Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tempo de Antonio Palacios

O arquitecto da magnificencia

Antonio Palacios, segundo pola esquerda, no balneario de Mondariz. Arquivo Pacheco

Moitos ignoran que no centro do escudo de España que loce a fachada do Palacio de Cibeles de Madrid, actual sede da Casa Consistorial, está tallado un escudo de Galicia. O deseño, que se sitúa no lugar no que debería aparecer unha flor de lis -símbolo da dinastía borbónica- é a homenaxe secreta que o autor do proxecto, o arquitecto Antonio Palacios, lle rendeu a Galicia nun dos edificios reitores da capital de España. Todo un símbolo da devoción que sentía polo seu país.

Tras da morte do grande especialista na obra palaciana, o bo e xeneroso Moncho Iglesias, Álvaro Bonet, autor do libro Trazar a mirada (2021), é na actualidade un dos expertos de referencia na obra do porriñés máis universal. “Palacios atopa a súa inspiración en arquitectos como Otto Ritz ou Otto Wagner, proxectistas do monumental que mesturan a arquitectura coas artes aplicadas, cos oficios. O noso arquitecto coñeceu o modernismo vienés a través de revistas e tratados, pero tamén nas súas viaxes por Europa co seu irmán José”, o titular da Botica Nova porriñesa. Malia non ter viaxado aos EE UU “tamén coñecía e admiraba a Escola de Chicago, popular pola súa idea monumentalista da edificación e pola súa rotundidade arquitectónica”.

Para Sánchez García, comisario da exposición monográfica que acolle o Museo do Mar de Galicia, “hai que situar a Palacios entre os mellores arquitectos europeos da súa xeración” pola utilización que fai “das formas, dos materiais e dos volumes”. O autor do Teatro García Barbón “coñecía o movemento moderno do que formaban parte proxectistas como Le Corbusier, pero non lle interesou, xa que entendía a arquitectura como arte con capacidade expresiva, que lle permitía contar cousas”, sostén este catedrático de historia da arte da USC.

Escudo na fachada do Palacio de Cibeles (Concello de Madrid).

Escudo na fachada do Palacio de Cibeles (Concello de Madrid).

Bonet destaca a idea palaciana de “magnificencia arquitectónica”, proclive á ostentación e á grandeza, da que son exemplo edificios como o Círculo de Bellas Artes, o Banco Río de la Plata ou os proxectos non realizados como a Torre de Vigo ou o monumental Palacio Rexional. O arquitecto especialista na obra de Palacios destaca tamén a importancia do debuxo na súa obra, “en particular dos once cadernos de viaxe manuscritos que chegaron ata nós”, e que revelan “un arquitecto que levou a Galicia a Madrid” atento a todo canto vía, a cada detalle da arquitectura tradicional, da paisaxe natural dos lugares que visitaba, con predilección, a do seu país. “Palacios admiraba as cidades alemás como Münster ou Núremberg antes dos bombardeos da II Guerra Mundial”, destaca Sánchez García, urbes cargadas de pintoresquismo e arquitectura histórica “pero dotadas de todos os servizos que a sociedade do seu tempo requiría: tranvías, coches, rúas comerciais... cidades cheas de tradición e de vida”. Salvo para “cidades de arte” como Ourense ou Santiago, Palacios non era un home conservacionista, pero foi un dos promotores da arquitectura galeguista ou rexionalista, “con raíces no románico, pero que admira outros estilos, coma o renacemento ou o barroco”, sostén o comisario da exposición.

16

La arquitectura de papel y en color del genio Antonio Palacios Cedidas por Engaloiarte

Palacios é o creador das primeiras estacións do metro de Madrid e tamén do seu logo -unha auténtica icona urbana que tamén Barcelona fixo súa- así como dalgunha das súas bocas máis representativas como a de San Luís, cuxo orixinal está no Porriño. Xunto ao metro, o tranvía, e incluso o autoxiro e o funicular, que Palacios consideraba esenciais para a vida urbana do seu tempo. “Co vehículo particular equivocouse, xa que traballou en proxectos que pretendían facilitar a súa chegada a centros neurálxicos como a Praza do Obradoiro de Santiago”, sinala Sánchez García, “pero naquela altura ninguén, nin sequera Palacios, advertiu que o coche acabaría sendo un problema para as cidades”.

"Foi o creador das primeiras estacións do metro de Madrid"

decoration

“A construción de novas pontes, como a de Rande, tamén foron anticipadas por Palacios cincuenta anos antes da súa construción”, sinala o catedrático. Esta idea viña dada pola necesidade de articular a comunicación de Vigo no seu contexto metropolitano, que incluía o seu hinterland: Baiona, Panxón, O Porriño, Redondela e mesmo O Morrazo. “Este modelo non era orixinal de Palacios, senón que xa figuraba na obra de urbanistas como o británico Raymond Unwin, autor de Town Planning in Practice (1909)”.

Urbanismo francés

Sánchez García sostén que Palacios “é un dos mellores arquitectos da súa xeración” malia a elaboración de proxectos cuestionables e sometidos a crítica como o plan urbanístico de Vigo, aprobado no ano 1932 e anulado sete anos máis tarde pola oposición de distintos sectores da cidade, entre eles, a de cualificados técnicos como Ramiro Pascual, Manuel Gómez Román ou Jenaro de la Fuente Álvarez.

O proxecto urbano olívico, con bases nos modelos da École des Beaux-Arts de París, “bebía de fontes como a do tratadista Camilo Site, empeñado en romper o modelo urbanístico do século XIX” e apostaba por “unha cidade policéntrica, zonificada e aberta, que pode expandirse indefinidamente”, afirma. “A súa aposta é a dun urbanismo conectado por un viario xerarquizado, estruturado en grandes avenidas que se adaptan á topografía, con zonas verdes e calidade estética e paisaxística”.

Palacios arrasaba sen contemplacións o Vigo tal e como o coñecemos, agás a Colexiata, que deixaba no seu sitio, e as casas asoportaladas do Berbés, que pretendía trasladar facendo oídos xordos das queixas dos que el cualificou como “choromicas”, isto é, dos conservacionistas contrarios á súa idea rupturista e anovadora de Vigo “inspirada en cidades como o Chicago de Burnham, con grandes rúas radiais e parques e edificios reitores presidindo as grandes avenidas”.

Compartir el artículo

stats