Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A esencia deste país

Emilia Pardo Bazán e a pintura galega

Figuras principais da obra “Saída da misa en Xornes”, de Fernando Álvarez de Sotomayor.

O renacido interese pola figura e a obra de escritora Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 16 de setembro de 1851- Madrid, 12 de maio de 1921) lévanos, sen máis vontade que a de bosquexar algunha liñas argumentais, a prestar atención á súa visión da pintura galega, unha realidade que estaba, no período vital da novelista, nun proceso de asunción dunha definida identidade.

Este aspecto é perceptíbel de forma moi intensa na novela La quimera (1905). Cómpre lembrarmos que a obra está protagonizada por un artista inspirado en Joaquín Vaamonde (A Coruña, 1872- Pazo de Meirás, 1900), pintor que gozou da protección da escritora, a quen retratou e mesmo pasou os seus últimos días, doente de tuberculose, no Pazo de Meirás, onde finou. La quimera é unha novela que defende unha estética simbolista, xa desde o mesmo título, e comparte con esta corrente a concepción dunha pintura que se orienta cara a recomposición do plano espiritual e dun forte esteticismo. Alén diso, no libro hai outro aspecto importante, relacionado especificamente coa realidade galega desa altura, como é a construción dunha identidade cultural propia, que a escritora non pode nin quere agachar. De feito Emilia Pardo Bazán pon en boca do pintor Silvio Lago -reflexo de Joaquín Vaamonde-, en conversa coa súa protectora, a compositora Minia Dumbria -personaxe inspirada na propia condesa-, o seguinte diálogo:

-¿Que tiene usted? -preguntó Minia levantándose del taburete.

-Que me veo ya cómo he de ser dentro de pocos años; con la obra realizada, ¡con mi obra! Haré en el lienzo -añadió palpitando- lo que usted en la música. Interpretaré la luz, el color, la esencia de este país, que no ha tenido intérpretes, hasta la fecha, en la pintura.

O comentario, que expresa a vontade de que Galicia teña unha imaxe propia a partir da constatación de que aínda non a posúe, responde ás arelas dos máis diversos núcleos intelectuais galegos, desde mediados do século XIX. A pesar deste interese, a posición inicial da escritora a respecto da pintura galega vai ser de fondo escepticismo sobre as súas posibilidades, consonte con certos lugares comúns de finais do século XIX e inicios do XX, para nada exclusivos de Emilia Pardo Bazán, que facían fincapé no determinismo lumínico como condición para a existencia dunha pintura relevante.

“O amor e as súas penas”, de Xesús Corredoyra.

“O amor e as súas penas”, de Xesús Corredoyra.

Neste senso, a anécdota sobre Sorolla en Galicia que contaba en 1917 Francisco Camba é ben ilustrativa: “Una tarde hablé con Sorolla en Villagarcía. Estaba pintando un cuadro de cosas gallegas para Nueva York porque le habían encargado una especie de resumen pictórico de España. En Levante, en Andalucía, en Castilla, en todas estas regiones del sol fuerte y de luz cruda, no tuvo dificultades. Pero a Galicia no acababa de verla. Y decía descorazonado: 'Me falta luz'. Esta opinión de Sorolla había rodado ya antes por entre los mismos gallegos más entusiastas de su tierra. Galicia podía tener música, poetas y literatos. El arte que se expresa con palabras y con sonidos encontraría fecundos elementos de inspiración en el misterio de la tierra triste y de los paisajes velados por las nieblas. Pero Galicia no tendría nunca pintores. Faltaba luz en aquellos paisajes...Era el tiempo en que los pintores concedían luz una importancia decisiva. Pronto, sin embargo, cambió ese criterio.”

Nesta liña a comezos dos anos dez, a Pardo Bazán na revista "Nuestro Tiempo" dicía: “Siempre que los extranjeros me hablan de pintura española, les hago notar que si, por azares imprevistos, la mitad de España se escindiese de la otra mitad, reuniéndose a Portugal toda la zona cantábrica y restándole sólo la nacionalidad, incorporado a Castilla lo que baña el último termino del mar Atlántico hacia el Estrecho de Gibraltar y que mira al Mediterráneo, España no habría perdido el solar de ninguna de sus glorias artísticas pictóricas.”

A importancia do rexionalismo

Porén, nun segundo momento, e a partir do pulo que se produce nos anos dez no desenvolvemento da pintura galega, a condesa vai matizar esta valoración e asumir a importancia do Rexionalismo. Recoñece que precisamente as rexións no norte, que até entón non produciran pintura, conseguiron, segundo a súa interpretación centralista, dar un novo pulo á pintura española a partir de fins do século XIX, con “afirmacións novas, inspiradas no que as mesmas rexións levan na súa alma colectiva”. Neste senso, para a autora, Galicia tiña moito que ofrecer pola súa beleza non só pintoresca, senón tamén inexplorada.

Isto é o que defende nun interesante artigo sobre a exposición rexional galega da Coruña de 1917, que publica no xornal bonaerense "La Nación" (17/11/1917) onde destaca, entre todos os artistas a Lloréns, Sotomayor e Corredoyra. Deste último destaca o seu sentimento lírico e forte, o que non é estraño, de termos en conta que esta era a tendencia de ruptura co realismo que ela apoiaba na súa novela La quimera. Este artigo, ademais, provocaría unha resposta rotunda de Antón Villar Ponte desde as páxinas de "A Nosa Terra" (20/9/1917) onde ataca a escritora por apoiar a crenza nunha alma común para todos os españois e ver a pintura de Sotomayor como unha consecuencia máis do realismo español. Villar Ponte, como nacionalista, defende a singularidade da pintura galega do seu tempo. En concreto, e no que atinxe á referencia a Sotomayor, o tempo deulle a razón á autora de Los pazos de Ulloa.

Compartir el artículo

stats