Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sangue de artista

No cabodano de Rosario Álvarez de Sotomayor

Rosario de Sotomayor e a súa filla na casa de F. Fernández Veiga.

A xenética obrou a súa lei coa saga de Fernando Álvarez de Sotomayor porque catro das cinco fillas que tivo foron pintoras; non así o fillo, José María, que sentiu a chamada da carreira diplomática, aínda que fose tamén bo arquitecto. A última da estirpe, Rosario, faleceu o 23 de outubro de 2020 tras unha longa vida dedicada á familia e aos pinceis, sempre co recordo da figura paterna, que chegou a ser director do Museo do Prado e artista recoñecido. En dous días cúmprese un ano do falecemento da que foi irmá máis nova da dinastía Sotomayor, que se foi de nós con case cen anos.

A afección veulles a Pilar, María del Carmen, Rosario e María Josefa desde o berce, vendo o seu pai (Ferrol, 1875-Madrid, 1960) ante o cabalete, pintando as escenas costumistas galegas e os retratos que tan famoso o farían. Tamén aprenderon como visitantes privilexiadas do Museo do Prado, entidade que o seu proxenitor dirixiu desde 1922 deica a súa morte. Contaban que Fernando Álvarez de Sotomayor era un prodixio de rapidez cos pinceis, capaz de plasmar no lenzo calquera motivo, fosen paisaxes, bodegóns ou figuras, entre outros. E, aínda que magnífico no seu, dicía que non sabía ensinar. Así, pintando diante das fillas, foi espertando a vea artística na rama feminina. Pilar (A Coruña, 1908-Valencia, 1993), estudou uns anos en París e regresou á Coruña. En 1934 sumouse á creación da Asociación de Artistas, unha iniciativa impulsada polo seu pai. Nese mesmo ano participou xunto ás súas irmás nunha exposición de mulleres na arte. Da súa parte, María del Carmen, nacida en Chile en 1910 –onde viviu temporalmente a familia- espuxo nunha individual en 1944 na famosa galería Macarrón de Madrid, onde mostrou 17 obras, entra as que a crítica destacou Estudio de mujer e Lección de música. Josefa fixo a Primeira Comuñón en 1916 xunto á súa irmá Pilar e coincidiu coas demais irmás na exposición realizada no Círculo Cultural Medina do 2 ao 16 de abril de 1947. Volverían xuntarse na colectiva de 1960 ao cumprirse o XXV aniversario da Asociación de Artistas. En fin, Rosario (A Coruña, 1921-Madrid, 2020) dirixiu unha galería de arte en Madrid e tivo ocasión de expoñer a súa obra en Pontevedra, Pamplona e Londres, entre outras cidades. Foise con discreción e elegancia en outubro do ano pasado, en época de pandemia e velorios na intimidade, cando Faustino Fernández Veiga, exdirector e propietario da Galería Laxeiro en Vigo –e amigo da familia- dedicoulle un “Adeus urxente” –orixinalmente escrito en castelán–do que se transcriben algúns parágrafos.

Interpretación de Comida de voda en Bergantiños, cadro da autoría de Dna. Rosario.

“Caladamente, lonxe do eco que adoitan ter deportistas de elite e rapeiros de ocasión, faleceu en Madrid María del Rosario Álvarez de Sotomayor, último membro da extensa familia do artista Femando Álvarez de Sotomayor, famoso, multigalardoado e museado en todo o mundo, ferrolán de nacemento, como Villamil, Máximo Ramos, Segura Torrella e varios pintores máis, todos eles entre as figuras máis destacadas da plástica deste país, que adoita parilos en abundancia, apoialos con tacañería e esquecelos con facilidade”.

Rosario de Sotomayor, titulada superior en Belas Artes, identificaba á perfección a pintura paterna, “cuxas máis famosas obras e tipos populares de Galicia reproduciu, como a universalmente coñecida Comida de voda en Bergantiños, hoxe na colección da Academia de San Fernando de Madrid”.“Vendo pintar o seu pai, Rosario pintaba, tarefa que proseguiu ata o fin dos seus días, cando estaba a piques de ser centenaria”, anota Fernández Veiga, e na rúa Espalter de Madrid, onde estaba –está– o estudo museo do seu proxenitor, seguiu co labor “conxénito”, “agasallada por galeristas e museos desexosos de conseguir algunhas das súas obras ou as escasas que conservaba do seu pai e e das cales non quería desprenderse, a pesar das substanciosas ofertas que por elas recibía”.

A modelo, cadro da autoría de Dna. Rosario.

Pintora ata o fin

Rosario Álvarez de Sotomayor, do mesmo xeito que os seus irmáns-o pintor tivo sete fillos con Pilar de Castro, aínda que Fernando, o máis novo, faleceu en 1937-, conviviu desde nena coas escenas plasmadas no lenzo, especialmente na aldea coruñesa de Sergude, onde o seu proxenitor atopaba a inspiración para os seus cadros máis etnográficos e coloristas. En 2001, con motivo dunha retrospectiva da súa obra na Coruña, deixaba claro que: “Pintarei ata o día que morra, como o meu pai, que o día que faleceu estivera pintando”.

Rosario, di Faustino Fernández Veiga, “viu traballar ao seu pai, foi o seu modelo en retratos sinxelos e de elegancia natural, porque quen foi moitos anos director do Museo do Prado, da Real Academia de San Fernando e inclusive alcalde da Coruña, reunía na súa dotada personalidade múltiples e ben definidas facetas de xema admirable, que transmitía aos seus familiares frecuentes motivos para os seus cadros, que constitúen iconografía destacada da España próxima pasada”.

A pintora foise “con Galicia na alma”, como expresa Fernández Veiga no seu “Adeus urxente”, testemuñada na súa obra plástica. “Algún día –continúa– haberá de ter a exposición persoal que merece nesta terra de pintores e, máis aínda, de pintoras, tantas, que a mera relación delas precisaría varios folios. En Rosario residía o señorío do seu pai, e non pouco da calidade humana do seu proxenitor”.

Compartir el artículo

stats