Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ana Cabaleiro Escritora e xornalista

“A retranca e mais a farsa son esenciais na miña nova novela”

En Deixádenos remar, novela finalista do Premio Xerais 2020, a escritora e xornalista Ana Cabaleiro dálles voz ás protagonistas anónimas do cotián, todas humildes e arrabaldeiras, ben sexan esforzadas traballadoras, opositoras, desempregadas, xubiladas, divorciadas, artistas ou viaxeiras.

Ana Cabaleiro, en Santiago Xoán Álvarez

–Na súa novela narra Vde. un choque entre dúas formas de vida. Pódese entender tamén como o conflicto entre unha Galicia que se nega a esmorecer e outra que “pide paso”, pero digamos que de moi “malas maneiras”?

Deixádenos remar narra o choque entre dúas clases sociais: trátase dun barrio de clase traballadora que ve como se lle instala ao lado unha urbanización de familias ricas. Aínda que o choque entre ambas formas de vida atravesa toda a novela, en realidade o que se está a narrar é a vida diaria da xente humilde, as súas loitas, os seus padeceres, os seus soños. Por iso cada capítulo está narrado en primeira persoa por unha veciña ou veciño que vai contando o seu pequeno-gran drama e, ao final, xuntando todas as historias no seu conxunto, temos como unha especie de foto panorámica da vida nese barrio. No fondo, trátase dunha novela que narra a vida común da xente común, que é o que somos a maioría.

–Como naceu esta novela? En que e en quen se inspirou para describir as situacións e os personaxes que aparecen nesas páxinas?

–Primeiro, tiven a idea base de escribir sobre eses barrios periféricos, tan comúns nos arredores das cidades, nos que conviven casas unifamiliares que aínda manteñen hortas e galiñeiros, con casas rehabilitadas con xardín e piscina, e con edificios de pisos; e que por necesidades de expansión da propia cidade acaba acollendo tamén modernas urbanizacións. Mais ao rematar o libro, decateime de que sobre o que acabei escribindo foi sobre a dignidade das persoas humildes, dándolle voz a historias cotiás da vida contemporánea.

–Falando de personaxes, existe na súa vida alguén que coñeza semellante a esta tal María Azul, unha muller tan fascinante?

–No fondo todas temos algo de María Azul. Esta veciña comeza o seu capítulo dicindo que ela sempre pensou que os seus futuros estarían lonxe do seu barrio, triunfando e viaxando polas súas grandes cidades de referencia, como Nova York, Tokio ou Berlín. Quen, no seu momento, non soñou con trascender o seu lugar de nacemento e ter éxito na súa profesión de escolla? É un soño de xuventude moi común e moi lícito. Sería terrible non ter soños de grandes éxitos durante a xuventude.

A escritora e xornalista, Ana Cabaleiro Mónica Patxot

–Que faría se, por esas voltas que dá a vida, nun momento dado se atopase vivindo nun chalet adosado como os da urbanización que aparece na súa novela?

–Para eu vivir nun chalet adosado como os da urbanización de Deixádenos remar, tería que ser rica e levar unha vida moi moi acomodada, e iso non vai ocorrer porque nin a miña situación económico-laboral se presta nin son xogadora de lotaría. Por esta banda está francamente difícil. Tamén podería ocorrer que chegase a vivir nunha urbanización dese tipo prestando servizos de empregada de fogar ou coidando unha persoa dependente. Iso xa se axusta máis ás posibilidades reais da miña vida e, nese caso, o que faría sería traballar. Romanticismo cero.

–Un dos elementos da súa narrativa é o sentido do humor. Sen el, poderíanse ter contado as historias de Deixádemos remar?

–Algunhas delas cambiarían radicalmente se non botase man do sentido do humor. A retranca, a comicidade e mesmo a farsa son fundamentais nesta novela porque permiten abordar situacións que na vida real son moi duras, dun xeito que ao lector ou lectora non lle provoque rexeitamento. En Deixádenos remar o sentido do humor funciona, ademais, como un recurso narrativo que fai máis doada a lectura e a conexión da persoa que le coas historias, porque eu penso que é fundamental que a literatura se preste a ser desfrutada, que a narración flúa, que conecte con quen estea lendo o libro e tamén que entreteña, porque obviamente ningúen le un libro ata o final se non o encontra entretido.

–Por certo, e xa chegados ata aquí: Por que o título de Deixádenos remar?

–O título é unha referencia real, que existe exactamente tal e como se narra no libro. Non vou dar máis pistas porque para entendelo hai que lelo.

“Como escritora, quero crear un tipo de personaxe feminina o máis honesta posible”

decoration

–A súa literatura adoita ter como protagonistas a mulleres. Como creadora literaria: élle máis doado construír un personaxe feminino que un masculino?

–É unha cuestión de honestidade, no sentido de que o comportamento dos personaxes masculinos me pode quedar impostado ou como un cliché, e iso é algo do que sempre intento fuxir na literatura. Mais tamén é unha cuestión de principios porque, secularmente, a literatura achegounos personaxes femininas escritas desde a óptica de autores homes que axudaron moito á crearon de estereotipos nada reais. Non digo que todos os autores masculinos escriban mal as voces femininas, en absoluto, pero eu quero aproveitar a miña condición de muller escritora para crear un tipo de personaxe feminina o máis honesta posible.

– En que medida inflúe o feito de que sexa Vde. xornalista á hora de poñerse a escribir literatura?

–Eu penso que non me inflúe en nada, creo que se fose administrativa nunha xestoría tería a mesma voz narrativa e as mesmas inquedanzas como persoa e como autora. De feito, separo moitísimo a miña vida profesional da creativa: teño un ordenador para a escrita xornalística e outro diferente para a escrita creativa, cadernos de notas diferenciados para cada cousa e mesmo espazos diferentes para almacenar documentación. No meu caso non se dá a conexión xornalismo-literatura, máis ben funcionan como pistas paralelas que non se tocan.

Compartir el artículo

stats