Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mestres para a liberdade

Memoria de Apolinar Torres

Fotograma de A lingua das bolboretas (José Luis Cuerda, 1999).

Semanas atrás soubemos da morte do cineasta Mario Camus. Fóronse alma e corpo, repartidos entre ceo e terra. Mais a arte queda en nós como alimento nutricional para a vida dos pobos. Camus deixounos na filmoteca adaptacións de textos literarios. De Galdós a Lorca, de Delibes a Cela. De escollermos unha, digamos Los santos inocentes. A pericia de Camus foi, precisamente, adaptar o texto literario ao guión. No caso galego un bo exemplo é A esmorga, de Ignacio Vilar.

Do matrimonio literatura-cinema vénseme ao maxín a escena final d´A lingua das bolboretas, texto de Manuel Rivas e dirección de J. L. Cuerda, gravado á beira do celtísimo Arnoia. O mestre (Fernán Gómez) atravesa un corredor humano entre aldraxes sob acusación de “corromper os mozos” mediante o saber, cal Sócrates moderno. O pícaro protagonista, o alumno-pardal, observa o suceso no clima hostil creado polos adultos que se apodera do seu ser. Nun ímpetu desfaise dos brazos da nai para apañar pedras que guinda, levado pola xenreira grupal, ao camión que transporta o seu ben amado indutor do saber.

O profesorado foi dos oficios máis represaliados durante a guerra. Digamos Víctor Fraiz, fusilado no 37, para que un laio de dor abra a terra de Coia. O franquismo apuntou á intelixencia porque no saber está a liberdade. No Glaucopis (2019), boletín-repositorio da historia de Vigo que tan fecundo saber nos dá arredor de nós, lemos o traballo sobre Apolinar Torres que asina Antón Costa, sapientísimo nos estudos sobre a educación.

Torres foi un condutor da renovación pedagóxica. Esta nacera no colo da I República grazas ao ministro Eduardo Chao, krausista de primeira hora e futuro cofundador da Institución Libre de Enseñanza (ILE). A través da prensa, primeiro en FARO DE VIGO e logo en El Pueblo Gallego, Apolinar Torres fíxose sentir en terras de Turonio como un impulsor dos valores da ILE: tolerancia relixiosa, educación pública de calidade, mellora das condicións dos mestres e escolas rurais, contacto coa natureza… Sobre todo isto escribiu, con letra de alento literario, nas seccións dos referidos xornais: “Página pedagógica” e “La enseñanza y los maestros”, respectivamente. Esta educación repudiaba as consignas da vella escola resumidas en “La letra, con sangre entra.” Querían outro modelo educativo que fose base sólida dunha sociedade máis democrática, fraterna e libre. Tres horizontes odiados polo feixismo. Por iso foron por eles.

Un aspecto pouco coñecido é a preocupación do profesorado, antes e durante a II República, pola cultura e lingua do país. Na primavera do 36 convócase a asemblea constitutiva da Federación Galega de Traballadores do Ensino-UXT que defendía o ensino en galego. Canda Apolinar Torres (presidente de corazón galeguista) estaban Roxerius (curmán do poeta Manuel Antonio) ou o bolxevique ourensán Luís Soto (cerebro da futura UPG e PGP), nome que debe ser ouvido o vindeiro ano ao falar do exilio mexicano de F. Delgado Gurriarán.

Ao producirse o golpe feixista, Torres non regresou á súa vivenda en Doutor Cadaval 43-3º. Uns días despois apresárono na illa de Toralla onde se agochara. Aquel home agrilloado era tamén o presidente da Agrupación Socialista de Vigo. Axiña o acusaron de rebelión militar canda os representantes republicanos da cidade, co alcalde Martínez Garrido á fronte. O 27 de agosto do 36 fusiláronos na tapia do camposanto de Pereiró. O franquismo ditaba unha lección indeleble ao pobo. Cal foi o delito de Torres? Ningún. Tras súa quedaba a viúva (Soledad Bernárdez, filla do redactor-xefe de Faro de Vigo) e dous orfos que liscaron de Vigo. Á súa escola do Areal non regresaría endexamais. Pro na prensa quedou o seu saber e contributo á educación e nas crianzas durou a memoria do seu mestre. Que extraordinaria herdanza!

O peso das balas que atravesaron o seu corpo desprazou ao exterior os 21 gramos que pesa a alma. O exacto peso dun pardal. Quero crer, e creo, que a alma se torna paxaro e o alumno algún día será bo profesor.

Compartir el artículo

stats