Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“Que fale o texto”

Arredor do cinema de Mario Camus

Fotograma da serie de televisión "Curro Jiménez".

Moitas das persoas que chegaron a ter un trato persoal con Mario Camus destacan a súa humildade. Este trazo persoal pode explicar que un director forxado ao albor do coñecido como Novo Cine Español —movemento emparentado coa liña rupturista das cinematografías doutras latitudes, que se caracterizaban por exhibir de modo manifesto a pegada dunha autoría— acabara por amosar nas súas obras tanta deferencia pola invisibilidade do autor, coidadosamente agochado baixo o texto. No Festival de Berlín, onde La colmena (1980), a súa adaptación da novela de Camilo José Cela, gañou o Oso de Ouro, o director estadounidense Joseph L. Mankiewicz, que formaba parte do xurado, achegouse onde el para felicitalo. Mankiewicz díxolle que probablemente moita xente pensaría que filmar a longametraxe como a filmou el era algo ben doado, pero “ambos —confesoulle— sabemos que non é certo”. Esta anécdota vén confirmar o carácter do seu cine, resumido no enunciado: “Que fale o texto”. Por esta razón era preciso elixir grandes textos, e abofé que Mario Camus soubo elixilos e adaptalos. Partindo, entón, desa materia prima, non hai máis que buscar o modo de poñelo en escena coa máxima humildade, sen efectismos, como ese futbolista —o deporte sempre foi moi importante na súa carreira— que anota un tanto decisivo, pero que non sinte a imperiosa necesidade de sacar a camiseta para amosar o seu torso musculado e depilado.

Mario Camus (1935-2021).

Porén, “invisible” non ten por que significar moitas veces “clásico”. Para mostra, o seu filme Los santos inocentes (1984), baseado na novela de Miguel Delibes —paradigma dunha adaptación cinematográfica á altura do valor artístico da súa fonte literaria—, onde nos situamos perante unha estrutura afastada da devandita invisibilidade autoral. Así e todo, eses recursos narrativos, herdados da pluma de Delibes, resultan tan pertinentes que apenas destacan na pantalla ou, polo menos, non resultan un efectismo. Cobran sentido, entón, as verbas de Makiewicz referidas a agochar un recurso ata facelo invisible e dar a sensación de que o filme progresa por si só, sen necesidade de artificios, para que o argumento emerxa por riba de todo.

A súa maior influencia literaria foi o escritor Ignacio Aldecoa, a quen adaptou ata en tres ocasións: Young Sánchez (1963), Con el viento solano (1965) e Los pájaros de Baden-Baden 1975), pero tampouco debemos deixar de lado o ronsel doutros autores como Antón Chéjov ou Pío Baroja, retratistas de personaxes marxinais, derrotados e anónimos. Asemade Federico García Lorca, de quen puxo en imaxes a súa obra teatral La casa de Bernarda Alba (1987), a mellor adaptación fílmica dun texto do autor granadino. Unhas adaptacións, xa que logo, fieis ao argumento, pero sempre co engadido poético das imaxes, sobre todo co xogo das miradas deses personaxes perdedores. En relación a Los santos inocentes, o propio Delibes amosouse sorprendido pola forza que o seu texto desprendía grazas ás miradas dos personaxes. E contaba o escritor vallisoletano que quedou fascinado na escena na que Alfredo Landa, ante a pregunta do perito se viu saír a señorita Purita no coche do señor Iván, comeza a mover os ollos sen saber onde pousalos. Non fala unha palabra, non hai xestos; simplemente, Landa move os ollos.

Fotograma da película "Los santos inocentes", que dirixiu en 1984.

Non foi Mario Camus un director que lle dera as costas ao cine comercial do momento, e chegou a dirixir películas interpretadas por Raphael Cuando tú no estás (1966), Al ponerse el sol (1967), Digan lo que digan (1968)— e por Sara Montiel Esa mujer (1969)—, nos dous últimos filmes contou coa colaboración de Antonio Gala na escritura do guión. Incluso chegou a rodar varios spaguetti-western, contando con Terence Hill como actor principal en La cólera del viento.

Formato televisivo

Entre finais dos anos setenta e principios dos anos oitenta do século pasado, Mario Camus imprimiu a súa pegada tamén no formato televisivo, con varias producións de TVE que resultaron ser un éxito rotundo. Entre os máis relevantes destacan títulos como Los camioneros, Curro Jiménez, onde traballou nalgúns episodios da serie, Fortunata y Jacinta, Los desastres de la guerra, con Jorge Semprún e Rafael Azcona como guionistas, ou La forja de un rebelde. E Camus tamén participou como guionista de historias rodadas por outros directores, como é o caso de Los golfos (1960), a primeira longametraxe de Carlos Saura, ou Beltenebros (1991) de Pilar Miró a partir da obra literaria de Antonio Muñoz Molina.

En Galicia, concretamente en Lugo, será recordada por La vieja música (1985), filme enmarcado na capital lucense onde narra a historia dun uruguaio (Federico Luppi) que chega para facerse cargo da dirección técnica do Breogán, o equipo de baloncesto da cidade. Carece de experiencia para o seu cargo, xa que, en realidade, o verdadeiro motivo da súa chegada é poder atopar un amor do seu pasado (Charo López).

Compartir el artículo

stats