e, polo tanto, tía súa, xa se albiscan moitas cousas... No libro hai unha contribución moi interesante que indaga precisamente sobre as señoras galegas que tiveron relevancia na corte real.

Compartir el artículo

stats